Estes son os mellores queixos e meles de Galicia do ano 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participará na entrega de premios das Catas dos Queixos e Meles dos Galicia 2023. foto xoán crespo

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu este mediodía a entrega dos premios da XXVI Cata dos Queixos e da XXII Cata dos Meles de Galicia.

Velaquí a listaxe de galardoados:

PREMIADOS CATAS QUEIXOS E MELES 23

Na súa intervención no acto celebrado na Quinta da Auga, en Santiago, o conselleiro do Medio Rural cualificou este concurso de catas como un dos “eventos de referencia” para produtores e envasadores da comunidade, pero tamén, por suposto, para os consellos reguladores de queixos con denominación de orixe -San Simón da Costa, Cebreiro, Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa e Arzúa-Ulloa Curado- e o da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia presentes nestas catas e nas que houbo premiados por cada unha delas.

O panel de catas estivo integrado por 19 expertos que analizaron de forma “minuciosa”, como sinalou o conselleiro, as 54 mostras de 25 industrias de mel e as 47 de queixos pertencentes as 30 queixerías. Entre elas, seleccionáronse as mellores de cada categoría e o conselleiro do Medio Rural resaltou o labor que desempeñan e a súa capacidade de plasmar a tradición e a calidade do bo facer.

Impulsar o consumo de queixos galegos con selo de calidade

No marco deste acto, e dentro da aposta pola promoción da calidade dos nosos produtos, o conselleiro do Medio Rural presentou a campaña de promoción “Os Catro Grandes de Galicia”, que busca fomentar o consumo dos queixos galegos con certificación de calidade nestas datas.

Esta campaña, que conta cun investimento por parte do goberno autonómico de 400.000 euros, arrancará este domingo, 26 de novembro, e desenvolverase ata final de ano con presenza nun cento de medios de comunicación de ámbito local, provincial, autonómico e estatal, a través de creatividades, cuñas radiofónicas ou anuncios audiovisuais que sitúan aos queixos con denominación de orixe como sinónimo de tradición e calidade

Nesta mesma liña de proxectar máis as producións agroalimentarias galegas e co fin de salvagardar a súa calidade, o goberno galego destinará 6 millóns de euros no 2024 para configurar un Plan de promoción de produtos agroalimentarios galegos. Ademais, investiranse máis de 4,7 millóns de euros en axudas para os consellos reguladores en materia de funcionamento, control da calidade ou comercialización dos produtos.

Incremento das razas bovinas leiteiras nos pregos dos consellos reguladores

O conselleiro do Medio Rural sinalou que investir en promoción non só facilita a venta do produto, senón que permite exercer unha maior protección deste último. Ademais, incidiu en que as producións de calidade galegas teñen que asentarse sobre un sector primario “forte, consolidado, con garantías”.

José González destacou que a Xunta traballa arreo para seguir motivando o consumo das producións de calidade, un consumo “de garantías”. Por iso, explicou que se avanzará de xeito decidido polo incremento das razas bovinas con aptitude leiteira dentro dos pregos dos consellos reguladores, co obxectivo de que os sectores industrial e gandeiro poidan seguir medrando, garantindo a súa calidade.

Ademais, tamén resaltou a oportunidade de aproveitar o que representa o porcionado, colaborando cos consellos reguladores co obxectivo de investigar técnicas que garantan os criterios de excelencia destes produtos, facilitando alternativas de comercialización que propicien o desenvolvemento de novos canais e acceso a novos clientes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información