Archives

Claves para lograr un bo silo de leguminosas

Pradeira na provincia da Coruña, con dominancia das leguminosas As leguminosas como os trevos, vezas ou alfalfa apenas necesitan de abono nitroxenado xa que elas mesmas obtéñeno do nitróxeno atmosférico. Como o fan? pois a partir dunha simbiose con bacterias formando os rizobios. Estes nódulos son capaces de fixar o nitróxeno para que o aproveite a planta para sintetizar proteína. Así redúcese o uso de abonos nitroxenados que poden actuar como contaminantes atmosféricos e das augas. Esta é a razón pola que a Política Agraria Común (PAC) subvenciona os cultivos de leguminosas. Poden ser puros como a alfalfa ou en combinación con cereais como a veza e avea ou ben gramíneas herbáceas como o raigrases e trevo. Estas últimas mesturas, ás veces tamén coa adición de veza, foron as máis sementadas en Galicia nesta última campaña. Suman moitas hectáreas que renden un ou dous cortes até maio cando se aran as pradarías para sementar o millo. Rizobio en trevo Polo menos na provincia da Coruña puiden observar, ao contrario do habitual, que as leguminosas fixéronse as donas do cultivo. Os raigrases escasean e vese moitísimo trevo. Por que? Desde o outono choveu case sen parar, tampouco fixo demasiado frio e apenas houbo xeadas invernais que sanean de pragas as terras de cultivo. A típula spp e o verme soldado Mythimna unipuncta multiplicáronse moito e devoraron preferentemente as gramíneas. O resultado é que aproveitándose da debilidade das gramíneas, os trevos ocuparon toda a superficie de cultivo. Ás malas condicións meteorolóxicas que adoitan ocorrer durante o primeiro corte, este ano engadirase o problema do mal que ensilan as leguminosas. Por que ensilan tan mal?: Xúntanse dúas razóns: 1 As leguminosas teñen poucos azucres, necesarios para a formación do ácido láctico, imprescindible para a acidificación do silo. Gústame dicir que un silo é como un yogurt de herba pois ambos se conservan grazas a que os azucres se transforman en láctico 2 A riqueza de proteína que fai tan interesante esta familia de pratenses, actúa de alcalinizante dificultando aínda máis a acidificación e por tanto a conservación. As leguminosas teñen outros bufferes naturais: as saponinas e pectinas, beneficiosas como alimento evitando a acidificación do rume, acción non desexable no silo.

Que se recomenda para o seu ensilado para reducir os riscos dunha fermentación butírica (Clostridios) ?

1 Extremar todas as accións para evitar a presenza de contaminantes: terra e xurros: cortar a máis de 7 cm, evitar excesos de estendidos e hilerados, zonas con toupeiras, controlar o tempo entre a aplicación de xurros e o corte etc. 2 É necesario o acondicionado e o presecado para conseguir polo menos un 27% de materia seca. Os silos de herba con produtos químicos pódense salvar con moitísima humidade pero non así as leguminosas. Chegar a esta materia seca nos meses de marzo ou abril cando hai que facer o primeiro corte non é nada fácil en Galicia. 3 intercalar capas de raigrás e alfalfa para achegar azucres, pola mesma razón. Se hai posibilidade, sería interesante engadir melazas. 4 Usar conservantes químicos a base de nitrito sódico e hexamina ( 2 litros/ Tm) ou fórmico (3 L / Tm). A normativa da PAC en teoría está moi ben e ten a finalidade de reducir a contaminación diminuíndo o uso de abonos nitroxenados. Pero a realidade é que en lugares como Galicia onde hai zonas que superan os 2.000 mm anuais de chuvia, as leguminosas complican moitísimo o xa difícil ensilado. Espero que paren as choivas en abril pois un silo en mal estado o mellor que se pode facer é tiralo, pero todos sabemos que ter que tirar o primeiro corte e así ter que comprar forraxe de fóra supón económica e medioambientalmente un custo elevadísimo.

Para máis información:

Teléfono 981 94 17 94 ou escribir a antonio@adial.es

As 15 claves para unha boa conservación dos silos de herba

Estamos na segunda quincena de abril, época na que se concentra o ensilado da herba en moitas comarcas gandeiras. O elevado prezo da soia ou da colza fixeron que a herba volvese recobrar valor nos últimos tempos pola súa alta producción de proteína e os seus efectos beneficiosos como cultivo de inverno na rotación co millo.

Para seguir avanzando na mellora do ensilado de herba, e así garantir unha boa conservación e calidade do mesmo, Antón Camarero, técnico de ADIAL, en colaboración con XESGA, está a difundir entre os gandeiros e técnicos unha serie de 15 “pastillas de herba” nas que explica de maneira moi gráfica e sinxela os aspectos clave a ter en conta. Son os seguintes:

“Un bo silo de herba é a forma máis económica e razoable de subir a graxa no leite”

Antón Camarero, ademais de técnico de ADIAL, é un apaixonado da ciencia. Os seus “silo aprende”, talleres teórico-prácticos, serviron para que centos de gandeiros galegos melloren a calidade e a conservación dos seus silos, tanto de millo como de herba.

Falamos con el sobre estes últimos, os silos de pratenses, aos que augura que recuperarán a súa importancia como alimento equilibrado, san e a bo prezo na ración do gando vacún leiteiro, máxime nun contexto de subida da proteaxinosas coas que se elaboran os pensos.

Estamos en plena campaña de sementeiraq das pradarías de inverno, aínda que non son poucos os gandeiros que deciden non intercalar estes cultivos. Por que si é recomendable rotar o millo con pradaría de inverno?
Moitos gandeiros desisten de cultivar herba, seguramente debido a que lles deu moitos problemas no pasado. Os silos demasiado secos poden sufrir quecementos por crecemento de fungos que poderían mesmo ser produtores de micotoxinas. Os silos demasiado húmidos poden fermentar mal en lugar da fermentación láctica que é a desexable, medran os clostridios. Creo que cos conservantes actuais pódense facer silos de alto valor nutritivo e seguros. A estratexia é facelos con certa humidade, diría que entre un 25 e un 35 % de materia seca. A humidade axudará a que quede ben compactado e evitarase o crecemento de fungos, mentres os conservantes evitarán o crecemento de bacterias indesexables: clostridios, colis, listerias etc.

“Un bo silo de herba é moito máis completo que o silo de millo”

-Nos últimos anos considerouse á herba moitas veces como a irmá pobre do millo forraxeiro, dedicándolle menos superficie e coidados. Está xustificada esta minusvaloración da herba?
Non, un bo silo de herba pode subir dun 20% de Proteína Bruta e isto aforra o uso de proteaxinosas na ración: torta de soia, colza ou xirasol que son as materias primas máis caras. En moitos casos o silo de herba alcanza as 0,9 UFL / kg de materia seca, igual que o millo, pero sen achegar tantos almidóns e a ración é menos propensa a producir acidose. Un bo silo de herba é moito máis completo que o silo de millo e digamos que menos complicado e máis san a nivel ruminal.

-Que beneficios lle pode achegar un bo silo de herba a unha gandaría de vacún de leite, en momentos como estes de altos prezos dos concentrados?
Un silo de herba de calidade é unha boa fonte de proteína e de enerxía. Permite dar menos concentrado en xeral e máis particularmente substituír as proteaxinosas, desta forma usaremos menos penso na ración e este será máis barato

-É moito máis difícil lograr un bo silo de herba que de millo? por que?
O silo de millo fermenta sempre ben: ten pouca terra, moderada humidade e proteína e moitísimos azucres,. Os silos de herba, pola contra, sempre teñen máis terra, máis proteína bruta e menos azucres. Se a humidade é moi alta comprometemos máis a fermentación e se é baixa, máis dun 35% de Materia seca, compactará mal e quentarase durante o consumo.

-Incides en que un bo silo de herba comeza xa na sementeira. Cales son os fallos máis comúns que se adoitan cometer e que aspectos deberiamos coidar especialmente?
Mentres no millo a ninguén se lle ocorre sementar con grans da anterior campaña si se fai coa herba, a famosa “nabiña”: sementes de raigrás que se recollen deixando espigar a herba antes do seu henificado co que conseguimos un feno demasiado pasado e unhas sementes cruzadas con todos os raigrases que están ao redor.

Hai gandeiros que parece que sempre aproveitan as escasas situacións de bo tempo na primavera para ensilar, están atentos e se hai que adiantarse uns días, sacrifican algo de produción pero cóllena a tempo. Ao contrario, outros parece que nunca as aproveitan e tras uns días de bo tempo, volve un mes en que non para de chover e cando escampa a herba está pasada e encañada con baixo valor nutritivo e que non compacta polo que se quenta durante o consumo.

-En canto á elección da variedade de pratenses. Son iguais todas para garantir unha boa ensilabilidade e cantidades e calidades nutricionais? Cales recomendaría?
Os híbridos de raigrás inglés e italiano tardíos, ou os ingleses puros para pradarías permanentes. Os tetraploides son máis produtivos e con máis proporción de folla que os diploides, estes últimos son máis axeitados para o pastoreo. Aconsellaría elixir as variedades serodias pola súa marxe de manobra como xa dixemos..

“Aconsellaría elixir variedades de raigrás serodias para ter marxe de manobra á hora de ensilar”

-Segue sendo habitual sementar semente de pratenses cultivadas na propia explotación Que vantaxes e inconvenientes ten esta práctica?
Vantaxes , supoño que o prezo pero ten moitos inconvenientes . Son hibridacións impredicibles e múltiples, de baixa calidade. Descoñecemos o seu comportamento e isto complica o manexo, non sabemos o seu momento óptimo de curta ou mellor dito temos velocidades de espigado distintas en cada unha das plantas . Isto agrávase máis se se vai facendo ano tras ano. As sementes certificadas están seleccionadas para alta produción e calidade, ademais coñecemos o seu comportamento, as variedades tardías tardan en espigar ou mesmo non espigan. Isto permítenos ter unha “marxe de manobra”: Os días bos adoitan ser escasos na primavera temperá , estas variedades tardías permítennos esperar a que chegue o bo tempo sen perder demasiada calidade .

-En canto ao encalado e o abonado,
O encalado con emendas calcarias en terreos acedos como en Galicia é unha práctica imprescindible e básica. En terras cun pH acedo os nutrientes minerais son pouco asimilados pola planta, aínda que os acheguemos no abonado.

Debemos de facer analíticas de terra en cada parcela cada cinco anos aproximadamente e así saberemos as necesidades de cal, potasio e fósforo.

O nitróxeno debemos de achegar unhas 90 unidades na implantación, 120 unidades despois do corte de limpeza e outras 90 unidades un dez días despois do primeiro corte

Que recomendacións deberiamos seguir para garantir bo rendemento pero tamén reducir a posible contaminación dos silos con esporas de fungos?
É importante antes do ensilado en terras que se alternan con silos de millo rozar as canas que quedan no campo. Estes “cañotos” á intemperie crían fungos e as súas toxinas, se as incorporamos ao silo co corte de herba, meteremos todos estes indesexables.

A compactación é a principal recomendación para evitar a circulación de aire dentro do silo. O grao de compactación está determinado polo picado, a permanencia da planta verde: “stay green”, o peso dos tractores e o grosor das capas. Isto último factor é clave na actualidade: as máquinas son cada vez máis eficaces, o que se cultivaba en tres días, hoxe faise en tres horas e así é moi difícil ter tempo para compactar con capas finas, de menos de 10 centímetros..

“Un bo silo de herba é a forma máis económica e razoable de subir a graxa no leite”

-Se a climatoloxía acompaña, recomendarías realizar un ensilado dun corte de herba no outono? En que condicións?
Si o recomendaría con bo tempo, temos boas experiencias. Cortaría alto, a máis de 7 cm para evitar incorporar terra, tamén utilizaría unha boa dose de conservante (nitrito sódico) . Posteriormente faría unha análise fermentativa para asegurarme de que obtivemos un silo baixo en butírico, libre de clostridios, antes de fornecelo ás vacas ou ás xovencas segundo a calidade fermentativa.

-Nun contexto no que o prezo dos cereais parece que se vai a manter elevado durante polo menos o próximo ano, que futuro ves para o cultivo de pratenses para a alimentación do gando vacún leiteiro en Galicia?
Creo que o ensilado de herba vai á ir a máis, por suposto faranse silos de calidade cun mínimo dun 15% de PB e con menos ou non moito máis dun 30% de FAD.

-Cales son as principais vantaxes que achegan os produtos de ADIAL para lograr unha boa conservación dos silos?
Temos unha gama moi ampla de produtos : químicos e biolóxicos, funxicidas , bactericidas e mixtos , sólidos e líquidos , sales e ácidos . Destaco a molécula de nitrito sódico para o silo de herba que é moi efectiva para o clostridio e as súas esporas, formas de resistencia destes xermes. Ademais, a súa aplicación é sinxela pois non irrita os ollos nin garganta, nin corroe a maquinaria.

-Algo máis que queiras engadir?
Creo que un bo silo de herba é a forma máis económica e razoable de subir a graxa no leite. Considerar que ter unha boa porcentaxe de graxa non soamente ten un interese económico, tamén é un bo índice para avaliar a saúde ruminal.

A importancia do potasio en vacún de leite

O potasio é o mineral máis abundante no leite da vaca, de modo que é limitante na produción de leite. É o terceiro mineral máis abundante no corpo da vaca despois do calcio e o fósforo, atopándose sobre todo no músculo esquelético.

O rol do potasio é moi importnate pola bomba de sodio-potasio, que é a encargada da absorción de nutrientes e refugallos metabólicos da célula; a forma e turguidez das células depende da concentración de potasio en combinación cos líquidos do citoplasma.

A nivel celular un 98 % do potasio atópase dentro da célula e un 2 % fose desta. En contraste o sodio é o principal electrolito en plasma e fluído extracelular. Así o potasio participa cun 75 % das funcións catiónicas dentro da célula. O potasio, o sodio e o cloro son o tres maiores electrolitos do corpo mantendo o balance catión-anión (DCAD).

En canto ás necesidades de potasio dunha vaca en lactación, hai que ter en conta que é un mineral con pouca capacidade de retención no corpo, de modo que as perdas por vía urinaria, feces ou sudoración son importantes e poden aumentar en situación de estrés calórico da vaca.

Un estudo de N.Silanilove en condicións de temperatura moderada (14 ºC) , é dicir sen estrés calórico, valorouse o consumo de Na, K e Cl (entradas alimentarias e por auga) e a capacidade de retención considerando as perdas pola produción de leite, polos ouriños e polas feces, dando como resultado que a retención aparente do potasio é moito peor que a do sodio ou a do cloro.

Outra consideración importante son os niveis de potasio en materias primas, e sobre todo hai que considerar a gran variabilidade dos niveis de potasio nas forraxes, de modo que sempre se debe analizar o % K na mestura unifeed.

As necesidades de potasio na vaca en alta produción son do 1,2 ao 1,5% de potasio sobre materia seca ración, aumentando estes niveis ao 1,8% no verán con estrés calórico polo aumento das perdas de potasio.

Outra consideración importante é a fonte de potasio, xa que non é o mesmo a achega en forma de cloruro de potasio que en forma de carbonato de potasio. Só o carbonato de potasio ten efectos positivos na biohidroxenación ruminal das graxas e é efectivo en corrixir as perdas metabólicas, ademais de achegar máis potasio e en forma máis biodisponible que o cloruro.

Ademais de cubrir as necesidades de potasio da vaca, outro dos efectos positivos co uso do carbonato de potasio é o seu efecto positivo na porcentaxe de graxa en leite. A explicación a este efecto é o estímulo de bacterias ruminais que favorecen a biohidroxenación das graxas no rume e evitan que se formen conxugados do tipo CLA que inhiben a formación de graxa no leite.

Un artigo de Alexandre Udina; director técnico Adial. Contacto e-mail: alexudina@adial.es