Archives

“Non é rendible económicamente ter terras a 30 km da granxa”

Manuel Sieira, de Noia, estudante na EFA Fonteboa, con Claudio Cremonesi, xunto ao sistema de regadío e abonado utilizado na granxa Fenil Prestini, durante a súa estancia formativa esta primavera na rexión de Lombardía Azienda Agricola Fenil Prestini é unha granxa familiar da rexión de Lombardía, ao norte de Italia, onde se concentra a produción láctea do país. Atendida xa pola terceira xeración, moxe 220 vacas e cultiva unha finca de 50 hectáreas de regadío que rodea ao establo. Nos últimos anos, as explotacións da zona seguiron un proceso de incremento xeralizado no número de cabezas, desencaenando problemas de nitratos no chan. Pero os irmáns Cremoneni prefiren axustar o tamaño do seu rabaño ás 65 hectáreas de superficie total que manexan e diversificar os seus ingresos cara á produción e biometano e electricidade. As plantas de biogás son habituais en Lombardía e preséntanse como parte da solución para a xestión sostible do xurro que producen as granxas. A ecuación complétase cunha intensiva rotación de cultivos, que aumenta a demanda de abonos orgánicos e facilita a súa utilización. Zona vulnerable Fenil Prestini achégase ás 500 cabezas de gando: 220 vacas en muxido, 35 secas e 230 animais de recría entre tenreiras e xovencas. Está situada no municipio de Verolavecchia, na provincia de Brescia, nunha zona declarada vulnerable por presenza de nitratos. Esta circunstancia condiciona a fertilización das terras, limitada a 170 unidades de nitróxeno por hectárea. “Por agora o control que se leva a cabo non é moi rigoroso, as autoridades fan a vista gorda porque senón todas as granxas desta zona teriamos que pechar”, recoñece Claudio Cremonesi, que xunto aos seus irmáns Tiziano e Cristina están á fronte desta explotación. Separador e planta de biogás As camas son de colchoneta de goma con palla e material secante por enriba Para tratar de solventar os problemas de exceso de xurros da granxa, van instalar un sistema combinado que inclúe un separador sólido-líquido e unha planta de biogás de 250 Kw de potencia. Xa dispoñen das autorizacións necesarias para a instalación e o custo previsto é de 1,5 millóns de euros. “Trátase dun sistema novo con tecnoloxía holandesa. É unha planta que non necesita instalacións de formigón, senón que vén montada nun contedor de polietileno, o que abarata moito a montaxe. Unha planta de biogás desta potencia que requira de obras e instalacións en formigón sairía por 2,5 millóns de euros”, explica Claudio. Para tratar de rendibilizar o investimento e completar a capacidade da planta, recibirán os xurros de varias granxas veciñas, ás que devolverán o material digestado para abonar con el as súas terras. 50 hectáreas de regadío nunha peza a carón da granxa A terra agrícola arredor da granxa foi concentrada e o sistema de rego mellorado hai 20 anos A granxa dos irmáns Cremonesi dispón dunha leira de regadío en propiedade de 50 hectáreas nunha soa peza rodeando o establo que destinan á produción de forraxe e cereal para a alimentación do gando. “A auga é fundamental para a produtividade da terra”, recoñece Claudio, doutor en Zootecnia de formación e que se incorporou no ano 2000, ao acabar os seus estudos, á granxa familiar que rexentaba o seu pai. Foi entón cando fixeron toda a transformación da superficie produtiva, cunha completa restructuración da terra para mellorar o regadío. “Xuntamos as terras nunha especie de concentración privada. Eran leiras moito máis pequenas pero xa eran da nosa propiedade, se fosen de distintos propietarios tería sido moito máis difícil porque habería distintas mentalidades”, recoñece. Rotolone para regar e abonar Hoxe en día xa non usan as canles de rega, senón un sistema mediante mangueira enrolada conectada ao tractor denominado rotolone. “Usámolo tanto para regar con auga como para abonar con xurro”, explica Claudio. Dispoñen de 400 metros de mangueira cos que cobren toda a superficie ao redor do establo, permitindo facer pasadas de 120 metros de ancho. “É un sistema máis eficiente que a canle de rega, porque calculas mellor a auga”, asegura. Nesta zona de Lombardía as precipitacións sitúanse entre os 1.200 e os 1.300 litros por metro cadrado ao ano pero as choivas concéntranse sobre todo nos meses de outubro e novembro e de febreiro-marzo e abril.
O sistema conéctase a distintas tomas procedentes do pozo de xurro que hai repartidas pola finca
“O resto do ano regamos cada 7 ou 8 días, porque son chans areosos que reteñen pouca auga”, aclara Claudio. O rotolone permite tamén conectar o sistema de rega a distintas tomas procedentes do pozo de xurro que hai repartidas pola finca para fertilizar os cultivos. É un método que usan a maior parte de explotacións da zona. O custo é menor que o dunha cisterna de tubos colgantes ou inxectores. “Comprámolo hai 12 anos e custounos 50.000 euros”, detalla Claudio. Produción de alfalfa e millo O millo e a alfalfa son dous dos cultivos principais de Fenil Prestini. A rotación inclúe tamén mestura de cereal de inverno con leguminosa nas fincas nas que non hai alfalfa, que ocupa máis ou menos unha cuarta parte da superficie total da explotación.  “As ganderías nesta zona están a abandonar a alfalfa porque dá traballo e é difícil de lograr un bo secado, pero é un cultivo moi importante para nós por varios motivos: necesita pouca auga, fixa nitróxeno e mellora o terreo ao ter raíces moi profundas”, destaca Claudio.
A alfalfa é moi importante porque necesita pouca auga, fixa nitróxeno e mellora o chan
Cultivan 15 hectáreas cada ano de alfalfa. Seméntana cada 5 anos e vana rotando por toda a superficie agraria da explotación. Este ano fixeron 6 cortes, un cada 25-30 días. Os primeiros, en abril, ensilados en microsilos (rolos) e despois, a partir de maio, secada como feno. No resto das terras cultivan millo en rotación intraanual con cereal de inverno. “O millo empezamos a labralo en abril e acabamos a finais de maio. Como regamos, obtemos producións superiores a 60.000 quilos por hectárea”, detalla. Tras ensilar o millo, labran unha mestura de veza, trigo e cebada, que recollen na primavera, apostando por técnicas de mínimo laboreo das terras. “É imposible facer sementeira directa nesta zona porque a normativa obriga a enterrar inmediatamente o xurro”, explica Claudio. Fano mediante un sistema de inxectores conectado ao tractor e ao rotolone. Aproximadamente o 50% do traballo agrario fano eles directamente e o outro 50% contrátano a empresas de servizos.  “Deseconomía” de escala Fenil Prestini é autosuficiente en produción forraxeira, pero compra soia, fariña de millo, palla e concentrado. Está situada no corazón da produción láctea italiana, unha zona onde abundan as ganderías de tamaño medio (250 vacas) e outras máis grandes, que apostaron por medrar nos últimos anos, aínda que Claudio considera que “non é economicamente rendible ter terras a 30 km da granxa”, que sería para eles a única forma de incrementar a superficie agraria e poder aumentar cabezas de gando. “Nesta zona está a concentrarse a produción e transformación de leite, mentres no resto de rexións de Italia está a descender. As granxas grandes traballan con economía de escala pero non hai que pasarse, porque as granxas demasiado grandes producen deseconomía de escala”, afirma.
Non se pode chamar enerxía verde a producir electricidade con alimento
Por iso opina que “o futuro das granxas de leite será diversificar ingresos coa produción de enerxía”. Eles xa comezaron a facelo, coa instalación de 99 Kw de placas solares e dispoñen xa da autorización para a instalación dunha planta de biogás na que producirán enerxía só con xurro e outros restos orgánicos, como subproductos agrícolas, xa que para Claudio “non se lle pode chamar enerxía verde a producir electricidade con alimento”. Recría propia Outro exemplo insostible para Claudio é o que segue unha granxa próxima, con 2.000 vacas en muxido e que non fai recría. “Compran xovencas acabadas de parir a outras granxas, aprovéitanlle esa lactación ás vacas e envíanas ao matadoiro en canto deixan de dar leite, sen volver a inseminarlas”, describe. Fenil Prestini, en cambio, cobre as súas necesidades de reemprazo con recría propia, que completa todo o proceso de crecemento na propia explotación. Os primeiros 15 días de vida as tenreiras están en boxes individuais non opacos, para que os animais poidan verse, tocarse e socializar. Ás dúas semanas de vida pasan a estar aloxadas de dúas en dúas ata o destete, que se produce entre os tres meses e os tres meses e medio. Lotes por tamaño Manuel Sieira, cunha das vacas dun dos dous lotes nos que están divididos os animais de producción As 220 vacas en muxido están repartidas en dous lotes, pero non se distribúen segundo produción nin se dividen en primíparas e multíparas, senón por tamaño. “Nun lote temos ás vacas máis grandes e no outro ás que son máis pequenas. Desta forma os animais están moi tranquilos porque non hai dominancias e pelexas pola comida”, argumentan. A ración é a mesma para os dous grupos. “As grandes comen máis cantidade e as pequenas menos, pero a composición é idéntica, así hai menos complicación”, asegura. Nestes momentos leva 21 kg de ensilaxe de cereal de inverno; 8,5 kg de fariña de millo; 4,5 kg de alfalfa; 2,8 kg de soia e 4,2 kg de concentrado, aínda que habitualmente contén 21 kg de silo de millo e 7 kg de ensilaxe de cereal de inverno. “Acabamos o silo de millo porque o ano pasado houbo moi mala produción, só chegamos ao 45.000 kg por hectárea”, explica.

Venda en conxunto do leite e prezo de 51 céntimos

Azienda Agricola Fenil Prestini produce unha media de 36 litros por vaca e día, logrando unha media por lactación de 10.000 litros por vaca e ano, ao 4% de graxa e 3,5% de proteína. Comercializa toda a súa produción a través de Agrilatte, unha cooperativa de venda de leite en conxunto formada por un cento de granxas. A industria de transformación, fundamentalmente queixeira, permite lograr unha maior revalorización da materia prima. “Nestes momentos estamos a cobrar o litro a 51 céntimos, pero hai un ano cobrabamos a 42 e fai dous a 36”, quéixase Claudio. O 55% do leite da cooperativa destínase a fornecer a queixerías da denominación de orixe Granna Padano, a que conta con maior tradición en Lombardía, e outro 10% para queixos da DOP Asiago, na rexión limítrofe de Venecia. O resto véndese como leite líquido. Sala de muxido de orixe irlandesa A familia Cremonesi muxe dúas veces ao día (de 2 a 5 da mañá e da tarde) nunha sala de 18 puntos pero con capacidade para 36 vacas. “É unha sala moi funcional que che permite colocar as pezoneiras aos dous lados. Desta forma con só 18 pezoneiras muxes a 36 vacas porque mentres nun lado estás muxindo, no outro metes vacas e preparas ás outras 18; así reduces tempos mortos e custos, debido a que se necesita unha menor potencia eléctrica, bomba de baleiro, etc. Cun só operario e 18 puntos somos capaces de muxir 100 vacas á hora”, destaca. Claudio visitou distintas granxas en Irlanda tras facer a súa tese universitaria e decidiu importar este sistema de muxido, da marca Dairymaster, para a súa granxa. “Os gandeiros veciños dicíanme que estaba tolo. A sala montámola no ano 2001 e custounos 85.000€”, lembra.
É unha sala moi funcional que permite reducir tempos mortos; con 18 pezoneiras e un só operario muximos 100 vacas á hora
No canto de usar colares ou podómetros, este sistema irlandés utiliza microchips nos crotais, que proporcionan todos os datos de celos, rumia, produción etc. e a sala de muxido conta á súa saída cunha porta selectora que separa automaticamente a vacas que é necesario inseminar ou tratar. O relevo xeracional nas granxas italianas Claudio estudou 5 anos no Instituto Técnico Stanga, o centro de formación agraria con sede en Cremona, e tras incorporarse á explotación familiar decidiu seguir formándose compatibilizando o traballo na granxa co estudo na universidade e unha estancia posterior en Cork (Irlanda). Reivindica a complementariedade entre a formación teórica e a práctica e destaca a capacidade de transferencia de coñecemento e innovación do sistema público irlandés, onde a propia universidade tiña unha granxa comercial de 200 vacas para as prácticas dos alumnos e a adopción de innovación. Claudio ten unha filla de 16 anos, Stefania, que estuda en Stanga. Este ano fixo o primeiro curso e, tras completar a súa formación no centro (5 anos), ten pensado dar o salto á Universidade (outros 5 anos) para facer Veterinaria. Dificultades de man de obra Os traballadores de orixe india, paquistaní e exipcia son os que máis abundan nas granxas lombardas Na granxa dos Cremonesi traballan dous empregados, un indio que se encarga do muxido e outro paquistaní que realiza tarefas de limpeza, alimentación e coidado do gando. “Estamos a buscar máis persoas para traballar pero é moi difícil atopar. Pagamos 2.200 euros máis vivenda ao empregado que se encarga de muxir e 1.600€ máis casa ao outro operario. Son soldos bos; non entendo como a xente non quere traballar nisto”, lamenta Claudio, que observa unha gran desconexión da sociedade actual co mundo agrario. “En 1980, cando eu me inscribín no Instituto Técnico Stanga, todos eramos fillos de agricultores; hoxe só o 10% dos alumnos proceden dunha explotación agrícola ou gandeira”, compara.

Claves sobre o cultivo de alfalfa en Galicia

O cultivo de alfalfa en Galicia como forraxe para as ganderías de vacún de leite é aínda minoritario, porén hai granxas que levan anos apostando por esta leguminosa para alimentar o seu gando. En días pasados, alumnado do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa (Coristanco, A Coruña) e gandeiros de distintas zonas de Galicia coñeceron de primeira man esta forraxe con ganderías que levan tempo cultivándoa. Na xornada formativa e técnica, organizada en colaboración coa firma Limagrain, tamén abordaron aspectos sobre o seu cultivo.
“A alfalfa é unha forraxe que se adapta moi ben ás condicións de clima e solo de Galicia”
“A alfalfa é unha forraxe que se adapta moi ben ás condicións de Galicia, tanto ó solo como ó clima”, reivindica Pablo Amado, enxeñeiro agrónomo e delegado comercial de Limagrain, que participou na xornada. “Só aquelas terras que tenden a anegarse non son recomendables para o cultivo desta leguminosa”, concreta Antonio Boado, distribuidor na zona da Coruña para Limagrain e gandeiro. Antonio é ademais un gran coñecedor deste cultivo, xa que leva anos optando por cultivalo para alimentar o seu gando. Entre outras vantaxes, a alfalfa (Medicago sativa) proporciona un gran aporte de proteína na alimentación do gando, ademais de ter unha dixestibilidade alta e ser palatable para as vacas. Está confirmado tamén que incluíla na ración das vacas en muxido permite incrementar a produción de leite.
A alfalfa está incluída como cultivo mellorante dentro da nova PAC e se se emprega para a alimentación do gando pódese acceder ó pago por cultivos proteicos
Ademais, a alfalfa está incluída como cultivo mellorante dentro da nova PAC e se se emprega para a alimentación do gando tamén se pode acceder ó pago por cultivos proteicos, polo que moitas ganderías están a valorar comezar a traballar con esta forraxe. Participantes na xornada organizada pola EFA Fonteboa e Limagrain Ibérica, durante unha visita a un campo de alfalfa.

Preparación da terra e sementeira

Un dos aspectos máis importantes a ter en conta no cultivo da alfalfa é a súa implantación. “A sementeira é o momento máis crítico, en parte polo pequeno tamaño da semente e o lixeira que é en comparación con outras leguminosas e gramíneas que se cultivan habitualmente en Galicia”, explica Amado. Nesta fase de sementeira e preparación previa da terra, recollemos algúns aspectos a ter en conta para lograr o éxito do cultivo: -Elección da parcela. Debe optarse por parcelas cunha boa profundidade do solo. “Hai que ter en conta que as raíces da alfalfa poden chegar ata 5 ou 6 metros de profundidade”, detalla o enxeñeiro agrónomo. Canto maior profundidade teña o solo mellor será a produción que se logre. Así, en solos cunhas boas condicións pódese lograr unha produción anual de 18 toneladas de materia seca por hectárea e acadar un 20% de proteína bruta. -Evitar predios que se aneguen. É un cultivo que non resiste en terreos que terminen anegados, mentres que en condicións favorables mantense 5 anos sen necesidade de renovar a pradeira e ter que volver sementar. “Cun manexo axeitado mesmo se pode lograr que se manteñan ata 7 anos tendo boas producións”, incide Amado.
Cun manexo axeitado e en parcelas cunha boa profundidade de solo pode lograrse unha produción anual de 18 toneladas de materia seca por hectárea e que se manteña ata 7 anos sen renovar a pradeira
-Revisar o pH do solo. É recomendable realizar unha analítica previa á sementeira para coñecer as necesidades do solo. Aconséllase cultivar alfalfa en solos que teñan un pH mínimo de 6,5, polo que se se sitúa por debaixo desta cifra, como acontece en moitos predios de Galicia, esta deficiencia corríxese cun bo encalado antes de sementar. -Precísase labrar a terra antes da sementeira. Aconséllase facer labores de subsolado e labores de esmiuzado do solo. Logo destes proceso recomendan unha compactación previa á sementeira, que preferiblemente se debe facer con rolos acanalados. -Sementar cedo. A alfalfa adoita sementarse na primavera ou no outono. No caso das sementeiras que se fan a comezo do outono, recoméndase facelas cedo, xa en setembro, para que a planta chegue ó inverno nun estado óptimo. -Sementar a pouca profundidade. A alfalfa require sementarse de xeito superficial, nunca a máis de 1,5 centímetros de fondo, pero é preferible facelo a unha profundidade de 1 centímetro. Para este labor o apeiro que mellor se adapta son as sementadoras de liña, ben sexan de botas ou de discos. -Dose de sementeira. Recoméndase empregar unha dose aproximada de 40 quilos por hectárea, co obxectivo de lograr unhas 400 plantas por metro cadrado. -Tamén é aconsellable pasar o rolo compactador antes e despois de sementar a alfalfa.

Fertilización e tratamentos fitosanitarios

A alfalfa é un cultivo que require pouco aporte de Nitróxeno e ten altas necesidades en canto a Calcio, Fósforo e Potasio. O Calcio debe aportarse antes de sementala, corrixindo o pH da terra cun aporte de Calcio se é preciso. A aplicación de Fósforo e Potasio debe realizarse anualmente, despois da corta, xa que tamén axudará ó rebrote. “Tradicionalmente sempre se dixo que a alfalfa non toleraba o xurro, pero hoxe en día vemos que nalgunhas ganderías están facendo aplicacións moderadas, ata un máximo de 30 metros cúbicos por hectárea, que resultan beneficiosas”, apunta o técnico.
Algunhas ganderías están a facer un aporte moderado de xurro que lles proporciona bos resultados para a alfalfa
Á hora de aplicar tratamentos fitosanitarios é preciso ter en conta o ciclo da planta, xa que no inverno adoita producirse unha parada vexetativa, que pode aproveitarse para realizar determinadas aplicacións, ou mesmo poden aplicarse antes de sementala. Así, recomendan aplicar un herbicida preventivo antes da sementeira, para eliminar a competencia doutras herbas. “Pode cultivarse con outras especies, pero o que se adoita facer é cultivar a alfalfa soa para conseguir producións altas e un bo aporte de proteína”, concreta Amado. Se se opta por cultivala soa adoita aplicarse un herbicida preemerxencia e logo empréganse herbicidas para controlar a competencia tanto de folla estreita como ancha. “As especies de folla ancha adoitan controlarse no inverno, durante a parada vexetativa da alfalfa”, detalla.

A sega e conservación da alfalfa

Á hora da sega e conservación da alfalfa, os técnicos tamén apuntaron algunhas claves para mellorar a conservación desta forraxe. Hai que ter en conta que é unha leguminosa na que se desprende con facilidade a folla, a parte que contén maior calidade, polo que o ideal é segar e deixar estendido, sen deflectores. Debe agardarse arredor dunhas 24 horas, en función da época de corta da sega, ata que o contido de humidade sexa o adecuado para ensilala. Tamén é recomendable empregar rolos ou acondicionadores de caucho. De non contar con eles, é aconsellable non segar nas horas centrais do día, para evitar que se perda tanta folla.
No primeiro ano de implantación da alfalfa é recomendable agardar ata que se produza a floración dun elevado número de plantas antes de realizar o primeiro corte
Ademais, no primeiro ano de implantación da alfalfa é recomendable agardar ata que se produza a floración dun elevado número de plantas antes de realizar o primeiro corte. “Deste xeito asegurámonos que a planta acumula reservas nas raíces que favorecen o rebrote”, explica. É habitual que a alfalfa proporcione entre 4 e 5 cortas anuais, polo que aquelas que coincidan co silo de herba poden ensilarse xuntas. Para o resto, o máis aconsellable é facer pacas e encintalas. “A alfalfa ten altos contidos de proteína e baixos contidos de azucre, polo que a súa ensibilidade é menor que un raigrás”, apunta o técnico. Para aquelas ganderías que opten por ensilar a alfalfa nun silo de trincheira é recomendable engadirlle conservantes ou inoculantes para lograr un bo ensilado.

Xornada técnica este mércores en Boimorto sobre cultivo de alfalfa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en colaboración con Limagrain, organiza para este mércores, 28 de xuño, unha xornada técnica sobre cultivo de alfalta, unha forraxe cun alto contido en proteína, o que resulta de interese para optimizar a ración en ganderías de vacún de leite. A xornada inclúe unha parte de formación teórica e outra práctica con visita á gandería UGASMA SL, de Boimorto, unha da que xa levan anos cultivando con éxito alfalfa. As persoas interesadas en asistir poden chamar ao 981 733051 ou enviar un email a luis.garcia@efagalicia.org Velaquí o programa: