Curso en Moeche sobre transformación de produtos agrarios

A Área de servizos agrarios de Betanzos-Ferrol, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias para o uso das instalacións do Centro de transformación de produtos agrarios de Moeche, que abrirá este mesmo ano 2022.

O obradoiro darase entre os días 18 de xullo e 11 de agosto nas instalacións do propio Centro de transformación, no recinto feiral municipal, en horario de mañá ou de tarde dependendo das datas, e terá unha duración total de 60 horas.

O programa deste curso trata unha serie de aspectos sobre o funcionamento destas novas instalacións. O obradoiro terá sete grandes bloques de contido, que tratarán aspectos normativos, hixiénicos e sanitarios, xunto a nocións básicas no manexo das instalacións e o seu equipamento. Así mesmo, ensinaranse os procesos de produción, transformación e comercialización de produtos agrarios nas explotacións da zona para que os seus titulares logren un valor engadido aos seus produtos mediante novas canles comerciais.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso aportar un apoio formativo ao persoal que vaia a empregar as instalacións deste novo Centro de transformación. O centro estará supervisado por persoal propio; porén, serán os propios titulares das explotacións os que se encarguen dos traballos levados a cabo nel.

A inscrición pode facerse online dende esta ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 33 70 48-49, ou enviarse un correo a area.seca.ferrol@xunta.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información