“A produción de leite en Irlanda está a medrar a un ritmo dun 10% anual”

Igual que no caso galego, as cotas lácteas limitaron durante anos o potencial leiteiro irlandés. Pero a eliminación dese freo no 2015 foi unha oportunidade que os gandeiros souberon aproveitar, aumentando desde entón máis dun 50% a súa produción

James HumphreysA República de Irlanda é o Estado da Unión Europea que máis aumentou a súa produción de leite desde o final do sistema de cotas lácteas na UE, pasando dos 5 millóns de toneladas en 2015 aos case 8 millóns da actualidade. James Humphreys é investigador do Teagasc e revélanos cales son as claves do éxito do despegue irlandés.

– Igual que pasou durante tres décadas en Galicia, o sistema de cotas vixente na UE até o 2015 tamén limitou durante anos o potencial leiteiro de Irlanda. Pero o Goberno irlandés preparou un plan para o escenario post-cotas que está dando os seus froitos.  
– O sector leiteiro está evolucionando moi ben nos últimos anos en Irlanda. Houbo unha gran expansión da produción láctea no país desde o fin das cotas, cun incremento do 10% anual nos últimos 5 anos. No ano 2015 fixámonos como obxectivo un incremento do 50% e hoxe xa estamos por enriba desa porcentaxe acumulada de crecemento e penso que vai continuar.

– Efectivamente, Irlanda foi o país da UE que máis incrementou a produción de leite tralo fin das cotas lácteas, cun aumento do 57%. Como se logra isto?
– Penso que había capacidade para iso. Irlanda realmente tiña asignada unha cantidade baixa, 5 millóns de toneladas de cota láctea, para unha cantidade de terra moi importante. Comparado con países como Holanda, Bélxica ou mesmo o Reino Unido, onde os norirlandeses mercaban cota láctea para poder producir, realmente a presión sobre o terreo era moi baixa.

– Cal é o límite? Até onde pode seguir aumentando a produción de leite ou cal pode ser a capacidade máxima de produción de Irlanda?
– Un dos riscos para seguir aumentando a produción é o medio ambiente e as limitacións aos gases de efecto invernadoiro porque en Irlanda temos unha poboación pequena de humanos pero unha gran poboación de animais e o aumento no número de vacas de leite o que fai é aumentar tamén as emisións de gases de efecto invernadoiro, así que ese é o gran desafío para a produción de leite en Irlanda.

O pasto é a base da alimentación do gando en Irlanda

O pasto é a base da alimentación do gando en Irlanda e supón entre o 60 e o 70% da dieta das vacas leiteiras

– Na estratexia levada a cabo nos últimos anos participaron de xeito coordinado o Goberno, as industrias, os gandeiros e o Teagasc. 
– O Teagasc é a entidade estatal responsable da investigación, a formación e os servizos de asesoramento aos gandeiros e traballa man a man cos produtores de leite e hai outro factor que influiu para incrementar a produción nestes últimos anos e é o feito de que en Irlanda o 90% do procesado do leite pertence a cooperativas. Estas empresas fixeron investimentos para aumentar a capacidade industrial de procesado de leite e iso deu seguridade aos gandeiros e garantías para poder incrementar tamén eles a produción de leite.

En Irlanda o 90% do procesado pertence a cooperativas, que fixeron investimentos para aumentar a súa capacidade industrial e iso deu seguridade aos gandeiros e garantías para poder incrementar tamén eles a produción

Pero para iso foi necesario facer investimentos tanto no procesado como nas explotacións. O Goberno irlandés apoiou todas estas decisións e medidas porque cada novo litro de leite producido tiña como destino a exportación, xa que o mercado interno é pequeno e non tiña capacidade para absorber máis produción. Realmente nós temos un sistema de producir leite moi barato e producimos a prezos moi competitivos que nos permite exportar e competir no mercado exterior.

– Fala vostede desa capacidade que ten Irlanda para producir leite barato, o que permite exportar, pero tamén aos gandeiros obter marxes duns 15 céntimos en litro. O sistema de produción irlandés está baseado precisamente niso, na redución de custos de produción mediante o aproveitamento do pasto. Desaproveitamos o pasto en Galicia?
– Seguramente. O noso sistema, baseado case exclusivamente no pastoreo, permite obter un leite de gran calidade a uns custos de produción moi baixos. O custo por litro é duns 28 céntimos e o prezo de venda en orixe nos últimos anos estivo entre 34 e 40 céntimos, ao que hai que sumar as axudas da PAC e outros ingresos, así que a marxe é de case a metade. O ingreso neto familiar nos últimos anos foi de 70.000 euros por familia ao ano e eses beneficios lógranse con tan só 500.000 litros de produción media por granxa.

O ingreso neto familiar nos últimos anos foi de 70.000 euros por familia ao ano e eses beneficios lógranse con tan só 500.000 litros de produción media por granxa grazas ás marxes que se obteñen de alimentar o gando case exclusivamente con pasto

Imaxe de Kerry Group. A vocación da industria láctea en Irlanda é exportadora

Imaxe de Kerry Group con destino ao mercado asiático. A vocación da industria láctea en Irlanda é exportadora

– Un dos destinos máis importantes para o leite irlandés sempre foi o Reino Unido. Pode verse ese protagonismo exportador prexudicado tralo Brexit?
– É certo que o 90% do leite irlandés destínase á exportación, co Reino Unido como o seu principal mercado, polo que o Brexit tamén abre grandes incertidumes neste país. Sen embargo, a industria láctea irlandesa está abrindo novos mercados e o incremento de máis de 2,5 millóns de toneladas producido desde o fin das cotas no 2015 foi absorbido fundamentalmente polos envíos fóra da UE, sobre todo a EEUU, Oriente Medio e Asia, mentres as exportacións ao país veciño de leite e produtos lácteos mantivéronse practicamente nas mesmas cifras, sen case variacións.

O 90% do leite irlandés destínase á exportación, co Reino Unido como principal mercado, pero estanse abrindo novos mercados sobre todo en EEUU, Oriente Medio e Asia para absorber o incremento de produción

Outro gran reto tralo Brexit é ao que se enfrontan as cooperativas irlandesas, que operan aos dous lados da fronteira, tanto na República de Irlanda como en Irlanda do Norte, onde tamén recollen leite que logo é transportado e transformado maioritariamente en fábricas de Irlanda, polo que se como consecuencia do Brexit se produce unha alteración do mercado os gandeiros de Irlanda do Norte poderían verse moi afectados e ter serios problemas porque non teñen realmente unha alternativa para dar saída ao seu leite.

“Nos próximos anos non vai estar permitido en Irlanda utilizar urea como fertilizante”

vacas pasto Irlanda

Irlanda incrementou nun 50% a súa cabana gandeira de produción de leite desde o ano 2015

O pasto supón entre o 60 e o 70% da dieta diaria das vacas en Irlanda, un país que incrementou nun 50% a súa cabana gandeira de produción de leite desde o ano 2015. Pero este feito, que provocou un aumento espectacular da produción leiteira, está a xerar tamén importantes problemas de contaminación.

O 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro de Irlanda proveñen da agricultura e a gandeiría. A maior parte delas débense ao metano (un gas máis potente que o CO2 na destrución da capa de ozono aínda que o dióxido de carbono sexa moito máis persistente na atmósfera) e ao nitróxeno (que supón un factor importante na emisión de amoniaco).

En Irlanda o 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro proveñen da agricultura e a gandeiría, unha porcentaxe que mesmo se está a incrementar porque a cabana gandeira está aumentando moito

James Humphreys é especialista en emisións e ciclo de nitróxeno, un campo no que o Teagasc está a traballar intensamente para lograr unha produción de leite máis eficiente e respectuosa medioambientalmente, unha preocupación crecente tanto das autoridades do país como da sociedade no seu conxunto.

– O Plan de Acción Climática do Goberno irlandés establece como obxectivo reducir as emisións da agricultura e a gandeiría. É factible reducir esas emisións entre un 10 e un 15% en 2030, tal como pretende o Goberno irlandés?
– A metade dos gases de efecto invernadoiro son metano relacionado coas emisións producidas polas vacas, outro 40% é óxido nitroso procedente dos puríns e a fertilización química do solo e o 10% restante é dióxido de carbono vinculado á combustión (vehículos, transportes, etc).

As accións van dirixidas a reducir a fertilización química con nitróxeno nas pradeiras porque para o metano non hai solucións reais a día de hoxe e as que hai, mediante suplementos alimenticios na dieta que permiten reducir a fauna microbiana do rumen, son moi difíciles de aplicar con vacas en pastoreo

O metano é difícil reducilo, hai pouca marxe de acción neste eido, polo que o noso principal foco de atención será reducir o óxido nitroso e aí é onde imos actuar principalmente. As accións van ir dirixidas a iso fundamentalmente, a diminuir o nitróxeno, porque para o metano non hai solucións reais a día de hoxe e as que hai, mediante suplementos alimenticios na dieta que permiten reducir a fauna microbiana do rumen, son moi difíciles de aplicar con vacas en pastoreo.

– E como se pode logo mellorar esa eficiencia produtiva das granxas leiteiras nas condicións irlandesas?
– O nitróxeno é un factor moi importante na emisión de amoniaco tanto polo óxido nitroso que se emite como polo lixiviado de nitróxeno que se produce. En Irlanda, igual de en Galicia, o 97 ou 98% do amonio vén das actividades agrícolas. Por iso en Irlanda temos un programa forte para a redución da utilización de nitróxeno amoniacal nas pradeiras.

CESAR_RESCH_IRLANDA_TABOA_1

Táboa comparativa da situación do sector leiteiro en Galicia e Irlanda na campaña 2014/2015, último exercicio do sistema de cotas. Desde entón a produción en Irlanda tense disparado un 57%

Nós, en comparación con outros países empregamos unha cantidade moi alta de nitróxeno ao ter un sistema de produción láctea baseado na produción de herba e para conseguir unha cantidade de produción parecida á que se consegue co millo necesitamos usar o dobre de nitróxeno.

En comparación con outros países empregamos unha cantidade moi alta de nitróxeno. Para lograr con herba unha produción parecida á que se consegue co millo necesitamos usar o dobre de nitróxeno

As solucións son en primeiro lugar unha mellor utilización do xurro, aplicado como fertilizante nas pradeiras usando para iso inxectores, para substituir abonos químicos por orgánicos. Nos próximos anos non vai estar permitido en Irlanda utilizar urea como fertilizante. A urea é un dos abonos químicos máis concentrados en nitróxeno (46%) e normalmente o máis económico do mercado, pero xenera unha alta concentración de amonio no seu proceso de hidrólise. Os gandeiros están sobre aviso e deberán utilizar urea protexida, de baixa emisión.

As solucións pasan por substituir abonos químicos por orgánicos e empregar máis leguminosas para reducir as necesidades de óxido nitroso nas parcelas

E finalmente, é preciso empregar máis leguminosas, en concreto especies como o trevo branco. Usando leguminosas como trevo branco redúcese de xeito importante o óxido nitroso porque déixase de usar óxido nitroso de orixe química nas parcelas. Este é o reto. O doado é usar Nitramón pero hai que cambiar o chip. A mentalidade dos gandeiros cambiou e están moito máis predispostos agora que fai 15 anos para facer ese cambio, porque hai moitas noticias negativas nos medios de comunicación e hai presión da sociedade neste sentido.

– Esa presión social da que fala dase mesmo nun país coma Irlanda onde a gandeiría goza dunha grande valoración por parte da poboación?
– Si, pero Irlanda está cambiando. Na miña xeración, teño 52 anos, todo o mundo tiña conexión co campo pero nas xeracións actuais esta estreita relación co rural non se dá. Irlanda é un caso peculiar, porque o 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro proveñen da agricultura e a gandeiría e mesmo se está incrementando esa porcentaxe porque se está incrementando a produción de leite e a cabana gandeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información