Denuncian a venda de “queixo falso” en promoción

Á esqueda, o suposto "queixo" en promoción nun hipermercado Carrefour o pasado venres, a un prezo de promoción de 7,99 euros o quilo

Á esquerda, o suposto “queixo” en promoción nun hipermercado Carrefour o pasado venres, a un prezo de promoción de 7,99 euros o quilo

Representantes de varias queixerías de Galicia puxéronse en contacto con Campo Galego para denunciar a venda en supermercados de “queixo falso” de barra a prezos de saldo, co conseguinte prexuízo para o sector queixeiro e engano para os consumidores.

En concreto, advirten da venda como “queixo” dun preparado alimenticio da empresa murciana Palancares que se comercializa como “Barra tipo Cheddar Palancares” e que se promociona nos supermercados a prezos por debaixo dos 8 euros o kilo.

En concreto, e segundo informa a propia empresa na súa páxina web este produto que presenta como “Queso Barra Cheddar para sandwich” ten como ingredientes principais auga e graxa vexetal (aceite de palma), mentres que o queixo só supón un 20% da composición do produto.

“Este produto claramente non é queixo pero a distribución preséntao no mostrador ao lado dos queixos de barra e aínda por riba en promoción, o que supón claramente un engano para os consumidores e un prexuízo para as queixerías”, denuncian dende unha queixería galega, que prefire manter o anonimato por temor a represalias da distribución.

“Co prezo ao que temos que pagar o leite aos gandeiros, de arredor de 45 céntimos o litro -engade a mesma fonte-, coas marxes que gaña a distribución, que veñen roldando o 40% do prezo final, e tendo en conta que para elaborar un quilo de queixo precísanse arredor de 10 litros de leite a queixería ten que vender o queixo á distribución a non menos de 6 euros o quilo para non ter perdas, co que o prezo para o cliente ten que estar nestes momentos a uns 10 euros o kilo e de aí para arriba”.

“Esta práctica comercial enganosa tanto por parte do fabricante ao vender un produto como queixo cando non o é, e tamén por parte da distribución, confundindo tamén ao consumidor, estanos facendo moito dano ás queixerías, pero indirectamente tamén fai dano aos gandeiros”, advirte.

Ingredientes do produto en cuestión. Foto: www.palancares.com

Ingredientes do produto en cuestión. Foto: www.palancares.com

Unión de Consumidores de Galicia:”Presentaremos unha denuncia en Consumo porque claramente o fabricante está trasladando unha información enganosa”

Dende a Unión de Consumidores de Galicia, o seu secretario xeral, Miguel López Crespo, responsabiliza principalmente ao fabricante: “O fabricante deste produto coa súa estratexia de comercialización e de envasado está dando a entender que se trata de queixo, utilizando nomes de variedades de queixo recoñecidas como Cheddar ou Edam, cando non o é, pois este ingrediente é soamente o 20% do produto, mentres que os componentes principais son aceite de palma e auga, o que claramente supón un engano para os consumidores”.

Neste sentido, anuncia que a Unión de Consumidores de Galicia presentará unha denuncia ante consumo para que interveña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información