José González Vázquez (Ourense, 1970) é dende setembro de 2018 conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia. Baixo o liderado deste inspector de Facenda de profesión a Consellería de Medio Rural viviu unha das etapas máis activas en canto a impulso normativo e de elaboración de plans estratéxicos para afrontar problemas estruturais como a falta de ordenación do territorio, o minifundio ou a falta de remuda xeneracional. Un traballo normativo que recoñece que tarda en plasmarse na realidade.
A súa xestión non estivo tampouco exenta de criticas como a xestión das axudas aos produtores en ecolóxico no 2022, a falta de actuacións de oficio ante as plantacións de eucalipto en terras agrarias ou unha actuación máis decidida para lograr adaptar a nova PAC e o Decreto de Aplicación de Xurros á realidade de Galicia. Con el abordamos estas e outras cuestións nesta entrevista ás portas dunhas eleccións galegas que tamén decidirán a súa continuidade á fronte da Consellería do Medio Rural.
Sector gandeiro: “Galicia ten capacidade para seguir aumentando a produción de leite, pero repartíndoa máis polo territorio”
-A EHE golpeou este ano con especial incidencia as ganderías de vacún do centro e sur de España e os expertos advirten de que para 2024 Galicia poderia ser unha das rexións máis afectadas de España. ¿Como se preparan desde a Xunta para afrontar esta problemática, tanto no tocante ás axudas como no que é a estratexia informativa a gandeiros e veterinarios?
En primeiro lugar, eu penso que é bo trasladar que Galicia é un referente en canto ao que se refire de Sanidade Animal, tanto polas declaracións de rexión indemne en diferentes enfermidades como polo traballo que estamos a facer cos nosos gandeiros. Somos unha Comunidade gandeira e polo tanto afrontamos con preocupación todo o que ten que ver coas enfermidades emerxentes, como a EHE pero tamén a lingua azul e outras. Por iso convocamos o Consello Agrario e tomamos a decisión de conformar un grupo de expertos, que estará conformado neste xaneiro de 2024, para ter un sistema de alerta temperá. Levamos uns cantos anos de sufrir, por mor da globalización e do cambio climático, pragas que antes non tiñamos, e que temos que afrontar.
No caso da EHE o Goberno Central ten que asumir as súas competencias de coordinación. O que non pode ser é botar todo para as Comunidades Autónomas porque temos a competencia en sanidade animal.
A única forma efectiva de enfrontar a EHE, igual que a lingua azul, é unha vacina e o que sabemos é que hoxe hai coñecementos técnicos para podela desenvolver. Neste sentido, o que estamos pedindo é que o Ministerio exerza as súas funcións de coordinación e canto antes ou ben busque a homologación dunha vacina, que para iso ten que falar coas autoridades europeas, ou senón que poña os medios necesarios para desenvolver esa vacina a nivel europeo. Porque isto non é unha cuestión de España, senón que é unha enfermidades que xa afecta a Francia, Italia.
“A Xunta vai publicar a vindeira semana unhas axudas para indemnizar todas as mortes declaradas de vacas por EHE, incluídas as producidas no 2023”
De momento ao único que se comprometeu o Ministerio de Agricultura é a recopilar en xaneiro todos os datos das CCAA de incidencia da EHE.
Por parte da Xunta a nosa resposta foi clara: Imos afrontar a indemnización de todas as mortes declaradas, iso xa se recolleu con carácter retroactivo, é dicir, aínda que sexan no 2023. Neste sentido, os gandeiros galegos poderán solicitar, con carácter retroactivo, as indemnización por todas as mortes de bovinos causadas pola EHE a partir da vindeira semana, cando se publique a orde para compensar o sacrificio obrigatorio de animais por erradicación e control de enfermidades.
Outra demanda que fixemos o Goberno é que se teña en conta no seguro agrario a indemnización non só por morte, senón tamén por perda de produción.
-A produción de leite en Galicia concentrouse nos últimos anos nunhas poucas comarcas, e incluso concellos, co conseguinte problema de falta de base territorial para o crecemento das ganderías e posibles problemas de xestión dos xurros. ¿Que medidas adoptou e ten previsto pór en marcha a Consellería para superar este factor limitante para a produción de leite en Galicia?
Para que haxa un sector gandeiro potente en Galicia, ten que ser competitivo. E o que estamos vendo, grazas aos datos que dispomos dende que puxemos en marcha a estratexia de dinamización do sector lácteo, é que hai un proceso de crecemento do tamaño das explotacións que por agora é asumible. Con datos de 2022 estamos en 65 vacas en muxido de media por explotación en Galicia. Se collemos os datos de Castela e León e Cataluña, unha con más de 150 vacas en muxidura e outra con máis 200, dicir que as nosas granxas teñen un tamaño excesivo eu diría que como mínimo non se adecúa á realidade. Se queremos ter un sector competitivo temos que ter explotacións con tamaño suficiente, penso que non é debatible. Un terzo das ganderías de vacún de leite de Galicia xa están por riba dos 500.000 kg Por tanto, estamos falando duns números que non nos levan a determinar que teñamos un problema de tamaño de granxas.
É certo que se o leite se produce nunha parte pequena do territorio, pode traer consigo un exceso de concentración. Neste sentido, no que estamos é, en primeiro lugar, a través de figuras como pode ser o Banco de Explotacións, é tratar de manter activas, na medida do posible, aquelas explotacións que sexan rendibles e que nos axuden tamén a repartir a produción no territorio.
“Galicia ten capacidade para seguir aumentando a produción de leite, pero repartíndoa máis polo territorio”
O que está pasando co sector lácteo de Galicia penso que é un caso de estudo de como un sector se fai competitivo, sempre o foi pero creo que está chegando a un punto que mantendo a estabilidade de prezo vai ser un sector con moito futuro.
Galicia ten capacidade para crecer en leite e o que hai que facer é buscar o reparto máis axeitado dentro do territorio. Hai zonas que foron e teñen sido moi gandeiras de vacún de leite e se podería recuperar para o seu desenvolvemento. Pero nós isto queremos facelo da man do sector. Nestes momentos o que lle estamos preguntando aos gandeiros é se somos quen de crecer, se pode ver que si, porque estamos mantendo a produción e mesmo no 2023 vai crecer un pouco, é ao mesmo tempo temos que buscar que a oferta non exceda á demanda.
Polo tanto, o que lle podemos dicir a toda esa industria de transformación é que en Galicia temos a capacidade de manter a oferta suficiente para cubrir a demanda, sempre e cando os prezos permitan que sigan sendo competitivas as nosas explotacións.
Que impacto cre que poderán ter os polígonos agroforestais para aumentar a produción de forraxes en Galicia?
Os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, as concentracións parcelarias…eu máis alá do nome ou da lexislación que se utilice, creo que temos asumida unha senda de mobilización de terra agraria en Galicia que ten que ter impacto en todos os sectores. É certo que os primeiros polígonos que estamos a desenvolver non están tan pensados para gandería de vacún de leite, para producir forraxes, máis alá do de Bóveda, pero hai moitos máis para gandería en extensivo. En todo caso, estou convencido de que os polígonos agrarios unha vez que estean ben afinados e ben coñecidos pola xente, polos destinatarios, tamén xogarán un papel importante para a produción de forraxe para as ganderías de vacún de leite e tamén para canalizar ese posible excedente de xurros que poidamos ter. Temos que ser capaces de chegar a esas zonas onde está o vacún de leite e incluso, aínda que non estea moi cerca o vacún de leite, que teñamos a capacidade de convencer aos gandeiros para que poidan facer eses polígonos de forraxe. Estiven hai pouco no concello coruñés de Trazo falando deste tema e había moito interese por parte dos gandeiros de vacún de leite para poder facer este tipo de actuacións.
Acertamos na liña de impulsar e axilizar a mobilización de terras. Vamos ao DOG e hai decretos de concentracións parcelaria, decretos de polígonos e aprobacións de Aldeas Modelo, que suman máis de 35.000 hectáreas.
“Este ano teremos polígonos agroforestais xa licitados, os primeiros na comarca de Monterrei”
No caso concreto das aldeas modelo, temos 21 en marcha en diferentes fases e 8 delas xa con produtores agrogandeiros en activo.
Que previsións hai para a posta en marcha dos primeiros polígonos agroforestais?
Temos asumido o compromiso de que entre que se decreta o polígono e se licita non poden pasar máis de tres anos. Os primeiros polígonos decretáronse no 2021, polo que en 2024 veremos polígonos licitados, os primeiros van a ser na comarca de Monterrei, pero teño que dicir que estamos avanzando de xeito intenso nos 26 polígonos que temos. Imos ver tamén as primeiras agrupacións forestais de xestión conxunta, co Programa de Recuperación de Soutos. Estiven recentemente en Parada do Sil falando coa xente e vendo máis de 100 ha de souto que estaban abandonadas e vamos a recuperar a través desas figuras. Creo que dentro da dificultade que ten mobilizar terra en Galicia, que temos unha lei aprobada en maio de 2021 e que vaia dar resultados efectivos en 2024 creo que é máis que aceptable.
Como ve a normativa que prohíbe a aplicación de xurros con prato? En que medida se vai poder aplicar en Galicia?
Son bastante crítico coas decisións que se toman en Europa e se pretenden aplicar de xeito uniforme no territorio. Eu creo que hai que contemplar a idiosincrasia de cada territorio, e así o defendemos con informes de Mabegondo no seu momento, e trasladamos que a nosa terra tiña moita máis capacidade de asunción de xurros que noutras zonas polas condicións edafoclimáticas e de cultivos que temos aquí, e trasladamos tamén o problema do minifundismo.
Defendo o uso sostible do xurro e a nutrición sostible do solo, pero creo que aquí se nos aplicaron ou se nos poñen enriba da mesa condicións que non son as axeitadas para o noso territorio. É máis do mesmo, porque na propia PAC o estamos vendo, ten unha orientación que nada se parece á agricultura e gandería de Galicia e da Cornixa Cantábrica, non o di só o conselleiro de Galicia, senón tamén os de Asturias ou Cantabria.
“Moitas das esixencias do Decreto da Nutrición Sostible dos Solos non teñen razón de ser en Galicia”
Agora están pensando dende o Goberno Central nunha lei de agricultura e gandería familiar, por fin a ver se somos capaces de que todos entendan que o modelo galego e por extensión da Cornixa é o modelo que deberían ter noutras Comunidades Autónomas e non ao revés, porque a nós véñennos impoñendo esixencias mediterráneas e de CCAA con fincas moito máis grandes nas que moitas das esixencias que ten que ver con ese Decreto da Nutrición Sostible dos Solos teñen razón de ser, pero aquí non. Que lle esteamos pedindo análises aos nosos agricultores e gandeiros por cada finca que teñen, sabendo o minifundismo que temos en Galicia, non ten razón de ser.
Vista esta situación, que posibilidades de flexibilidades na aplicación do decreto vai haber en Galicia?
Todas as flexibilidades que nos permitan dentro da normativa vanse aplicar en Galicia a favor dos nosos agricultores e gandeiros. Galicia e a Cornixa Cantábrica, no seu conxunto, teñen que ter un tratamento especial nestas condicións polo que acabamos de comentar.
Sen embargo, lamentamos a pasividade do Ministerio de Agricultura neste tema: trasladamos as nosas demandas de forma moi documentada e moi apoiados tanto pola Universidade como polos investigadores, pero as nosas reclamacións foron pouco atendidas. Tamén foi así cando foi a negociación dos ecorrexímenes da nova PAC e tratamos de explicarlle todo isto, e agora estamos vendo as consecuencias.
En Galicia hai coincidencia de técnicos, investigadores e organizacións do sector en que os sobrantes de xurro concéntranse en determinadas comarcas asociadas á gandería porcina e avícola, principalmente no Limia e puntualmente no Deza. Como xustifica o proxecto dunha macroplanta de biogás en Cerceda, que anunciaron hai un ano?
O purín é un fertilizante de primeira magnitude para moitas explotacións de Galicia no vacún de carne e de leite, e polo tanto nós non imos permitir que se lle quite ese fertilizante aos nosos gandeiros, que o teñen que aplicar cumprindo a normativa de nutrición sostible do solo.
“As empresas que xestionen as plantas de biogás non poden pedirlle aos gandeiros que paguen polo tratamento do xurro ”
Se hai un excedente e temos que intentar que ese xurro teña un tratamento, a nosa aposta é polo seu tratamento para a produción de biogás, e demandamos e pedimos Fondos Next Generation para facer este sistema centralizado porque non queremos solucionar o problema de catro ganderías ou dunha zona, senón o problema de todas as explotacións galegas que teñan excedente. Para iso falamos con Repsol, Naturgy e Reganosa, e por suposto cos gandeiros.
“Non se contempla a construción dunha gran planta de biogás en Cerceda, senón unha rede de plantas o máis cercanas posible ás granxas”
O terceiro que demandamos, e así llo trasladamos a esas empresas, é que en ningún caso o aproveitamento do excedente de purín pode poñer en perigo a viabilidade económica das nosas explotacións. É dicir, se aproveitan o xurro para facer biogás é un recurso para elas, e polo tanto o non poden é pedirlle aos nosos gandeiros que paguen por ese tratamento.
En canto á “macroplanta” de tratamento de xurros de Cerceda para a produción de biogás, en ningún caso dende a Xunta de Galicia falamos dunha única planta e ese proxecto non se contempla. O que se contempla son plantas de tratamento de purín o máis cercanas posible ás explotacións, dentro da dificultade que ten pola dispersión do territorio de Galicia. Estamos falando de que as plantas de biogás que vaian tratar o xurro recollerano nun radio máximo de 30 km
Polo que respecta á súa ubicación, a premisa é colocalas naquelas partes do territorio onde teñamos máis urxencia pola existencia de excedentes de xurro, que insisto é un fertilizante extraordinario e sustentable.
Acaban de convocar ás axudas extraordinarias para as ganderías de vacún de carne amparadas pola IXP Ternera Gallega. Sen embargo, tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego critican que a Consellería vai deixar fóra destas axudas a unha parte importante das ganderías. Que lles contesta?
Para comezar, é unha incongruencia evidente que Unións Agrarias (UUAA), integrada no consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de Ternera Gallega, critique unhas axudas enfocadas precisamente a apoiar aos produtores que apostan por traballar cos estándares de calidade establecidos por esta IXP.
Para o goberno autonómico é unha absoluta prioridade defender a calidade das nosas producións, amparadas por figuras de calidade como son as IXP. E estas axudas son unha nova mostra: unha aposta clara pola calidade vencellada a unha Indicación Xeográfica Protexida que a é de todos os gandeiros galegos. Porque estar integrado nunha IXP -como nunha DO- é algo voluntario: calquera pode certificar as súas producións con este selo, sempre que cumpra unha serie de controis de calidade.
Neste sentido, esta nova liña de axudas -publicada o 4 de xaneiro no DOG, e que se poden solicitar ata o 5 de febreiro-, está concibida para paliar os sobrecustos que orixina este tipo de produción, máis elevados que na estándar
Todo esto sábeo perfectamente UUAA, que como integrante do consello regulador da IXP de Ternera Gallega coñece dende hai tempo esta nova liña de axudas da Xunta de Galicia -aplaudidas por este mesmo sindicato no seu día-. Unhas axudas dotadas con 12 millóns de euros e que beneficiarán a máis de 7.000 familias que traballan dentro da IXP Ternera Gallega
Por iso, este novo posicionamento de Unións Agrarias so pode entenderse de dúas formas: ou son unhas declaracións electoralistas ou están lanzadas por alguén que vai completamente en contra do sector
A Xunta aposta por seguir potenciando a Orixe Galicia dos nosos produtos agroalimentarios. E na carne, quen certifica esta orixe, así coma a súa calidade, é a IXP. Por iso, convidamos aos consumidores a buscar a identificación de Ternera Gallega como a mellor garantía de carne galega de calidade
Tralo anuncio de que esa liña de axudas íase financiar con fondos propios, apareceu malestar entre as explotacións de ecolóxico, pois no 2022 quedaron fóra dos apoios a metade das solicitudes e non houbo esa posibilidade de que a Xunta complementase as axudas con fondos propios. Considera xustificado ese malestar?
Respeto sempre a posición de calquera persoa ou asociación. Tomamos a determinación o ano pasado de facer un esforzo orzamentario importantísimo, porque son 9 millóns de euros para este ano e temos comprometidos 45 millóns de euros nos próximos 5 anos de axudas para gandería e agricultura en ecolóxico. Non vou entrar nas razóns do 2022, eu penso que houbo uns desaxustes, motivados porque era fin do período do FEADER no PEPAC. Estes apoios gustaríame que se puxeran en comparación con calquera outra Comunidade Autónoma. No 2024 imos ver tamén a demanda que hai. Queremos apoiar e impulsar a agricultura e gandería en ecolóxico dentro de que para nós o realmente importante é que sexan explotacións sustentables nos tres eixos: medioambiental, económico e social. Hai moita gandería en extensivo que non está en ecolóxico pero podemos todos concordar que é totalmente sustentable.
Tódolos anos hai a mesma polémica en Galicia. As ganderías quéixanse de que os anticipos da PAC son escasos. É solucionable esta situación?. Poderanse pagar nos próximos anos maior porcentaxe dos fondos entre o 15 de outubro e o 30 de novembro?
Rematamos o 2023 pagando os 140 millóns que corresponden, pero hai unha razón de fondo nos prazos de pago que ten que ver co minifundismo e coa dificultade que teñen en Galicia os controis que debemos realizar. Con normalidade estamos pagando dentro dos prazos, con 3-4 días arriba ou abaixo se se colle o referente de todos os anos. É certo que hai produtores aos que non lles chega o ingreso porque terán algunha revisión.
“As axudas ambientais e as de segundo piar pagaranse este mes”
As axudas ambientais e as de segundo piar pagaranse este mes. Dentro da normalidade pode haber que algún ano vaia na segunda semana e outro na terceira, ten que ver moito coas dificultades que ten Galicia para os controis.
Sector forestal: “O reto é pechar o ciclo da madeira, tanto de eucalipto como do piñeiro, en Galicia para que quede aquí o valor engadido”
Para a madeira de coníferas, as perspectivas en principio son boas, por novas liñas de demanda como a construción en madeira. Como ve ese futuro e a adaptación de propietarios forestais e da industria do aserrado ás novas posibilidades de negocio, que ofrecen un valor engadido?
Para falar do forestal eu penso que hai que ter unha visión de conxunto, que se consegue tamén grazas á adscrición á Consellería do Medio Rural da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). Toda a cadea do forestal e da súa defensa de todo o territorio témola dentro dunha consellería. Isto permítenos visualizar o sector forestal de Galicia, que é importantísimo, case o 2,5 % do PIB e arredor de 25.000 postos de traballo, e todos os que vivimos no rural sabemos a importancia que teñen todas esas industrias agroforestais.
Agora temos a visión de recurso e temos a visión da industria. Temos a certeza do que hai no recurso co Inventario Forestal Continuo absolutamente avalado polo coñecemento, e aí teño que dicir que o traballo que fixeron as Universidades de Galicia é extraordinario. O Inventario Forestal Nacional, o cuarto, estase mantendo con fotos de hai 15 anos, mentres que en Galicia temos un inventario forestal que cada ano nos dá unha foto certeira do que hai no territorio.
Agora necesitamos que a industria nos diga cal é o destino dese recurso, que é o que quere facer. Para iso abordamos o plan estratéxico da industria forestal, co obxectivo de pechar o ciclo da madeira en Galicia, para que o valor engadido quede na súa totalidade ou a maior parte na nosa terra. Por iso nós apoiamos unha biofábrica de fibras téxtiles, porque parécenos evidente que coa madeira de Galicia facer fibras sostibles pecha o ciclo.
Temos un sector forestal potentísimo e temos que impulsar o peche de ciclos en Galicia con iniciativas como a biofábrica de fibras téxtiles ou o uso da madeira estructural
Parécenos tamén que non podemos deixar de lado unha industria que xa existe, que é a que fundamentou o noso sector forestal, como é a industria do piñeiro. Neste sector cremos que hai un campo importante para pechar o ciclo a través da madeira estrutural. Non significa facer cabanas de madeira como novas edificacións, senón empregar a madeira do xeito tradicional porque as casas das nosas aldeas e vilas, na maioría dos casos, tiñan madeira no seu interior. Queremos recuperar ese uso estrutural da madeira, a materia prima máis sostible para a construción. Nós queremos posicionarnos nesa liña de sustentabilidade, na senda que marcan outras administracións, como as europeas ou países moi desenvoltos.
Temos un sector forestal potentísimo e temos que impulsar o peche de ciclos en Galicia que para nós é un obxectivo fundamental. Apostamos pola madeira estrutural, cremos que hai que traccionar a demanda, por un lado, apostando pola construción pública en madeira estrutural e, por outro lado, subvencionando a construción privada nese tipo de madeira. Xa estamos vendo proxectos moi interesantes de construción en madeira estrutural, incluso de edificios plurifamiliares, de varios pisos.
– Como valora o resultado da moratoria do eucalipto, que en principio se manterá ata o 2025? E como cre que se debería regular a especie a partir do próximo ano?
Eu aposto, e a Consellería do Medio Rural e a Xunta de Galicia, por un monte diversificado. Un monte con biodiversidade no que haxa diferentes especies arbóreas. Se collemos todo o desenvolvemento do plan forestal así se contempla. Temos en marcha o plan de recuperación dos soutos, o plan dos castiñeiros, no que apostamos polas plantacións. Escoitamos e entendemos que o sector do castiñeiro é importante, do mesmo xeito que o impulso ás novas plantacións, así como recuperar os soutos tradicionais, e así publicamos unha liña de axudas no 2023. Empezamos o ano pasado con seis proxectos en marcha que supoñen 356 hectáreas. É certo que se calcula que hai 25.000 hectáreas de soutos de castiñeiros abandonados, pero hai que empezar nun punto.
Por outra parte, temos moita superficie de frondosa, tal como nos informa o Inventario Forestal Continuo, e a este tipo de árbores temos que buscarlles un maior aproveitamento. Temos que ser capaces de xestionar tamén a parte do territorio que ten esas frondosas. Iso significa que hai unha madeira dun valor extraordinario en Galicia, que se se fai máis silvicultura se lle pode sacar un maior rendemento sexa polas claras ou por outro tipo de aproveitamentos. E dentro desa diversificación outra especie importante é o piñeiro, pola necesidade de apoiar esa industria ligada a esta conífera.
Neste sentido, dixemos que a moratoria do eucalipto tiña por obxecto saber o que tiñamos no recurso, e agora precisamos que a industria nos diga cal é a madeira que vai necesitar a futuro, e en función diso tomaremos as determinacións correspondentes. Para nós, o sector forestal e a actividade silvícola é un elemento fundamental porque está acreditado que o monte ordenado e xestionado dá un rendemento económico e arde moito menos que naqueles sitios que hai abandono. Nesa liña nos atoparemos.
Que perspectivas teñen para as agrupacións forestais de xestión conxunta?
No ámbito forestal fóra dos montes veciñais e de man común temos un minifundismo importante no noso monte. Entón, as agrupacións da xestión conxunta é unha resposta a esa necesidade dun maior dimensionamento. Temos que buscar unidades de cultivo máis grandes no eido forestal, como as agrupacións de xestión conxunta, que creo que van funcionar moi ben no eido forestal. Pensamos que dada a idiosincrasia que hai en Galicia hai que darlle todo o abanico de posibilidades ao propietario co obxectivo de que se agrupe, e dános igual que sexa unha sociedade sen ánimo de lucro, unha sociedade civil, unha comunidade de bens ou unha sociedade mercantil, que sería unha Sofor. Todas teñen as súas vantaxes e inconvenientes. O que cremos é que tiñamos que rebaixar as esixencias para poder ser agrupación de xestión conxunta.
As agrupacións de xestión conxunta creo que van funcionar moi ben no terreo forestal porque se adaptan á idiosincrasia que hai en Galicia
O obxectivo é que, sobre todo nas zonas de abandono, se poidan recuperar esas zonas para facer unha xestión sostible dese territorio. Aí penso que hai moito percorrido, na miña opinión, clarísimo para piñeiro e carballo e para agrupacións de xestión conxunta, así como soutos. No 2024 ímonos centrar nas de soutos. Hai algún polígono no que contemplamos poder incardinar dentro do polígono a agrupación de xestión conxunta, porque nos encontramos con polígonos que teñen moito piñeiro e que poderíamos facer esa xestión… Así como na parte agrogandeira nos polígonos os propietarios prefiren vender ou arrendar a terra agrícola, pola propia natureza de quen son (xente maior, ou que vive fóra), pero vemos que cando hai forestal dentro do perímetros os propietarios si que optan por xestionalos eles mesmos, e aí podemos incardinar dentro dos perímetros dos polígonos a agrupación de xestión conxunta, e hai en varios sitios que poderíamos facelo para piñeiro.
Sector do viño: “Imos seguir apoiando aos Consellos Reguladores pero ten que haber maior profesionalización, con plans estratéxicos de promoción de carácter plurianual”
-As vendas de viño tinto están a pasar por un momento crítico en todo o mundo, e aínda que Galicia especializouse máis en brancos hai DOS como Monterrei, Valdeorras e, especialmente a Ribeira Sacra, que se están vendo afectadas. Que medidas vai tomar a Consellería para axudar ao reinxerte de variedades, así como ao asesoramento sobre as novas variedades a inxertar?
Eu son amigo de non tomar decisións precipitadas. nestes momentos a nivel mundial hai un cambio de tendencia no consumo, cun incremento no consumo de viño branco sobre o tinto. En que situación coloca a Galicia? Nunha situación extraordinaria porque Galicia é a mellor zona de España, e eu diría de Europa, de produción de viño branco. Facemos uns viños tintos extraordinarios, pero onde realmente somos unha potencia, e estámolo vendo no desenvolvemento das nosas DO, é nos viños brancos.
“A produción de viño tinto en Galicia é moi pequena e ten moito potencial, non creo que haxa que tomar decisións precipitadas de reinxertar eses viñedos con variedades brancas”
A partir de aí, estamos falando de que o viño tinto de Galicia é unha pequena pinga na produción de viño tinto a nivel mundial. Eu creo que a potencialidade que teñen as nosas DO´s, tamén na parte de tinto, debería de ter suficiente forza para que non fose un problema a súa comercialización. Que é o que estamos facendo nós? Apoiando de maneira firme aos Consellos Reguladores na liña de promoción de todos os elementos diferenciadores que temos aquí tanto no viño tinto coma branco. O noso compromiso cos Consellos Reguladores é que imos apoiar de xeito decidido esa promoción. Temos variedades autóctonas de vide, temos territorio, temos paisaxe, temos viticultura heroica no caso da Ribeira Sacra,… todo iso tense que poñer máis valor.
Estou plenamente satisfeito do desenvolvemento que están tendo os Consellos reguladores desde as súas eleccións, estamos vendo movementos interesantes sen ir máis lonxe en Valdeorras coas campañas que están facendo, a Ribeira Sacra tamén é consciente de que ten que loitar por ter máis mercado, quizás o mercado ata o da agora era máis local porque tiña pouco viño, pero ten que abrirse máis ao mundo. Sabendo que nós podemos defender dentro do branco, sen ningunha dúbida o viño galego é o referente, e dentro do tinto defender ese concepto de viño atlántico, de viño máis fresco, de viño máis o ano, envellecido pero máis fresco, pódenos dar un elemento diferenciador.
-Para cando os viños das 5 DO´s galegas se van promocionar no exterior baixo o mesmo paraugas dunha única marca Viños de Galicia, para axudar así á súa comercialización? Por qué pesan máis os intereses das DO´s?
Defendo o sistema establecido nas 5 denominacións de orixe vitivinícolas, non hai posibilidade de que se puidese contemplar en refundilas nunha soa a nivel galego. Defendo manter as DO´s coas súas subzonas, que lle dan singularidade aos viños galegos e que os fan máis comercializables.
En canto a falar de promoción conxunta para min é falar de Galicia Calidade na súa parte agroalimentaria. Ese traballo de promoción conxunta fixémolo recentemente no Gastronomic Forum Barcelona, onde había bodegas das diferentes DO´s. Por outra parte, temos un convenio firmado coa IGAPE e coas cinco DO´s para neste 2024 realizar promocións conxuntas en diferentes feiras vendendo viños de Galicia.
No que é a promoción conxunta fóra do IGAPE, que sería específico de viños de Galicia, nós apostamos por todo o sector agrogandeiro de calidade ligado á marca de Galicia Calidade. Aí levamos, por suposto, o nome de Galicia con moita honra e a orixe galega de toda a nosa produción agroalimentaria e do mar.
En resumo, a nosa estratexia é dobre: Cando podemos a ir a feiras multisectoriais vamos con Galicia Calidade e aí temos representación das cinco DO´s vitivinícolas. E nas feiras monosectoriais, a través dos convenio co IGAPE, apostamos por realizar unha promoción conxunta baixo o paraugas de Viños de Galicia.
-Como ten previsto a Consellería compensar a progresiva reducción das axudas europeas para a promoción dos viños galegos?
Eu dígolle aos Consellos que cero preocupación, que vamos facer unha aposta clarísima pola promoción da nosa produción e que iso verase na dotación das ordes de subvencións aos Consellos Reguladores en materia de promoción. O único que estamos trasladando é que queremos afondar na profesionalización dos Consellos. En concreto, estamos pedindo algo que parece totalmente normal que é que haxa plans estratéxicos de promoción plurianuais, para afinar o máximo posible o traballo conxunto da Consellería xunto aos Consellos Reguladores para que os cartos que temos para promoción se invistan do xeito máis efectivo posible, co único obxectivo de que medre a venda de viño galego e o prezo se manteña ou suba. E isto non é unha tutela dos Consellos Reguladores.
Investimentos nos centros de investigación dependentes de Medio Rural
Nos proxectos de investimento da Xunta, nos últimos anos destacan partidas como a proxectada para Sergude, co chamado proxecto de Espello do Rural (Anunciáronse 10 millóns de euros no 2019) ou a destinada á rehabilitación do Pazo de Lourizán (18 millóns de euros anunciados este ano). Desde centros de investigación agraria, como Mabegondo, teñen cuestionado este tipo de apoios, en tanto consideran que os seus centros carecen do persoal investigador suficiente. Como ve ese escenario?
Dixen sempre que había que facer un esforzo na investigación agraria en Galicia, despois das palabras hai que ter feito, tanto en investigación como en formación agraria de Galicia, que depende da Axencia Galega da Cadea Alimentaria.
Os orzamentos da Consellería do Medio Rural para este ano son de case 700 millóns de euros, e no caso do pazo de Lourizán en 2024 están consignados 870.000 euros para o concurso e a redacción do proxecto básico e de execución baseado na iniciativa gañadora do concurso de ideas lanzado pola Xunta de Galicia. No conxunto son 18 millóns de euros, incluíndo a rehabilitación dunha edificación histórica, absolutamente extraordinaria, como é o Pazo de Lourizán, cun uso hoteleiro e de restauración. Aí vai unha partida importante. Evidentemente que destinamos tamén fondos para a investigación forestal que se fai alí xunto coa formación.
En canto ao proxecto Espello do Rural é a posta en marcha dunha finca, na que pretendemos a súa recuperación total, e dispor de instalacións que poidamos ensinar aos nosos agricultores e gandeiros. Non nos olvidemos que Sergude é unha das mellores escolas de formación agraria que hai en Galicia, e probablemente en España, e as únicas inversións públicas que se fixeron en Sergude son para a escola, cunhas instalacións que non estaban nas mellores condicións pero nós queremos melloralas todo o posible para que alí se formen os que van ser os agricultores e gandeiros do futuro., cuns 140 rapaces e rapazas que se están formando alí neste curso. O investimento en 2023 para a primeira fase das obras de mellora supuxo 3,4 millóns de euros. O proxecto tamén contempla instalacións de trasformación agrogandeira e tamén estarán representadas todas as DO e IXP de Galicia con ese obxectivo, ter unha finca na que poidamos amosar todo o potencial do rural galego. Non hai céntimo de euro público que non estea investido na escola para mellorar as súas instalacións.
No que respecta ao CIAM-Mabegondo, o investimento máis urxente era, sen dúbida, conservar todo o banco de xermoplasma para telo nas mellores condicións posibles, e a ese obxectivo destinamos case 2 millóns de euros. A edificación estará para empezar a funcionar neste mes de xaneiro cunha aposta orzamentaria tamén importante. Ademáis, teremos a posibilidade de visitar o banco de xermoplasma e explicarémoslle o que hai alí e a importancia do que protexemos.
Tamén teño que dicir que nos dous últimos anos levamos investido máis dun millón e medio de euros en equipamentos de todos os nosos centros de investigacións. Toda a maquinaria e equipamentos que se demandaban, dentro das nosas posibilidades orzamentarias, fómola comprando.
En canto á falla de investigadores ou a súa necesidade, acábase poñer en marcha a especialización na carreira investigador, que é un paso importante para ir respondendo a esa demanda.