A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Becerreá unha formación sobre o manexo, mantemento e seguridade no emprego da motoserra. O curso impartirase ao longo de seis días en horario de mañá, desde as 8.45 ata as 15.00 horas, a partir do vindeiro luns 17.
O obradoiro ten como obxectivo proporcionar aos alumnos, mediante unha parte teórica e outra práctica, os coñecementos necesarios sobre as partes, o funcionamento e o mantemento do motor de dous tempos dunha motoserra para que sexan capaces de realizar o mantemento adecuado do órgano de corte, ademais de que coñezan os EPIS e tomen conciencia da súa importancia en empregalos cando se traballa coa motoserra. Así mesmo, abordaranse outros temas como as diferentes métodos de traballo no apeo, tronzado e esgallado das árbores e mesmo se ensinarán diferentes técnicas de primeiros auxilios.
Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
As persoas interesadas poden inscribirse na seguinte ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas
O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 367, ou enviarse un correo a cfea.becerrea@xunta.gal