Archives

Menos vacas pero máis produtivas: a tendencia na maioría de países da UE trala fin das cotas

Vacas camiño do pasto nunha explotación holandesa, onde a produción por vaca medrou un 15% desde o 2015 O sector leiteiro europeo é cada vez máis eficiente. O último informe elaborado polo Observatorio Lácteo da UE, con datos do 2018, pon de manifesto o incremento na produción de leite por vaca que están a experimentar a meirande parte dos países produtores de leite da UE, agás Francia. No conxunto da Unión, hoxe con 27 países trala marcha do Reino Unido, hai na actualidade 20,5 millóns de vacas leiteiras, case un millón menos ca no 2015. Pero esta caída do 4,2% no número de cabezas foi compensada cun maior rendemento leiteiro por animal, cun incremento medio de 133 litros por lactación, o que equivale a un 5,9% máis de produción por vaca en só tres anos, o periodo comprendido entre 2015 e 2018.
No ano 2018 España foi o cuarto país da UE con maior produción de leite por vaca, con 8.982 quilos por lactación, só superada por Dinamarca, Estonia e Países Baixos
En España a evolución desde a fin das cotas leiteiras no ano 2015 levou a un incremento de produtividade do 7,85%, dous puntos superior á media comunitaria, o que supuxo unha mellora de 218 quilos por lactación e ano entre 2015 e 2018, pasando o promedio por vaca de 8.328 quilos a 8.982 en só tres anos. Este incremento de produción por vaca foi quen de compensar o descenso na cabana española de vacún de leite, que caeu desde as 844.000 cabezas no ano 2015 até as 812.000 no ano 2019, un 3,79% menos.
Nos últimos 20 anos desapareceron unha de cada catro vacas de leite en España pero as que quedan dan case 3.500 litros máis ao ano
Aínda así, a mingua no número de vacas de leite en España reduciuse trala fin das cotas lácteas, xa que a perda de cabezas produtoras nos dez anos anteriores foi moito máis importante. Entre o 2003 ao 2015 desapareceran no Estado español unha cuarta parte das vacas leiteiras, desde 1.118.000 animais en produción a 844.000, a un ritmo dun 2% cada ano, mentres desde o 2015 o descenso ralentizouse e o ritmo actual na caída de cabezas é do 1,26% anual. Nos últimos 20 anos desapareceron unha de cada catro vacas de leite en España. Pola contra, as que hai dan moito máis leite. A produción por vaca e ano é hoxe 3.487 quilos superior ao que se lograba no 2001, cando de media as vacas de leite españolas producían só 5.495 quilos por lactación.

Á cabeza en produtividade

En conxunto, España é un dos países da Unión Europea onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%). Sen embargo, a caída acusada na cabana gandeira foi compensada cunha maior produtividade por vaca, que se incrementou neste tempo un 63,46%, dos maiores avances logrados en Europa. De feito, España atópase neste momento entre os países con maior produción de leite por cabeza: os 8.982 quilos por vaca e ano segundo os datos do 2018 que manexa a UE só son superados polos 9.851 quilos por lactación de Dinamarca, os 9.353 de Estonia e os 9.079 dos Países Baixos.
España foi dos países onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%) pero nos que máis se incrementou a produtividade por vaca (63,46%)
A media por vaca dos 27 países comunitarios é de 7.159 quilos por ano, con niveis superiores a esa cifra nos países do norte, do centro e do sur de Europa con maior grao de intensificación (Finlandia, Suecia, República Checa, Hungría, Alemaña, Bélxica, Austria, Italia, España e Portugal) e máis baixos en países que alimentan o gando en base a pastos, caso de Irlanda, ou en países do leste de Europa incorporados máis tarde á UE e nos que o desenvolvemento do sector produtor de leite non acadou aínda os niveis do resto da Unión, como por exemplo Polonia, Croacia, Bulgaria ou Romanía, que pechan o ránquing de produtividade por cabeza.
Maior grao de intensificación e produción por vaca non equivale a maior rendibilidade das explotacións
Con todo, maior grao de intensificación e produción por vaca non equivale a maior rendibilidade das explotacións, senón que países como Irlanda ou rexións de Portugal como as Azores, que alimentan o gando case exclusivamente en base ao pasto, logran maiores marxes na venda do leite ao conseguir custos de produción sensiblemente máis baixos aos de países con sistemas de produción máis dependentes dos concentrados. O estudo do Observato Lácteo europeo exclúe xa ao Reino Unido, que abandonou a UE no mes de marzo, tralo Brexit, e que era até entón o terceiro Estado con maior produción de leite da Unión Europea, con 15 millóns de toneladas, só por detrás de Alemaña, con 32 millóns, e Francia, con 24.

Francia, a excepción á evolución positiva

Explotación leiteira de Francia, onde a cabana gandeira se reduciu un 4,15% e a produción por vaca un 0,7% Dos principais países produtores de leite na UE, tan só a Francia semella que lle está a sentar mal a eliminación das cotas. Francia decidiu autolimitar a súa produción tralo fin das cotas lácteas, algo que o levou a perder peso no contexto europeo, e o oco que deixou aproveitouno Alemaña. Desde o ano 2015 a cabana gandeira francesa reduciuse un 4,15%, practicamente na mesma porcentaxe que no conxunto da Unión Europea (4,19%), pero mentres que a produtividade por animal se incrementou un 5,9% de media dos 27 países que forman o clube comunitario, na República Francesa a produción por vaca caeu un 0,7% neste tempo.
As vacas francesas e portuguesas deron menos litros de leite no 2018 que no 2015
As vacas francesas dan de media ao ano 7.049 quilos de leite, lixeiramente por debaixo da media comunitaria (7.159) pero o seu rendemento é hoxe menor que fai 5 anos, mentres o resto de principais produtores europeos foron incrementando a produción por cabeza desde o 2015, con melloras do 16,48% no caso de Italia, 15,29% nos Países Baixos, 9,09% en Bélxica, 5,81% en Alemaña, 5,23% en Dinamarca. Ao igual que en Francia, a evolución en Portugal tamén foi negativa desde o 2015, cunha caída de rendemento do 0,48%, desde os 7.450 quilos por vaca até os 7.414 en 2018.

Países Baixos, menos cabezas polas limitacións ambientais

Gandeiría en pastoreo con robot de muxido en Holanda, onde as limitacións ambientais reduciron a cabana un 7,4% No lado oposto destacan os incrementos de produtividade en Italia e Holanda, superiores ao 15%. Destaca sobre todo no caso dos Países Baixos, que contaba xa con niveis produtivos elevados pero que en 3 anos logrou que as súas vacas dean 1.204 quilos máis de leite, pasando de 7.875 a 9.079 quilos por lactación. Sen embargo, foi tamén neste periodo no que a produción das granxas holandesas se viu condicionada pola vía do establecemento de cotas de emisións de fosfatos, que obrigaron a unha redución importante no número de cabezas en moitas explotacións. Hóuboas que optaron por mercar dereitos de emisións a outras gandeirías ou mesmo por enviar a recría a Alemaña para que deste xeito as xovencas non computasen como cabezas da granxa, pero na maioría dos casos reduciron o número de animais compensando isto cun incremento na súa produtividade.
En Holanda hai hoxe 127.000 vacas menos dando leite que no 2015 e 234.000 xovencas e becerras de recría menos que fai 5 anos
A cabana gandeira holandesa ten hoxe 1.590.000 vacas dando leite, segundo os datos do 2019 publicados polo Observatorio Lácteo da UE no seu informe, un 7,4% menos que na última campaña de cotas lácteas; ás que hai que sumar 107.000 xovencas entre 1 e 2 anos, fronte ás 129.000 do 2015 e 395.000 xatas de menos de 1 ano, fronte ás 607.000 que había contabilizadas no 2015.

Irlanda e Polonia lideran o crecemento

Vacas leiteiras en pastoreo en Irlanda, que aumentou un 15% a súa cabana gandeira entre 2015 e 2019 Só cinco países da Unión Europea aproveitaron o final das cotas lácteas para aumentar tanto o número de cabezas de gando como a produción por vaca: Irlanda, Polonia, Bélxica, Luxemburgo e Chipre. No caso de Irlanda, o incremento na cabana gandeira foi dun 15% entre o ano 2015 e o 2019, pasando de 1.240.000 vacas leiteiras na última campaña de cotas ás 1.426.000 de hoxe. Se o comparamos con España, Irlanda tiña no ano 2003 un número de vacas leiteiras semellante (1.136.000 no caso irlandés e 1.118.000 no español) pero mentres en España a cifra de animais non deixou de descender desde entón até os 812.000 actuais, en Irlanda o número evolucionou en sentido contrario, medrando un 25,53% entre 2003 e 2019.
Irlanda e España partían dun número de animais produtores semellantes no ano 2003 pero mentres en España minguaron unha cuarta parte en Irlanda aumentaron nesa mesma proporción
De xeito parello ao aumento da cabana gandeira, Irlanda logrou tamén incrementar a produción por vaca un 2,46% desde o fin das cotas, desde os 5.327 quilos por vaca e ano no 2015 aos 5.720 tres campañas máis tarde. O aumento do número de vacas, unido a un sistema de produción vinculado ao pasto, está a xerar na actualidade problemas de contaminación por nitratos en Irlanda, onde se calcula que as emisións procedentes do sector agrogandeiro supoñen o 35% do total de gases de efecto invernadoiro do país.
Irlanda aumentou un 15% o rabaño de leite e un 2,5% a produción por cabeza entre o 2015 e o 2019 e Polonia un 1,5% o número de vacas e case un 6%% o leite que dan
En Polonia, o outro dos países emerxentes de Europa a nivel leiteiro, o aumento da cabana produtora foi moito menor que en Irlanda, pasando de 2.134.000 vacas a 2.167.000, pero a mellora na produtividade pasou dos 5.097 quilos do 2015 aos 5.399 en 2018, un incremento anual próximo ao 2%.

Camiñando cara a especialización produtiva na UE

O estudo da evolución da cabana gandeira en Europa nas últimas dúas décadas amosa claramente que o continente camiña cara a unha especialización na produción de leite dentro da UE, que se está a afianzar nos tradicionais países produtores (Alemaña, Francia, Países Baixos, Irlanda, España) e aos que se está a sumar Polonia, mentres o número de vacas leiteiras se reduce a un ritmo acelerado no resto de países.
Europa camiña cara a unha intensificación da produción nas rexións máis leiteiras e unha desaparición do sector no resto do territorio
Agás en España, Suecia, Polonia e Portugal (27,37%, 25,5%, 23,05% e 18,75% respectivamente), no resto de países con vocación para a produción de leite o descenso da cabana gandeira nos últimos 15 anos foi menor que na media da UE, situada no 14,15% de caída promedio. Os valores de Italia (13,83%), Francia (13,41%), Alemaña (7,51%), Austria (6,09%), Bélxica (5,94%) e Dinamarca (4,41%) situáronse por baixo da media europea e mesmo houbo dous países, Países Baixos e Irlanda, onde o balance 2003-2019 en canto á evolución da cabana gandeira é positivo, con incrementos do 2,51% no caso holandés do 25,53% no irlandés. Evolución do número de cabezas Datos por 1.000 vacas No conxunto dos 27 países da Unión Europea hai hoxe 20,5 millóns de vacas dando leite, con Alemaña, primeiro produtor de leite da UE e que aproveitou o periodo post-cotas para afianzar o seu liderado, á cabeza, cun rabaño de 4 millóns de vacas. Francia (3,4 millóns), Polonia (2,1), Italia (1,6), Países Baixos (1,5), Irlanda (1,4) e Romanía (1,1) están tamén por enriba do millón de vacas leiteiras. España superaba esa cifra fai 15 anos (1.118.000 cabezas no ano 2003) pero a día de hoxe está nas 812.000 vacas.
Desde o ano 2003 o número de vacas de leite só aumentou en Irlanda e Países Baixos, mentres en España, Suecia, Polonia e Portugal foi onde se deron os maiores descensos
De feito, España foi dos países onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%), só superada por países do leste de Europa: Croacia (46,94%), Lituania (46,21%), Eslovaquia (41,12%), Bulgaria (37,29%), Grecia (36,24%) e Romanía (29,18%). Todos, agás Romanía, que ten 1.131.000 vacas leiteiras, contan con moita menor vocación láctea e número de cabezas produtoras ca España. Evolución da produtividade Datos en quilos de leite por vaca e ano Pero é precisamente neses países onde máis caeu a cabana gandeira nos que tamén máis se incrementou a produtividade por vaca. No caso de España esa mellora foi do 63,46% desde o 2001. Destaca tamén o incremento logrado polas repúblicas exsoviéticas do Báltico, Estonia, Letonia e Lituania (75,84%, 67,70% e 57,33% respectivamente), así como en Eslovenia (72,07%), Croacia (71,99%) e República Checa (69,15%). Grecia (52,37%), Italia (45,83%) e Bélxica (43,76%) tamén están por enriba da mellora media do conxunto da UE (32,33%).
Nos últimos 20 anos España mellorou un 63% a produción por vaca, Italia un 45%, Dinamarca un 35%, Alemaña un 28%, Holanda un 24%, Irlanda un 22% e Francia un 19%
Aínda con variacións, esa mesma tendencia positiva tamén se deu no resto de países, aínda que cunha evolución máis contida en países como Francia, Holanda ou Irlanda, cunha produción de leite máis vinculada a territorio e á produción local de forraxes. Nos últimos 20 anos Dinamarca mellorou a súa produción por vaca un 35%, Alemaña un 28%, Holanda un 24%, Irlanda un 22% e Francia un 19%.

Tucheim eG, a evolución dunha granxa dos anos 70 á robotización

En Tucheim eG, unha granxa cooperativa de Sajonia (Alemania), conviven dous mundos. Dun lado, unha corte levantada no 1974, daquela con capacidade para 1.000 vacas e hoxe, logo de reformas sucesivas, con menos de 800 animais. Do outro, unha moderna nave de 250 vacas, con catro robots de muxido, cortinas regulables nos laterais e sistema de autolimpeza do solo. Este é o novo modelo, equiparable ó de moitas granxas galegas, polo que aposta a gandería, que visitamos no mes de febreiro no marco das Addcon Academies organizadas por Adial. Tucheim eG é unha granxa cunha estrutura inicial herdeira da antiga Alemania do Leste. Desde o 1991, a gandería é propiedade dunha cooperativa de 80 granxeiros, que conta ademais con 1.000 hectáreas propias e con outras 2.000 arrendadas. Como é habitual en Sajonia, a produción de leite é só unha parte do negocio da cooperativa, que tamén se adica á produción de vacún de carne e á produción agrícola. Nas súas 3.000 hectáreas, reservan 1.400 para herba e 350 para millo, adicando o resto a cultivos como cebada, colza, avea ou centeo. Vacas de preparto. A elevada dispoñibilidade de terreo proporciónalle á granxa un importante autoabastecemento alimentario. O seu handicap é a areosidade das terras, o que xera unha fuga rápida dos nutrientes e dificulta o manexo. “De 0 a 100, o valor das terras é dun 30”, calculan. Obteñen, non obstante, silos de calidade para as vacas de produción, pois só destinan para elas o primeiro corte, en tanto o segundo vai para a recría e o terceiro para as vacas de carne. A ración das vacas baséase no silo de herba e no silo de millo, incorporando tamén 3 quilos de colza e un máximo de 5 quilos de concentrado por vaca. A súa produción media ronda os 9.500 Kg. por vaca ó ano, cun 4,1 de graxa e un 3,6 de proteína. En canto ó prezo, teñen unha base de 31 céntimos, que sumada ás calidades dá un prezo final de 36 céntimos. Sala de muxido. Cuberto exterior ao que poden acceder as vacas en produción. Evolución das instalacións O núcleo de produción da gandería é unha antiga corte levantada no 1974. Fixéronselle desde aquela reformas para ampliar o tamaño das prazas e reducir a densidade de animais, co cal agora quedan 780 vacas na instalación, pero aínda así os espazos son axustados. Os animais están maioritariamente en camas de colchoneta, salvo o lote de preparto, que está en camas de palla. Para aumentar o confort e espazo dispoñible para os animais, habilitouse un cuberto contiguo, con camas de palla, ó que teñen libre acceso as vacas en produción. Camas de goma e solo emparrillado na corte máis antiga. A única parte das cortes que se mantén similar a como era no 1974 é un sistema centralizado de alimentación, que por medio dunha cinta transportadora leva a ración desde a sala de elaboración ata o pesebre dos animais. Centro de alimentación, desde onde sae a ración para os animais. A parte máis moderna da granxa é unha nave con 250 vacas en produción que está dotada de 4 robots Lely, arrimador automático de comida, cortinas regulables nos laterais e sistema de autolimpeza de solo. En lugar das camas de goma da corte vella, a gandería apostou aquí por camas de palla picada mesturada con carbonato cálcico e auga, que se engade para compactar a mestura. Un só traballador ocúpase de toda a nave, en horario partido de 7 a 18 horas, en tanto na corte vella precisan de 5-6 traballadores e doutros 2 para a sala de muxido. O equipo de traballo de Tucheim eG organiza normalmente a libranza a razón de 7 días consecutivos de traballo e 3 libres. Nave nova con catro robots de muxido. O sistema de traballo da corte nova é o que primará na gandería no futuro. A granxa está levantando outras dúas naves xemelgas, que inicialmente adicará á recría de xovencas, coa idea de que os animais queden xa alí como vacas en produción con robots de muxido.

Cambios na xestión dos puríns en Alemania

Un momento da visita organizada por Adial. Igual que en España, o endurecemento do control da UE sobre as emisións de amoniaco levou ó Goberno alemán a regular os sistemas de aplicación de purín. Desde final do 2020, as grandes granxas, como Tucheim eG, terán prohibido o esparcido de puríns. A normativa especifica que terán que aplicalo por inxectores ou tubos colgantes, debéndose laborear a terra nas 4 horas seguintes. Con esas medidas, búscase reducir a contaminación atmosférica de amoniaco, un gas perxudicial para a saúde. Outra liña de preocupación ambiental en Alemania son as filtracións de nitróxeno ás augas, un serio problema no país, pois ten arredor dun 20% do territorio con afección de nitróxeno agrícola nas augas. Desde febreiro deste ano xa están prohibidos os fertilizantes químicos de urea se non levan inhibidores que reduzan as perdas de nitróxeno. Para os puríns, pedirase desde fin do 2020 un mínimo de 6 meses de capacidade de almacenamento nas granxas, fronte ós 4 meses da normativa actual. Entre o 15 de novembro e o 15 de febreiro de cada ano, en Alemania xa estaba prohibida a aplicación de xurros, unha prohibición que se estende a calquera outra data na que estea o solo nevado ou conxelado, salvo que desconxele no día.

10 claves do sector lácteo de Alemaña, o primeiro produtor da Unión Europea

Alemaña é a primeira potencia láctea da Unión Europea, cunha produción en 2019 que roldou os 32 millóns de toneladas, e a unha distancia considerable do segundo productor, Francia, que produce uns 24,5 millóns de toneladas. Ademais, o país xermano aproveitou a crise do sector lácteo provocada polo fin das cuotas lácteas, para reformular a súa estratexia e reafirmar o seu liderado. Incrementando a súa produción case un 20% nos últimos dez anos. Neste sentido, o Institut de l´Élevage  francés ven de publicar un dossier sobre “A Europa leiteira do norte despois da fin das cotas”, no que adica un capítulo específico a estudar o caso alemán. Estas son as súas conclusións:

1) As grandes cifras do sector lácteo alemán:

-Unhas 62.000 ganderías productoras de leite de vaca. -4,1 millóns de cabezas de gando. -31,7 millóns de toneladas de leite producidas ao ano (datos de 2018) -Exporta o 46% da súa produción. -O sector lácteo aporta un saldo positivo á balanza comercial alemá duns 2.300 millóns de euros anuais. -0 70% do leite é recollido por cooperativas.

2) A produción de leite tende a concentrarse no oeste do país:

Entre 2008, inicio da saída gradual das cotas, e 2018 a produción de leite de vaca alemá aumentou un 10% (+ 3,1 millóns de toneladas) a 31,7 millóns de toneladas. Este crecemento fíxose principalmente antes da abolición das cotas. A produción aumentou en todos os Länder, os estados federados de Alemaña, pero a ritmos variados: + 27% en Baixa Saxonia e Schleswig-Holstein; + 22% en Renania do Norte-Westfalia, + 8% no sur (Baviera e Baden-Würtemberg) e un + 9% no leste. E desde 2015, as evolucións divereron aínda máis: continuou o crecemento en Baixa Saxonia e Schleswig-Holstein (+ 6% en 3 anos; "Norte" na gráfica); entregas estables no sur, e caen en Renania do Norte-Westfalia ("Oeste" cos outros Länder menos lácteos do Centro-Oeste).

3) Prezo do leite:

O prezo do leite pagado aos produtores é algo máis baixo no Norte de Alemaña, pero tamén con menos oscilacións que no sur e no leste. Así, por unha banda, a cooperativa FrieslandCampina, que recolle sobre todo no Norte, pagou 372 € / t o leite aos seus gandeiros de media no período 2013-2017, mentres que a cooperativa DMK só ofreceu 327 € / ton.

4) As axudas públicas ao sector priman que os gandeiros produzan leite de máis calidade e maior benestar animal

As axudas públicas a investimentos no sector no período período 2007-2014, foron principalmente para construción de establos, co obxectivo da modernización e "mellorar a competitividade de empresas sostibles, respectuosas co medio ambiente e cos animais ". Durante o seguinte período, de 2014 a 2020, engadíronse condicións para satisfacer as expectativas da sociedade de cara ao sector (protección ambiental, clima, benestar animal). As axudas para plans de mellora cubren do 20 ao 40% do importe total. Esixencias de benestar animal e respecto ao medioambiente para acceder aos plans de mellora: -A carga gandeira debe ser inferior a 2 UGM/ ha de superficie agrícola útil e capacidade de almacenamento de xurro nas foxas debe ser de polo menos 9 meses. -As axudas esixen que todos os animais deben poder descansar ao mesmo tempo, tendo polo menos un cubículo por vaca. Ademáis, os cubículos deben ter unha cama seca ou outro sistema de confort como unha colchoneta. A superficie do establo debe ser como mínimo de 5,5 m2 por animal. - Nos establos novos, os pasillos deben medir polo menos 2,5 metros de ancho e zonas de alimentación como mínimo 3,5 metros de ancho para que os animais poidan cruzar sen estrés. - Debe haber no establo un exterior que poida conter polo menos un terzo das vacas leiteiras con 4,5 m2 / UGM , excepto no caso de facer pastoreo. Se debido ao tipo de establo non é posible contar con este patio exterior, dentro do establo as vacas deben dispoñer de polo menos 7 metros cadrados para cada unha. En Renania do Norte-Westfalia, se o gandeiro quere pasar de vacas trabadas a unha estabulación libre o importe da axuda do plan de mellora aumenta ata o 40%. Tamén é de destacar que nese estado a porcentaxe de subvención do plan de mellora varía segundo o tamaño da granxa: ata un 40% nas granxas de menos de 100 vacas e un máximo do 15% para as máis de 150 vacas.

5) Dous terzos do leite destínase á fabricación de queixos

O 47% da produción láctea alemá destínase á elaboración de queixos, sobre todo Emmental, Gouda e mozzarella. Os seguintes produtos en importancia son a manteiga (17%), ingredientes secos (12%), leite envasado (10%), nata (7%) e iogures (7%). O 46% dos produtos lácteos alemáns expórtanse a outros países, principalmente a Países Baixos, Italia, Francia, Austria, ... As exportacións intracomunitarias seguen sendo dominantes (o 81% do valor total), a pesar de que as vendas a terceiros países se duplicaron en dez anos ata os 2.000 millóns de euros, o 21% do total das exportacións fronte ao 14% en 2008. En consecuencia, a balanza comercial positiva de Alemaña en produtos lácteos aumentou lixeiramente un + 20% en dez anos, ata os 2.300 millóns euros.

6) Unha lexislación medioambiental cada vez máis esixente

A normativa ambiental en Alemaña cada vez é máis restritiva para as ganderías de vacún de leite. En xuño de 2018, o Tribunal Europeo de Xustiza condenou a Alemaña por medidas insuficientes postas en marcha para alcanzar o obxectivos marcados pola directiva europea sobre nitratos. De feito, o 28% das estacións de seguimento das augas subterráneas alemás e do 34% das estacións do lander de Baixa Saxonia indican un nivel de nitratos en augas superior a 50 mg / l . Estes altos niveis de nitratos rexístranse nas rexións cunha alta concentración de gando, se ben é certo que as explotacións avícolas e porcinas son as máis cuestionadas. En resposta a esta sentenza sen penalización, Alemaña modificou a súa ordenanza de fertilización: • Un máximo de 170 kg de nitróxeno por hectárea, incluindo agora os dixestatos de plantas de biogás. • A capacidade de almacenamento de xurro das fosas aumenta de seis a nove meses en 2020 para explotacións con máis de 3 UGM / ha e sen base territorial suficiente, e de seis a sete meses noutros casos. Estas medidas obrigan aos gandeiros a aumentar a súa capacidade de almacenamento e a súa base territorial, ou mesmo enviar o exceso de xurro pola súa conta (20 € / m3 ) a zonas con menos carga gandeira.

8) Aposta polos leites diferenciados: Ecolóxico, de pastoreo, sen OXM...

Desde 2002, Alemaña experimentou un forte crecemento de produción de leite ecolóxico, que se acelerou desde 2016. A produción de leite bio está moi desenvolvida en Baviera, con máis do 8% das explotacións leiteiras certificadas en 2018. Pola contra, permanece limitada no Norte (1% da recollida rexional). En paralelo, nos últimos dez anos, os cidadáns están a pedir produtos lácteos máis sostibles como "sen OXM" ou "leite para pastoreo". Baixo a presión das ONG, Friesland Campina iniciou a movemento en 2008 coa súa marca Landliebe. En 2018, dez anos despois, 44 lácteos procesan leite “sen transxénicos” o que representa o 60% da recolección de leite alemán (agosto 2019) e case o 90% en Baviera. Por razóns de loxística e custo, moitas industrias lácteas, Arla á cabeza, esixen leite sen transxénicos a todos os seus gandeiros. Moitos produtores consideran que a prima é insuficiente (1 ct / kg), para sufragar os gastos adicionais de alimentos. En canto ao leite de pastoreo, en Baixa Saxonia existe o selo "Pro Weideland", empregado por 32 institucións (produtos lácteos, ONG, adquisición), cun éxito notable. Emprégano as industrias lácteas Arla, Ammerland ou Friesland Campina e é o único aceptado por Lidl para o seu leite fresco. Esta etiqueta certifica 6 horas de pastoreo ao día durante 120 días, 2.000 m2 por vaca de prado natural ou 1000 metros cadrados con biodiversidade, pastoreo "activo", comida non transxénica e liberdade de movemento mínima. Isto pretende, ademais de responder ás demandas crecentes da sociedade en termos de benestar animal, manter os prados permanentes do Noroeste alemán para promover a biodiversidade. Aínda que o obxectivo era alcanzar unha prima de 5 cts / kg hoxe só se paga 1 céntimo adicional, o que resulta demasiado baixo aos ollos de moitos gandeiros en comparación coa carga de traballo que este sistema require, especialmente para rabaños cada vez máis grandes.

9) Aumento dos prezos da terra:

No noroeste e no sur, o prezo das terras agrícolas subiu moito desde 2010, o que dificulta as posibilidades de expansión das ganderías, fomenta compras externas de alimentos e aumenta os custos de xestión dos excrementos.

10) Previsións de futuro: Crecemento máis lento

De cara ao futuro, a produción láctea debería estabilizarse no norte de Alemaña. Non obstante, a produtividade por vaca debería aumentar ata os 10.000 kg grazas á modernización das instalacións e á extensión dos robots de muxido (o 11% das explotacións están equipadas con robot na Baixa Saxonia en 2017). A tendencia, por tanto é a que o tamaño da cabaña gandeira de vacún de leite en Alemaña se manteña estable nos próximos anos, aumentando a produción pola vía da produtividade.

“As granxas en Alemaña invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias automatizadas”

O pasado mes de febreiro un grupo de técnicos galegos das empresas Xesga, Seragro e Adial visitaron tres granxas de alta tecnoloxía no estado de Saxonia, no leste de Alemaña. Así, en Brademburgo visitaron Watenbourg Company "Lansingk", propiedade dun gandeiro de orixe holandesa que rexenta unha gandaría de preto de 1 .000 vacas que son muxidas por dezaseis robots. A segunda das granxas visitadas foi Lausitzer Hügelland Agrar AG, unha antiga cooperativa saxona que instalou unha sala rotativa robotizada que nos seus 21 puntos moxe unhas 500 vacas . E a terceira, tamén en Sajonia, foi Wesenitzal, unha explotación que dispón dun sistema de alimentación de carro mesturador robotizado " Lely vector". A visita estivo guiada por Rebeca Cembranos Bruzón, unha enxeñeira agrícola española que traballa desde hai anos para algunhas das granxas de vacún de leite máis punteiras do estado alemán de Saxonia, unha das principais rexións europeas produtoras de leite. Con ela falamos de como é a produción nestas granxas. Como xurdiu o teu interese pola gandaría de vacún de leite? O meu interese xurdiu xa na Universidade cando na materia de Racionamento calculabamos as racións para vacún leiteiro, vacún de carne, porcos, galiñas poñedeiras... E que che levou a traballar en Alemaña? A razón de traballar en Alemaña foi o balonmán. Tanto en España como en Alemaña dediqueime profesionalmente a xogar a balonmán. Con 25 anos deime conta que se quería algún día desempeñar un traballo relacionado coa miña carreira non debía de deixar moito tempo entre os estudos e o mundo laboral. Así que aproveitando a mala situación económica do club alemán naquel momento funme a xogar a un club da 3ª Liga alemá co obxectivo de que me buscasen traballo a cambio de xogar no seu equipo. Alí coñecín a Thomas Mitzscherlich, enxeñeiro agrónomo, que me ensinaría tanto a práctica como a teoría do traballo que hoxe exercito. A el débolle que hoxe despois de 6 anos gozar asesorando ás explotacións e axudando a optimizar os seus recursos. Cóntanos como é o traballo que desempeñas nas granxas alemás.. O traballo que desempeño baséase nunha análise continua dos parámetros de produción; sanitario, manexo, nutricional e económico. A visita “in situ” é a que nos revela onde se atopan eses problemas e finalmente adóptanse as súas medidas e solucións. Como valorarías o nivel sanitario da cabana alemá de vacún de leite? O nivel sanitario das granxas alemás é moi desigual. Non se pode dicir que unha granxa con instalacións antigas teña un estado sanitario peor ou mellor que unha granxa moderna co confort máis alto para o animal. A diferenza está no manexo, a sensibilidade na alimentación e sobre todo no persoal. Na rexión de Saxonia o rendemento medio de leite por vaca de matadoiro é de 26.640 kg ao longo da súa vida e o rendemento medio por vaca viva na granxa de 20.734 kg. Estes parámetros varían moito entre granxas. As miñas mellores explotacións alcanzan un rendemento medio de 40.000 kg de leite por vaca de matadoiro ao longo da súa vida e case 30.000 kg de leite por vaca viva en produción. ¿Como son en xeral as granxas nas que traballas: número medio de vacas, produción media por vaca, calidades medias do leite, número de partos....etc? As vacas que asesoro teñen de media sobre 500 vacas lactantes máis a reposición, así que en total, uns 1.000 animais. A produción media por vaca e en 305 días de produción, que é como se mide en Alemaña, corrixida a 4 % graxa e 3,4% de proteína está entre 10.500 e 11.000 kg.
 “No conxunto de Alemaña a media de produción por vaca áchase en 9.843 kg con 4,04 % graxa e 3,45% proteína”
No estado alemán de Saxonia a media está en 9.794 kg de leite con 3,93% graxa e 3,41% proteína. No conxunto de Alemaña a media sitúase en 9.843 kg con 4,04 % graxa e 3,45% proteína. A media de tempo entre partos en Saxonia é de 404 días. Están a aumentar a súa produción e a súa cabana gandeira nos últimos anos? No estado de Saxonia obsérvase ambos os comportamentos. As granxas que apenas investiron nos últimos 20 ou 30 anos tenden a abandonar a produción gandeira e céntranse só no cereal. Doutra banda, explotacións que deron o paso de investir e que producen de forma rendible tenden a duplicar a súa cabana gandeira. Como  están os prezos do leite neste momento? Percibes optimismo nos gandeiros en canto a que é rendible neste momento producir leite? Actualmente o prezo base é de 30,5 cts e este é co 4% de graxa e 3,4 % de proteína. Iso significa que gandarías con boas calidades poden conseguir actualmente un prezo final entre 34 e 36 cts por kg. de leite neto. En canto ao optimismo, depende de cada gandaría. As explotacións que dominan a súa produción ven futuro no leite. Con todo, o gandeiro alemán non é máis que un produtor e que simplemente fornece o seu leite á industria láctea. Este tenta optimizar os seus recursos ao máximo e a industria conseguir a súa materia prima o mais barata posible.
“Actualmente o prezo base é de 30,5 cts e este é co 4% de graxa e 3,4 % de proteína”
¿Como adoita ser a ración nas gandarías de vacún de leite nas que traballas? Cando quilos de concentrado engaden de media na ración? Unha ración de alto rendemento ten entre 60 % de forraxe e o resto concentrados, correctores minerais e vitamínicos. Unha ración de alto rendemento onde o lote ten un consumo de 25 kg de materia seca ao día, ten entre 10 e 11 kg de concentrado. As principais forraxes son ensilados de herba tanto de pradaría como de ray grass, ensilado de millo, ensilados de alfalfa e ensilado de centeo. Está a estenderse a robótica nas gandarías de vacún de leite, tanto en muxido como en alimentación? Si, a tendencia é que as gandarías na zona de Saxonia invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias case ou totalmente automatizadas. O motivo que move a moitas granxas a investir na robótica é o feito de non atopar a persoal cualificado. Doutra banda hai explotacións que deciden investir en salas de muxido menos sofisticadas e invisten no seu persoal.
“A tendencia é que as gandarías na zona de Saxonia invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias case ou totalmente automatizadas”
En que aspectos crees que están a mellorar máis as gandarías alemás, e en concreto para as que traballas? Nas explotacións que teño a sorte de exercer o meu traballo estou a observar como crece a sensibilidade polo detalle na produción. A primeira vista realizan todas as gandarías o mesmo traballo, pero unhas alcanzan o 12.000 kg de leite e outras quedan no 9.800 kg de leite. A diferenza radica xustamente nesa sensibilidade polos detalles na produción. Cales son as principais fortalezas que destacarías das granxas para a que traballas? A principal fortaleza que destacaría das miñas granxas é a paixón e entusiasmo coa que tanto os xefes/as da produción como os propios traballadores levan día a día o seu traballo. Pola contra, ¿en que áreas crees que existe máis marxe de mellora? Dentro da produción, uns dos puntos máis importantes de mellora é a recría das xovencas, en especial o manexo do costro e os primeiros 70 días de cría das tenreiras ata que se destetan. En Alemaña, as perdas de vacas primeirizas nalgunhas granxas son de máis dun 30%. O tema ambiental é unha das preocupacións das granxas de vacún de leite? O tema ambiental en Alemaña está moi presente. O estado elabora unhas leis, sexan os decretos da fertilización, do abono, de cría de animais... que non deixan case marxe á produción e que en moitos casos significan un factor económico moi alto para o gandeiro e agricultor.

Imaxes das granxas de vacún de leite de Saxonia: 

SALA DE MUXIDO ROTATIVA CON 6 BRAZOS ROBOTIZADOS GRANXA CON 16 ROBOTS SISTEMA DE ALIMENTACIÓN UNIFEED ROBOTIZADO