As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca caracterizáronse pola estabilidade nos prezos do gando vacún, aínda que houbo excepcións: en vacún maior subiron levemente os prezos, nos becerros de recría de raza Frisona mantivéronse sen cambios e en cruce experimentaron unha lixeira baixada. Polo demais, segue subindo o porco cebado e os leitóns, mentres que as cotizacións dos ovos mantéñense sen cambios.
Así, nos becerros de recría, os de raza Frisoa mantivéronse case sen cambios. En concreto, na categoría de menos de 20 días, a cotización quedou nos 126 euros por xato, e na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, os prezos tamén situáronse nunha media de 142 euros por xato, as mesmas cotizacións que a pasada semana. Pola contra, na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio baixou ata os 172 euros, fronte aos 187 do pasado martes.
Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral dos prezos tamén foi máis irregular. Asi, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias nos machos baixaron ata os 266 euros, fronte aos 304 da pasada poxa. E na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos tamén caeu ata os 339 euros, 10 euros de media por xato que o pasado martes. Nas femias, pola contra o prezo medio mantívose prácticamente idéntico ao da pasada semana, nunha media de 219 euros. Nos xatos de máis de 51 días os prezos nos machos subiron ata unha media de 473 euros por animal, fronte aos 422 euros de media da última poxa. Nas femias tamén se notou unha importante suba: o prezo medio foi de 343 euros, fronte aos 285 do pasado martes.
Suba no vacún maior
No vacún maior, a tendencia foi á suba de prezos, agás en desvelle. Deste xeito, quedaron en 1.108 euros de media en categoría primeira, 743 en segunda -a máis numerosa- e 464 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.072, 735 e 465 euros, respectivamente.
Suba no porcino e sen cambios nos ovos
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións da pasada semana:: a categoría XL quedou en 1,68 euros a ducia; a L e a M en 1,59 e 1,47 euros a ducia, respectivamente. e na categoría S a cotización foi de 1,14 euros.
As galiñas de desvelle quedan tamén sen cambios, nun intervalo de entre 0,09 e 0,16 euros o quilo.
Na Lonxa de Madrid o coello non sufriu cambios e fixouse o prezo en 1,55 euros o kilo.
En canto ao porco cebado, a mesa de cotizacións acordou subir as cotizacións por segunda semana consecutiva. Así, o prezo para as categorías Selecta e Normal sube 0,04 euros e queda en 1,130 e 1,105 euros por quilo, respectivamente; a Canle II sobe 0,052 euros e sitúase en 1,435 euros por quilo e no desvelle as cotizacións soben 0,02 euros, ata situarse un intervalo de prezos de entre 0,71 e 0,77 euros o quilo.
En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa, o porco cebado subiu esta semana 0,06 euros ata os 1,460 euros o quilo, unha tendencia á alza que se estendeu ao resto de países da Unión Europea.
En canto aos leitóns, acordouse subir 3 euros as cotizacións, ata os 50 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 55 euros para os procedentes dunha única explotación.