Gañar en eficiencia como forma de reducir custos e adaptar a produción ao tipo de leite que demanda a industria para incrementar beneficios nun sector cada vez máis competitivo e profesionalizado. Esa é a filosofía de traballo de Finca Cabreira, unha gandería que aposta pola optimización dos distintos procesos que require a produción láctea a través da tecnoloxía.
Manuel Candamio está á fronte desta explotación situada en Outeiro de Cela (Irixoa), que muxe 185 vacas neste momento. Tras titularse en Empresariais pola Universidade de Porstmounth e traballar no sector inmobiliario, Manuel incorporouse en 2013 á granxa que ata ese momento rexentaran os seus sogros, Emilio Freire e Fina Calvo, que acababan de xubilarse.
Fíxoo coa intención de garantir a continuidade da explotación, na que a familia investira toda unha vida de esforzo e diñeiro. “Aínda que eu nunca traballara como tal na granxa, na casa sempre se falaba da gandería, polo que estaba familiarizado co día a día e coñecía ao persoal técnico que viña á explotación. Apoiado por eles e polos meus sogros decidinme a coller a granxa. Aos poucos funme incorporando, deixáronme facer e cando me dei conta estaba metido de cheo”, indica.
Primeiro obxectivo: dimensionar a explotación
Baixo unha mentalidade máis empresarial, o primeiro obxectivo para poder pasar dunha explotación de carácter familiar a outra máis profesionalizada era alcanzar un volume suficiente, Así, aquela gandería que Manuel colleu no ano 2013 foi aumentando de tamaño ata duplicar a produción a día de hoxe.
Nunha década duplicaron a produción e profesionalizaron a xestión para gañar en eficiencia
De forma paralela, a granxa foi tecnificándose ata converterse nunha moderna explotación dotada con sistemas de toma de datos, pero que conserva en uso aínda construcións con máis de 50 anos de antigüidade, que foron adaptándose e modernizándose.
“Aproveitamos todo o que había e fomos ampliando. Aquí pode verse a historia da gandería en Galicia: o establo máis antigo é o que está a carón da casa e o máis moderno o que está máis afastado”, detalla.
Viamos que para poder continuar na actividade tiñamos que seguir medrando e modernizándonos
“A última nave, construída en 2018, fixémola porque viamos que se queriamos vivir con certa dignidade todos os que estabamos aquí metidos, tanto nós como os traballadores, necesitabamos ter comodidade e confort. E o volume o que che dá é a capacidade de poder contratar a máis traballadores e organizar quendas doutra maneira”, explica.
De man de obra familiar a depender de persoal contratado
Pero aumentar de tamaño significa pasar a depender de man de obra externa, algo que non abunda. “Eu creo que a dificultade para conseguir man de obra, sobre todo cualificada, é un problema moi serio a día de hoxe nas ganderías”, recoñece.
Ante esta carencia xeralizada de formación entre a man de obra dispoñible no mercado laboral, apostan pola formación e a cualificación na propia granxa. “Tes que optar por contratar man de obra sen cualificar e formala ti. A nós aquí gústanos facer cursos de formación para os nosos empregados. Fixemos cursos de inseminación, de manexo de tenreiras, de técnicas de muxido. Aqueles aspectos que temos interese en mellorar buscamos a alguén que saiba realmente do tema para que nos forme aquí na propia explotación, para que sexa tamén unha formación adaptada ás condicións que temos aquí na granxa”, conta.
Adoitamos facer catro ou cinco cursos de formación ao ano na propia explotación para mellorar en distintos aspectos que consideramos necesarios
Manuel recoñece que non é habitual no sector ver este tipo de iniciativas pero el considera a formación como un aspecto básico para mellorar o funcionamento da súa granxa. “É certo que moitas veces tes a sensación de que estás a formar a xente que se cadra dentro de pouco marcha, pero por iso non vas deixar de formala. Para min é unha satisfacción ver como evolucionan de forma positiva os nosos traballadores”, argumenta.
Tecnificación da granxa para reducir necesidades de persoal
Xunto á formación continua, a estabilización do persoal é outra das prioridades desta explotación. “Este é un traballo monótono, de sábados, de domingos e de festivos e hai que lidiar con todos eses inconvintes”, admite.
Neste momento esta gandería conta con 5 empregados ademais de Manuel e apoiáronse na mellora das instalacións para poder gañar calidade de vida. “Estivemos a estudar as distintas tecnoloxías que había dispoñibles e que nos podían permitir modernizar a granxa e ao final quedámonos coas que nos podían permitir ser máis eficientes e facer o traballo de forma máis cómoda. Tal como temos hoxe a explotación, dúas persoas son suficientes para atender o día a día da granxa”, indica.
Hai unha necesidade evidente de man de obra nas explotacións
Esas dúas persoas non necesariamente teñen que ser as mesmas pola mañá e pola tarde. De feito, en Finca Cabreira traballan cun sistema de quendas de mañá e tarde que permite aos seus traballadores realizar xornada continua e librar dous días á semana, ben xoves e venres ou sábado e domingo.
Paso de tres a dous muxidos
Finca Cabreira dispón na actualidade dun rabaño total de 220 vacas adultas, das que están a muxir a día de hoxe unhas 185, con picos por enriba de 190 noutros momentos do ano.
Tras facerse cargo da explotación, Manuel tomou a decisión en 2015 de pasala a tres muxidos, un sistema que mantiveron ata 2022, cando ao cambiar de empresa compradora optaron por regresar de novo ao sistema de dous muxidos. “Empezamos a entregar o leite a Entrepinares. Como nos paga mellor as calidades, convíñanos obter menos litros e máis sólidos”, explica.
Fixemos unha aposta polas calidades ao pasar de entregar a Leite Celta a facelo a Entrepinares
Coa volta a dous muxidos perderon produción, pero reduciron tamén as necesidades de man de obra da granxa. “Estabamos en 43 litros con 3 muxidos e agora cústanos traballo manternos en 37 litros, pero pasamos dunha porcentaxe do 3,40 de graxa a 3,80 e do 3,30 a 3,40 de proteína”, detalla.
Segundo obxectivo: gañar superficie agraria
“Nestes momentos o noso obxectivo é estabilizar a explotación e centrarnos en conseguir un leite da mellor calidade adaptado á industria que nos recolle e tentar rendibilizar iso ao máximo, pero a nosa intención non é crecer no número de cabezas porque para iso teriamos que aumentar tamén en terras”, admite Manuel.
Sementan 60 hectáreas a millo, nas que nunha parte fan rotación anual con raigrás e noutra parte con chícharo para abono verde. A maiores, dispoñen doutras 12 hectáreas a herba permanente.
Sementan 60 hectáreas a millo en rotación con raigrás e chícharo
“A falta de superficie é para nós un condicionante. Se puidésemos dispoñer de fincas útiles de tamaño grande e a poder ser preto da explotación as nosas condicións de produción serían moi diferentes, pero aquí a media de superficie por finca está entre 1 e 2 hectáreas”, explica. A maiores do pequeno tamaño das parcelas está o problema do xabaril. “Fainos grandes desfeitas, é moi desesperante”, afirma.
Con eses condicionantes, non logran ser autosuficientes en materia de alimentación. “Millo compramos algo todos os anos, non moito, pero procuramos acabar a campaña con todos os silos cheos, polo que compramos xa na finca o que nos falta para completalos, porque iso é sempre unha garantía, dáche tranquilidade para todo o ano. Dependendo da colleita podemos comprar entre un 5 e un 15%. Este ano compramos pouco porque nos sobrou do ano anterior e ao final a campaña foi mellor do que se esperaba e fomos salvando”, conta. Un dos motivos para non verse afectados pola seca foi labrar cedo. “Somos sempre dos primeiros en sementar nesta zona; poñemos ciclos 500”, explica.
Parte do traballo agrario fano eles mesmos. “Nós aramos e sementamos o millo pero despois contratamos todo o traballo de ensilaxe. Tiñamos un tractor e unha serie de maquinaria que seguimos usando, pero posiblemente cando cumpra a súa vida útil non volvamos comprar outra para centrarnos en atender o gando”, indica.
Sala de muxido de 40 puntos
Finca Cabreira conta cunha sala de muxido con 40 puntos que montaron cando muxían tres veces ao día coa intención de axilizar o proceso e asegurar a súa operatividade en todo momento. “Realmente son dúas salas de 20 puntos cada unha que non comparten nada do sistema, nin a bomba de baleiro nin a de descarga. Desa forma, ao ter un funcionamento independente, se temos unha avaría nunha parte podemos seguir traballando coa outra. Cando estabamos en tres muxidos non nos podiamos permitir ter a sala parada por calquera contratempo porque en caso de necesitar facer calquera reparación podíaseche xuntar un muxido co outro. Desta forma, en caso de avaría sempre estamos cubertos e a sala sempre está operativa”, razoa Manuel.
Muxen ás 7 da mañá e ás 6 da tarde. Acaban en hora e media
Ao ter o gando dividido en tres lotes e unha sala de muxido cunha capacidade importante reducen a presenza das vacas na sala de espera. “A nosa idea era muxir moi rápido para non molestar moito tempo ás vacas. Nunha hora e media acabamos de muxir as 180-190 vacas que temos normalmente en produción”, explica.
A maquinaria do sistema de muxido está nun túnel baixo a propia sala para evitar que os equipos se mollen e se estraguen
Para a almacenaxe do leite dispoñen dun tanque vertical de 30.000 litros e a maquinaria da instalación de muxido está nun túnel baixo a propia sala, o que evita que as bombas se mollen, se manchen e avaríen. “Na parte de arriba só están as pezoneiras, desta forma evitamos que o resto do sistema se estrague. Tivemos que facer algo máis de obra á hora de montar a sala pero ese investimento ímolo recuperar na duración dos equipos”, asegura Manuel.
Apoiarse en asesoramento externo
Aínda que afirma que “todos os galegos levamos no noso ADN o manexo da vaca”, Manuel é dos que se deixa asesorar porque considera importante contar con apoio externo de carácter profesional, destacando o gran nivel dos técnicos que axudan no día a día ás explotacións en Galicia.
Traballan con Seragro para nutrición, calidade do leite, reprodución e podoloxía e da xestión da granxa encárgase a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. “Aquí calquera cambio que se fai é consultado para que as distintas decisións que tomamos conten cun aval técnico detrás”, recoñece.
As decisións importantes que tomamos na nosa explotación sempre van da man dos técnicos que nos asesoran
Os insumos cómpranos á cooperativa O Plantel, situada en Pederne e formada por 200 socios da comarca de Betanzos, que lles proporciona tamén o servizo de carro mesturador. “Fano dunha forma rápida, económica e eficiente e é unha carga de traballo que estamos a delegar neles e que nos permite a nós ter máis tempo para centrarnos noutras cousas”, argumenta.
En vacas de produción teñen tres lotes: postparto, vacas adultas e primeirizas. “Xogamos con alimentación diferenciada en cada un dos lotes en función das súas necesidades e do que esperamos obter, con menor inxesta e unha comida máis enriquecida en posparto; máis inxesta en vacas adultas e menor inxesta en primeiro e segundo parto”, explica.
Redución do consumo enerxético
Nos cubículos da última ampliación utilizan area como material de recheo e nos máis antigos serrín con carbonato, dado que as fosas máis antigas non se adaptaban ao uso de area.
A nivel de instalacións, di, “acabamos de facer uns investimentos bastante grandes e creo que temos capacidade de mellora sen meternos a máis gastos”. “Cando logremos rendibilizar os investimentos realizados poderiamos propornos melloras nas instalacións de recría para ter máis cómodos aos animais e traballar tamén nós máis cómodos”, avanza.
Hai un ano apostaron pola instalación de placas solares, cunha potencia de 150 Kw/h, e un sistema de baterías que lles permitiu amortecer o forte incremento do prezo da luz producido desde entón.
Contan tamén con intercambiadores de placas e recuperadores de calor para aproveitar ao máximo a enerxía xerada no proceso de arrefriado do leite. Ademais de lograr un aforro enerxético conseguen estabilizar antes a temperatura do leite no tanque, o que redunda nunha mellor calidade hixiénica.
Futuro do sector
Un fillo de Manuel, de 21 anos, está xa incorporado á explotación e ao seu pai gustaríalle que dese continuidade ao proxecto, aínda que prefire “non forzarlo”. “O gran problema que temos as ganderías a día de hoxe é a incerteza. É difícil saber que nos podemos esperar dentro duns anos pero creo que haberá concentración de explotacións e que as que queden serán cada vez máis eficientes”, prognostica.
O sector lácteo ten todo o futuro do mundo pero para iso as granxas deberemos superar novas esixencias
“É evidente que hai futuro neste sector e eu creo que este traballo será máis respectado do que é hoxe, aínda que para iso haberá que superar toda unha serie de novas esixencias a nivel de PAC, de xurros ou de benestar animal”, asegura.
Aposta pola dixitalización da explotación e a monitorización do gando
Á vez que modernizou as súas instalacións, coa construción dunha nova nave, a reforma das máis antigas e a instalación dunha nova sala de muxido, Finca Cabreira deu pasos tamén nos últimos anos na monitorización do gando, o que lles levou a cambiar rutinas de saúde, reprodución e manexo na granxa.
“Terminamos fai agora tres anos unhas instalacións novas que nos obrigaron a tomar decisións, porque deixamos de ser unha explotación familiar, sen practicamente man de obra contratada, a ser unha explotación cunha dependencia case total da man de obra asalariada. Isto fíxonos pensar que debiamos incorporar toda a tecnoloxía que houbese dispoñible no mercado para que nos axudase a mellorar e a darlle futuro ao noso proxecto”, argumenta Manuel.
O cambio ás novas instalacións provocou ademais unha situación “complexa” na granxa. “Empezamos a ter unha serie de patoloxías, que se manifestaban basicamente no período seco e despois tamén no postparto e chegamos a estar preocupados”, recoñece.
A forma de traballo na granxa foi cambiando e fómonos adaptando a esta nova tecnoloxía que nos axuda a tomar decisións no día a día
Aconsellados polos técnicos que asesoran á granxa en materia de nutrición e reprodución decidiron substituír os podómetros por colares de monitorización. “Fixemos dous grupos de animais dos cales queriamos recibir información, por unha banda preparto, vacas secas e postparto e doutra banda as xovencas”, explica.
“O que noto moitas veces na nosa explotación é que os gandeiros nos dedicamos continuamente a apagar lumes inmediatos do día a día, cando deberiamos dedicarnos a ter un obxectivo claro a máis longo prazo. Este tipo de tecnoloxía é útil para apagar lumes, pero axúdache sobre todo a tomar decisións a máis longo prazo”, valora.
Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na nosa granxa
A nivel de xestión da granxa, a información que achegan os colares en materia de nutrición e benestar axudan ao gandeiro para tomar decisións, por exemplo á hora de establecer as rutas e horarios do robot encargado de arrimar a ración ou para saber se é necesario instalar sistemas de arrefriado que reduzan o estrés por calor do gando.
“Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na granxa. Estabamos nun momento delicado, con problemas que desapareceron bastante rápido, pero boto de menos un programa que unifique todos os datos e que o saiba manexar todo o mundo”, conclúe.
Cambio de podómetros por colares
Traballan con tecnoloxía de Allflex para a toma de datos. “Agora mesmo temos os colares nos grupos máis críticos, que son vacas que se van a secar, vacas secas, postparto e celos de xovencas, pero a nosa idea é ir substituíndo os podómetros, a medida que se vaian gastando, por colares”, avanza.
Nas xatas os colares usámolos para detectar celos e en vacas secas para evitar posibles patoloxías
“A vantaxe do colar é que é máis eficiente en detección de celos e dános información adicional que o podómetro non nos dá, por exemplo en rutinas de grupo, inxesta, tempo de descanso, rumia, que combina en forma de gráficas moi fáciles de entender e que permiten tomar decisións no día a día”, destaca.
“Nas xatas os colares queriámolos basicamente para detectar celos, porque aínda que xa estabamos a traballar con podómetros, obrigábanos a que o animal tivese que pasar por un punto en concreto para descargar a información”. O receptor estaba situado nun dos bebedoiros, pero ao dispoñer de máis dun, creábanse distorsións na detección, algo que os colares solucionan, porque non traballan coa necesidade de que o animal pase por un lugar en concreto”, explica.
Datos dous meses antes do secado selectivo
En canto ás vacas en lactación, empezan a tomar datos dous meses antes do período de secado. “Dous meses antes do secado o software vai cargándose de datos e facilitándonos información”, indica.
“Nas vacas secas non tiñamos ningunha información delas máis que o ollo do gandeiro e moitas veces cando nos dabamos conta de que había un problema xa era unha patoloxía avanzada que requiría nalgúns casos o uso mesmo de antibióticos, por tanto, para nós era fundamental ter datos deste lote de vacas secas”, insiste.
Nesta explotación de Irixoa realizan secado selectivo, co que reduciron considerablemente o uso de antibióticos. “Seragro envíanos mes a mes as directrices sobre que vacas secar e con que e non temos habitualmente problemas, aínda que o verán pasado si notamos o estrés por calor no gando e estámonos propoñendo instalar ventiladores, porque tivemos perdas de inxesta e produción, baixou a fertilidade e as mamitis clínicas disparáronse”, recoñece.
No lote de vacas secas, onde os animais pasan un máximo de dous meses, están tamén as xovencas próximas ao parto. Tras parir pasarían ao lote de posparto, con capacidade para 40 animais. “Son as vacas que temos que vixiar máis e tamén son as que muximos primeiro e a medida que van entrando vacas paridas imos sacando as que levan máis tempo”, explica.
Detección precoz de enfermidades postparto
“Antes de dispoñer dos colares o seguimento ás vacas paridas era manual. “Colliamos a todas as vacas que parían e mirabámolas cada dous días, cubrindo a man unha táboa con información sobre o seu estado de saúde, o que supoñía maior carga de traballo e menor fiabilidade dos datos, ao depender da subxectividade do observador. Xurdíannos dúbidas sobre se a vaca rumiaba ou non e sobre se as feces estaban ben ou non”, exemplifica. “Non era unha información obxectiva e non nos permitía ter un criterio claro de cando chamar ao veterinario ou non”, indica.
“Agora podemos centrar a nosa atención unicamente nos animais que realmente o necesitan, porque o software sácanos unha listaxe das vacas que teñen algún problema. Ao resto das vacas nin as molestamos. Chamamos ao veterinario só para que veña a ver ese animal en concreto e o que facemos é revisar co veterinario diante do computador toda esa información e eses datos do estado do animal que nos achega o sistema antes de ir ver á vaca e diagnosticar a enfermidade e se é pertinente darlle un tratamento. Moitas veces o programa está a darche alertas antes de que a vaca manifeste síntomas ou unha baixada do leite, como ocorría antes, e nese momento cun tratamento preventivo estamos a evitar xa o problema”, valora.
Tras aplicar o tratamento necesario, o sistema permite tamén realizar un seguimento e comprobar a evolución día a día do animal. “Iso achéganos unha gran satisfacción, de ver que esa vaca foi collida a tempo e puidemos salvala”, razoa.
Mellora dos índices reprodutivos
Con 220 vacas e 175 xatas, a mellora da fertilidade do rabaño era outro dos obxectivos desta explotación coa instalación de tecnoloxía de monitorización do gando. “Os colares, fronte aos podómetros, permitíronnos unha maior detección de celos e unha mellora en materia de fertilidade. O máis importante é que nos di cal é o momento óptimo da inseminación, algo importante ao utilizar seme sexado, que son doses de touros de alto valor xenético e cun custo elevado”, aclara Manuel.
Os colares danche máis seguridade á hora de utilizar seme sexado
No establo construído polos seus sogros en 1997 teñen o lote de primeirizas, con 70 animais, e as xatas, divididas en dous lotes: as que están para inseminar e as xa preñadas. Colocan os colares para detectar o celo nas xatas de cara á primeira inseminación, que realizan aos 12 meses se o animal cumpre as condicións corporais necesarias, situándose a media da granxa ao primeiro parto en 21 meses. “Os colares axudáronnos a mellorar bastante nese aspecto”, asegura.
Programa de xenómica
A principios de 2022 empezaron tamén cun programa de mellora xenética de ABS, GENEadvance, que consiste no xenotipado de todos os animais e a fixación de criterios de selección que no seu caso pasan por máis sólidos e aumento da lonxevidade. “Queremos vacas que nos dean graxa e proteína e que nos duren máis tempo sen darnos problemas”, indica Manuel.
Poñen seme sexado na maior parte das xatas, salvo as descartadas tralo test xenómico, e no 40% das vacas
“Pensamos que este programa vainos permitir un avance moi rápido, porque te centras só naqueles animais que che interesa, descartando o resto, permitíndonos corrixir erros que a xenómica che identifica e que se cadra non eras capaz de ver co pedigree. Agora só usamos seme sexado e de carne e podemos optar a touros de elite que só entran neste programa”, destaca.
Rendibilizar os machos
Na antiga sala de muxido habilitaron un espazo para ter os machos de cruces cárnicos con azul belga. “Estas doses custan tres veces máis que unha dose normal de azul belga pero son animais que en cebadoiro teñen un comportamento superior aos outros en conversión cárnica, uns 300 gramos ao día máis de ganancia de peso. Temos xa dous cebadoiros interesados en traballar con nós”, indica.
Os machos son encalostrados e reciben os mesmos coidados que as femias, non facemos distincións
A súa intención é poder comercializar directamente os seus machos, mediante acordos estables con estes cebadoiros, ofrecéndolles animais cun óptimo crecemento e que isto redunde tamén nuns maiores ingresos para a granxa. “Estamos a analizar cal é o mellor momento para a saída dos animais, tanto para o cebadoiro como para nós, e posiblemente sexa despois do destete. Fariámoslle ese labor ao cebadoiro”, engade.
Os machos son encalostrados e aleitados cos mesmos protocolos que as femias, sen facer distincións nos coidados. “Traballamos con Xesga nun procedemento serio de desinfección dos boxes que nos obrigou a facer algún investimento en canóns de escuma e cada 3 días cámbianse todos os caldeiros, desinféctanse e quedan colgados do revés para que sequen. Procuramos ser metódicos pero cun sistema moi simple para que se faga e se cumpra”, indica.
Pasteurizador para o calostro e o leite
Dispoñen de pasteurizador e quentador de costro, que teñen sempre conxelado. “Cando nace unha cría lévase para o box e ponse o calostro a desconxelar para aplicarllo con sonda canto antes. Despois sóbese á nai para sacarlle o costro, que se analiza e se é de boa calidade pasteurízase e conxélase para ter reservas nese banco de calostro conxelado co que traballamos. Desta forma garantimos sempre a calidade do calostro que proporcionamos ás tenreiras”, detalla.
Dispoñen de costro conxelado que aplican con sonda (4 litros) ás tenreiras recén nacidas
Teñen tamén un taxi que pasteuriza o leite para ofrecerllo ás tenreiras á temperatura e condicións hixiénicas idóneas, así como lavalouzas para os biberóns unha vez realizada cada toma.
Aos tres meses empezan a destetar. “Temos un procedemento bastante claro para todo o proceso de aleitado, identificando as tomas con cintas de cor verde (un biberón de 3 litros pola mañá e pola tarde), azul (un biberón de 4 litros pola mañá e pola tarde), de novo verde e finalmente amarelo (un biberón de 3 litros só pola mañá) previo xa ao destete”, detalla.
Realizan o proceso completo de recría na propia granxa, para o que tiveron de reformar distintas naves, tanto antigos establos como almacéns e outras dependencias para acoller aos animais coa maior comodidade posible. “A recría require espazo”, afirma Manuel. Ese será o próximo obxectivo de Finca Cabreira.