Holanda: Menos leite polas limitacións ambientais pero de máis valor

Con algo máis da superficie de Galicia, Holanda produce case 14 millóns de toneladas de leite, o dobre que toda España. A súa produción láctea está orientada cara á exportación, o que lle reporta un balance comercial positivo de case 6.000 millóns de euros ao ano. Coñecemos de preto esta potencia láctea

Holanda: Menos leite polas limitacións ambientais pero de máis valor

Holanda é un exemplo a nivel mundial de creación dun sector lácteo robusto e competitivo. Con 41.000 quilómetros cadrados -un terzo máis que a superficie de Galicia-, as 16.900 gandarías de vacún de leite de Holanda producen case 14 millóns de toneladas de leite, o dobre que toda España. A súa produción láctea é transformada nun 90% por cooperativas, sendo FrieslandCampina, co 70% da recollida de leite nacional, a cooperativa dominante. O seu sector lácteo está claramente orientado cara á exportación -un 65% do leite producido véndese no exterior, transformado sobre todo en queixos e leites infantís-, o que lle reporta un balance comercial positivo de case 6.000 millóns de euros ao ano.

Neste sentido, o Institut de l´Élevage francés acaba de publicar un dossier sobre “A Europa leiteira do norte despois do fin das cotas”, no que dedica un capítulo específico a estudar o caso holandés, un país no que as limitacións ao crecemento da produción polo exceso de nitratos e de fósforo nos chans levou ao sector a cambiar de estratexia e apostar polo valor engadido para incrementar a súa cifra de negocio.

Un incremento rápido da produción desde o fin das cotas lácteas

HOLANDA IDELE 2

Entre 2005 e 2014, a produción leiteira nos Países Baixos incrementouse un 20%, (+2 millóns de toneladas), até alcanzar os 12,5 millóns de toneladas, o mesmo nivel que o logrado en 1982, xusto antes da instauración das cotas lácteas en Europa.

Animados pola creeencia de que a lexislación ambiental non ía endurecerse, moitos gandeiros holandeses realizaron importantes investimentos para crecer: compra de rabaños, novos establos…etc. Así, entre 2014 e 2016 a produción láctea holandesa creceu un 16,5% para alcanzar a súa marca histórica de 14,5 millóns de toneladas. Este ascenso descansou en gran parte sobre o incremento da cabana (+11% entre 2014 e 2016) chegando a un máximo de 1,8 millóns de vacas a finais de 2016. O crecemento da produtividade por animal foi bastante menor, un 4,5% neses dous anos, situándose nunha media de 8 100 kg/vaca.

Das cotas lácteas ás cotas de fósforo

HOLANDA IDELE 3

Porén, en 2017 chegou a freada ao boom leiteiro neerlandés da man das limitacións ambientais ao exceso de nitratos e fósforo nos chans procedente dos xurros e estercos.

Efectivamente, de 2015 a 2017 en Holanda excedeuse o límite de emisións de fósforo ao solo (172,9 millóns de quilogramos dos que 84,9 millóns son do sector leiteiro). O respecto ao teito de fosfatos é unha das condicións da directiva europea de nitratos para que as gandarías holandesas poidan aplicar entre 230 e 250 kg de nitróxeno por hectárea ao ano. En caso de incumprir a directiva de nitratos, automaticamente o límite de abonado baixaría a un máximo de 170 quilogramos de nitróxeno.

Para afrontar este problema, o 1 de marzo de 2017 o goberno holandés e os representantes do sector aprobaron un plan que pretende reducir as emisións de fósforo das vacas leiteiras. O obxectivo é reducir anualmente 8,3 millóns de kg as emisións de fósforo en vacún de leite para volver ao límite máximo autorizado. Para iso puxéronse en marcha tres medidas:

-Emprego de pensos con menos fósforo para a alimentación das vacas, O que permitiu unha redución das emisións en 1,7 millóns de quilos ao ano.

-Subvencións para o cesamento de actividade, o que permitiu unha redución de 2,5 millóns de kg.

-Redución da cabana leiteira: outros 4 millóns de quilos menos.

Desde xaneiro de 2018 cada gandaría de vacún de leite de Holanda ten unha cota de emisións de fósforo, con dereitos individuais de emisións a partir do número de vacas censadas a 2 de xullo de 2015.

Ademais, e para obrigar aos gandeiros a reducir as emisións de fósforo aos niveis previos a 2015, os dereitos de emisión foron reducidos nun 8,3%, salvo para as granxas con baixa carga gandeira por hectárea.

Para aquelas gandarías que queiran ampliar o seu rabaño, é obrigatorio que adquiran dereitos de emisión de fósforo ás granxas que reducen a súa cabana ou cesan a actividade. A finais de 2019 o prezo no mercado de emisións holandés situábase nos 140 euros por kg de fósforo, tendo en conta que unha vaca emite de media uns 43 quilos de fósforo nos seus deyecciones.

É dicir, cada gandeiro ten que demostrar que dispón de suficientes dereitos de emisións de fósforo ou de suficiente base territorial para a cabana de vacas de que dispón e o rendemento leiteiro medio.

Estas medidas provocaron un retroceso na produción láctea de Holanda: despois de estancarse en 2017, en 2018 caeu un 3%. Máis forte foi a caída da cabana gandeira de vacún de leite: un 13% menos entre 2016 e 2018, quedando en 1,55 millóns de cabezas, o nivel de 2012. Con todo, a produtividade das vacas aumentou sensiblemente entre 2016 e 2018
(+8%) para alcanzar 8,9 t/vaca. O elevado prezo do leite incitou efectivamente aos gandeiros a descartar as vacas menos produtivas, nun obxectivo de redución das emisións de fósforo, e a aumentar a cantidade de concentrados distribuída.

As estritas directivas ambientais de Holanda tamén afectaron ao tamaño medio das granxas: despois de alcanzar un máximo en 2016 con 97 vacas en muxido por gandaría, a media nacional retrocedeu a 95 vacas en 2018.

Outra estratexia dos gandeiros holandeses para sortear as limitacións de fósforo foi externalizar a recría noutros países e mesmo emigrar a outros países como Alemaña ou Bélxica, pero conservando a actividade agrícola e os dereitos de fósforo en Holanda.

A nova limitación ambiental tamén levou aos gandeiros a aumentar a produtividade das vacas, e sobre todo o contido de graxa e proteína do leite. En definitiva, producir máis sólidos lácteos por quilo de fósforo autorizado.

Para finais de 2019 as autoridades holandesas e o sector lácteo consideran solucionado o problema de exceso de emisións de fósforo, pero quedan outros retos por diante, como a novas esixencia de benestar animal, ou a redución das emisións de metano e de nitratos ou a preservación da biodiversidade.

Industria láctea holandesa: aposta polo valor engadido máis que sobre os volumes

HOLANDA IDELE 4

A industria láctea holandesa, e sobre todo FrieslandCampina, parecen asumir que a produción láctea non vai crecer moito máis e tamén o probable ascenso dos custos de produción, polas maiores esixencias ambientais.

No caso de FrieslandCampina a súa estratexia é “menos volumes e máis valiosos”. Así, desde 2017 anima ás súas gandarías socias a non exceder o tope de produción, establecido en 10,7 millóns de toneladas recollidas en 2019. As contas parece que lle están saíndo ben: no primeiro semestre de 2019 a cooperativa holandesa reduciu a súa recollida nun 5%, pero soamente baixou un 1% a facturación e os seus beneficios subiron un 11%.

Multiplicación das marcas de calidade

HOLANDA IDELE 5

Ante a presión dos públicos Públicos e da sociedade neerlandesa, as industrias lácteas holandesas multiplican a creación de lábeles de calidade para os seus produtos, sobre todo centrándose na biodiversidade, o benestar animal e o clima.

Así, un certo número de produtos FrieslandCampina levan desde finais de 2018 o label de sustentabilidade « Se the way to Planet Proof », posto en marcha por SMK (Stichting Milieukeur) un organismo de certifiation independente. A certificación está baseada en tres alicerces : benestar animal, natureza e clima. As esixencias impostas ás ganDaerías inclúen, por exemplo, utilizar enerxía renovable, reducir emisións de CO2, menos pesticidas, realizar pastoreo…etc. O gandeiro que cumpre estas condicións recibe 2 céntimos máis por litro de leite en 2020.

Estas marcas de sustentabilidade serven tamén para incrementar a competitividade dos produtos lácteos holandeses nos mercados internacionais. Hai que ter en conta que o valor das exportacións neerlandesas duplicouse en dez anos, até exceder os 10.000 millóns de euros en 2018, cun saldo comercial positivo de 5.700 millóns de euros.

Perspectivas:

O sector leiteiro neerlandés terá que convivir durante os próximos anos cunha produción estable. A tenor dos teitos de emisións de fósforo e de nitratos que se deben respectar, os volumes de produción están bastante limitados.

Aínda que é certo que estas crecentes esixencias ambientais poden desanimar a moitos gandeiros, tamén pode ser unha oportunidade para avanzar cara a un sector lácteo que responde ao que demanda a sociedade e que elabora produtos de máis valor engadido.

HOLANDA IDELE 7

HOLANDA IDELE 6

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información