Falsos mitos sobre as producións gandeiras

Artigo de opinión de José Luis Cortiñas no que analiza críticas frecuentes que recibe a gandería, á que se lle atribúe a xeración directa e indirecta de arredor dun 30% do total de gases de efecto invernadoiro

Falsos mitos sobre as producións gandeiras

O secuestro de carbono nos pastos compensa en parte as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Unha vez finalizado o cumio do clima de París, as producións animais e máis concretamente os rumiantes, son obxecto de criticas procedentes de horizontes e medios moi diversos. Baseadas en conviccións certamente loables de protección da saúde humana e do planeta, e ás veces amplificadas por campañas tramposas, preconizan unha futura política alimentaria centrada exclusivamente en vexetais, co abandono ou polo menos unha forte redución dos produtos de orixe animal. Estas críticas teñen en común unha visión simplista dos equilibrios nutricionais e ecolóxicos, sendo estes últimos especialmente complexos.

É habitual nestas críticas unha estigmatización da gandería, a veces deleznable, pois ignórase que mil millóns de persoas dependen destas producións para o seu mantemento e para a conservación da súa contorna.

En primeiro lugar, é convinte admitir que nuns tempos cunha demanda mundial crecente de produtos animais, os sectores gandeiros deben de evolucionar e progresar nas súas prácticas para reducir os impactos ambientais, mellorar nutritivamente as producións, optimizar a utilización de recursos e valorizar as súas superficies dunha forma agroecolóxica, de xeito que se contribúa a unha actividade durable, climatointelinxente e competitiva.

E sobre esa base, debemos renegar dunha visión simple que reduce as producións animais a unha mala conversión da enerxía alimentaria, escondendo unha realidade máis complexa. Unha bioeconomía eficiente non pode construirse sen ciclos ecolóxicos ben definidos e caracterizados nos que o gando ten un rol esencial.

A nosa reflexión sobre o perigo de propoñer solucións simplistas, tanto para os modelos intensivos como para os extensivos, leva a poñer en cuestión 3 falsas boas ideas moi difundidas que criminalizan as proteínas animais, especialmente as rumiantes, polas súas malas conversións e as súas emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI).

Falsa boa idea 1: Substituír as producións animais por vexetais reducirá a perda de recursos e a emisión dos gases de efecto invernadoiro

Entre os opositores ás producións gandeiras, escóitanse ideas habituais como a de que o gando consume máis proteínas vexetais que as que transforma en proteína animal ( carne, leite ), ou a de que é unha aberración alimentar o gando con recursos vexetais, sendo mellor destinar directamente estas proteínas vexetais a alimentación humana. A realidade é que os rumiantes son de feito animais moi eficientes para producir proteínas, valorizando forraxes de terras dificilmente convertibles, desde un punto de vista económico, para a produción de cultivos “humanoides”. Nin as forraxes nin os subproductos -derivados da industria agroalimentaria e da de biocombustibles- son valorizables na alimentación humana, sendo os rumiantes os únicos animais que poden converter estas celulosas en proteínas ( leite, carne ), básicas na pirámide nutricional.

Os rumiantes valorizan en ocasións forraxes de terras dificilmente convertibles a cultivos humanos

Exemplo, unha vaca de leite produce entre 1 kg e máis de 5 de proteínas animais por kg de proteína vexetal consumido. En terras áridas ou non laborables hai especies onde a proporción chega a 25. Todo isto sen ter en conta que sen gando nos territorios, a perda de biodiversidade, tanto microbiolóxica como florística e paisaxista seria enorme e os problemas ambientais incalculables. Na gandería sen terra, é destacable o caso do polo, que posúe as mellores taxas de conversión en carne.

Falsa boa idea 2: Reducir o consumo de produtos animais mellora a saúde humana

Durante os últimos 40 anos, as producións animais foron asociadas ao aumento da prevalencia de enfermidades cardiovasculares e da obesidade polos seus elevados valores de colesterol e graxas saturadas. É preciso dicir que non todos os modelos produtivos animais teñen os mesmos valores nin os mesmos perfís graxos. Tamén é certo que a substitución destas graxas por graxas vexetais hidroxenadas resultou ser máis perversa. Hoxe en dia, as recomendacións son máis laxas, buscando un equilibrio das fontes proteicas entre vexetal e animal, vixiando especialmente os produtos transformados elaborados con azucres engadidos e baixos en vitaminas, minerais e antioxidantes.

Falsa boa idea 3 : O chan é mellor aproveitado por producións vexetais que gandeiras

Lembremos o dito de que os animais non exercen só unha función de produción de alimentos a uns prezos acadables, senón tamén unha función ambiental que será esencial nun futuro. O sistema policultivo-gandería baseado na reciclaxe de nutrintes e aproveitamento de biomasa é un exemplo de produción agroecolóxica. A pradería permanente secuestra mais de 900 kg de CO2, chegando a compensar nun 80% as emisións de metano dos rumiantes.

Os pastos permanentes secuestran carbono e compensan nun 80% as emisións asociadas ó gando que os utiliza

Ademais, estas superficies sen laboreo teñen unhas perdas por erosión 20 veces menores que os cultivos anuais e contribúen pola textura do seu chan a unha boa filtración das augas superficiais e a recarga das capas freáticas. Estes exemplos, entre outros, amosan que a substitución das producións animais polas vexetais non levaría consigo os efectos positivos desexados.

Nun plan de equilibrio alimentario con baixos impactos ambientais, sociais e climaticos, as producións vexetais e animais deben progresar en eficiencia, aproveitando inercias.

*José Luis Cortiñas

José Luis Cortiñas é gandeiro.

Una idea sobre “Falsos mitos sobre as producións gandeiras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información