A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) impartirá o curso ‘Incorporación á explotación agraria, orientación vacún de leite’, que se ofrecerá online a través dun aula virtual. Comezará o 7 de febreiro, impartido de 9.30h a 14.30h, e rematará o 19 de abril. Este é o primeiro módulo dunha acción formativa que consta de dúas partes. Á segunda, un curso de 25 horas de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios, accederán aquelas persoas que superen a primeira parte. As persoas interesadas en participar no programa deberán inscribirse na web da Asociación.
O primeiro módulo do curso, que conta coa homologación da Consellería de Medio Rural, inclúe 8 módulos nos que se desenvolverán diversos temas: empresa agraria e a súa xestión técnico económica; asociacionismo; comercialización e trazabilidade; relacións laborais e prevención de riscos laborais; sensibilización medioambiental; agrotecnoloxía; produción de forraxes e alimentación do gando, e produción de leite e manexo do gando.
A posta en marcha deste programa está dirixida principalmente a persoas desempregadas con intención de incorporarse ao ámbito laboral da gandería. Esta iniciativa forma parte do proxecto ‘Formación para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia’, xestionado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social. Nel, inclúense outros programas formativos, un orientado á incorporación ao sector hortícola e o outro enfocado ao apoio da función xerencial nas cooperativas.