A perda de superficie agraria útil en Galicia mantén a tendencia das últimas décadas, segundo revelan os datos sobre a estrutura das explotacións agrícolas que vén de presentar recentemente o Instituto Nacional de Estatística (INE). Do 2013 ao 2016, Galicia perdeu 34.000 hectáreas, máis dun 5% da súa superficie agraria total. A comunidade acumula nese periodo a metade da superficie agrícola útil que se perdeu no conxunto de España.
O problema da perda de terras no agro, advertido desde hai tempo por organizacións agrarias e investigadores, apunta á dificultade de manter na agricultura a superficie das explotacións que cesan na actividade. Esas terras, en parte dos casos, ou ben quedan abandonadas ou ben son forestadas.
Das 621.000 hectáreas agrarias que o INE contabiliza en Galicia, preto de 200.000 corresponden ás granxas de leite, que teñen de media arredor de 20 hectáreas, moi lonxe das 51 hectáreas de media dunha granxa láctea europea. Para manter a competitividade do sector lácteo galego, calcúlase que son precisas 130.000 hectáreas adicionais a disposición das explotacións.
Debate
A situación de perda de superficie agraria chegou este mes ó Parlamento, onde o grupo de En Marea presentou unha proposición non de lei na que require a implementación de medidas eficaces para frear a perda de superficie agraria, de explotacións e de man de obra no agro. Se no 2007, Galicia tiña 748.000 hectáreas agrícolas, segundo os datos do INE, na actualidade está en 621.000 hectáreas.
A formación política incide ademais en que boa parte da superficie perdida corresponde ós pastos, que se reduciron na última década un 22%. O dato de perda de pastos contrasta coa recente proposta do Plan Forestal de Galicia, no que a Xunta compromete unhas 225.000 novas hectáreas de pastos en terreos forestais nos próximos 20 anos. Queda por saber como e onde se vai acometer esa expansión dos pastizais, proxectada no borrador do Plan Forestal de Galicia.