Denuncian que o Ministerio discrimina a Galicia no reparto de axudas ao sector do viño

Publicidade
Denuncian que o Ministerio discrimina a Galicia no reparto de axudas ao sector do viño

Roberto Rivas Reboredo, presidente da Asociación Galega de Viticultura

A Asociación Galega de Viticultura (AGV – FRUGA), diante da redefinición do Programa de Apoio ao Sector Vitivinícola Español (PASVE) que se está levando a cabo, reclámalle ao Conselleiro do Medio Rural que defenda diante do Ministerio de Agricultura unha reorientación dos fondos que permita que tamén poidan chegar ás pequenas explotacións vitícolas que son a base do sector en Galicia.

Ademáis, reclaman que se reaxuste a medida da promoción en terceiros países, de xeito que se poidan financiar campañas de promoción a nivel interno e europeo ás que poidan ter acceso as adegas pequenas e medianas.

“Cun 4% menos de fondos do PASVE, por mor do recorte orzamentario da nova PAC, e nos tempos de crise que temos por diante é fundamental que se faga chegar parte dos fondos aos puntos máis febles do sector: as persoas viticultoras e as adegas pequenas e medianas. É bo recordar que non é só unha cuestión de supervivencia económica, é que estes tamén son un punto importante na conservación do territorio e fixación de poboación nun rural que se nos está desertizando”, advirten dende a Asociación Galega de Viticultura.

A asociación tamén considera que “é competencia, e responsabilidade, do conselleiro do Medio Rural habilitar os mecanismos necesarios que permitan un maior acceso dos distintos axentes do sector vitivinícola galego aos fondos do PASVE”.

Galicia recibe só un 1,1% das axudas do Ministerio ao sector vitivinícola

Así, lembra que se partimos dos datos oficiais do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), entre outubro do 2019 e outubro do 2020 fíxose un total de pagos 212,7 millóns de euros ao sector vitivinícola do estado español, e dos cales só chegaron ao sector galego 2,4 millóns. “É dicir un 1,1%. Con este volume de inxección de fondos pouco dinamismo se lle pode dar a un sector”, denuncian.

Para a AGV medidas estrela do Ministerio de Agricultura, como son a destilación e a poda en verde, “non son a solución, nin tan sequera paliativa, para o sector vitivinícola galego”. “A vitivinicultura galega necesita que se reorienten e axusten as medidas propostas polo Ministerio de Agricultura”, defenden.

Neste sentido, a proposta da Asociación Galega de Viticultura pasa por:

– Manter e reforzar a medida de axudas de reestruturación e reconversión do sector.

– Ampliar a medida de promoción en terceiros países, e que se contemple a promoción na UE e a nivel interno, e que se facilite o acceso ás pequenas e medianas adegas.

– Ampliar as inversións ás explotacións vitícolas e non tan só ás adegas.

– Crear unha medida de axudas que teñan como marco de referencia os obxectivos medioambientais das explotacións.

Por último, dende a AGV tamén se segue a reclamar do conselleiro do Medio Rural que se habiliten fondos extraordinarios, autonómicos ou estatais, de axudas directas para o sector vitivinícola.

E é, tal e como advirten, as pequenas e medianas adegas “están nunha grave situación polo castigo sufrido durante todo o exercicio anterior polo peche do canle HORECA e a caída dos mercados, e que nestes momentos xa está cos traballos preparatorios da próxima colleita sen que se lle vexa saída ás vendas das existencias nas adegas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información