O prezo do coello en España pagouse de media no que levamos de ano a 2,20 euros o quilo vivo, un prezo que aínda sendo dos máis altos alcanzados sitúase aínda moi lonxe do custo de produción, que se estima entre 2,75 e 2,8 euros. “O prezo é alto, pero non chega para afrontar as subidas que experimentaron tanto os pensos como a enerxía e que fixeron que os custos de produción estean moi por encima do prezo de venda”, explica María Antonia Ramos, gandeira e presidenta de Progacun, primeira organización de produtores de carne de coello en Galicia.
A situación está a resultar crítica para a supervivencia do sector. “En Galicia pecharon granxas ao non conseguir afrontar pagos. Tamén se están adiantando as xubilacións. Producir a perdas levou a que nalgunhas granxas se déixase de inseminar ás nais, xa que non resulta rendible ter camadas con estes altos prezos de produción”, detalla Ramos. Galicia sitúase como a segunda comunidade produtora de carne de coello, por detrás de Castela e León.
Os produtores galegos levan meses denunciando o incremento dos custos de produción, debidos sobre todo á subida dos pensos e da enerxía. “Pasamos de pagar uns 300 euros por tonelada de penso a máis de 460 euros este mes. Levamos meses producindo a perdas, polo que aínda que agora haxa unha subida puntual, seguiremos nunha situación crítica se non se aborda o problema e se controla que non se venda a perdas”, valora Ramos.
Peches de granxas en toda España
Os datos que manexan desde a organización agraria UPA en España dan conta da mesma realidade en todo o territorio nacional. En 2021 xa pechou un 9% das granxas españolas e apuntan que en 2022 a situación é aínda peor, polo que alertan de que o perigo dun peche masivo de explotacións é real.
“A produción de carne de coello en España xa descendeu un 7,8% en cantidade en 2021 respecto ao ano precedente, continuando a tendencia á baixa de anos anteriores, a pesar de que os prezos subiron un 4,6%”, detallan desde UPA. Cunhas 1.500 granxas en toda España, a cunicultura xerou en 2021 un valor de 166,9 millóns de euros.
Axudas e control por parte de Competencia
Desde o sector piden de novo a mediación do goberno para frear o peche de granxas. Así, desde UPA, que xa logrou a inclusión da cunicultura no programa de axudas do Goberno pola guerra de Ucraína, piden a convocatoria da mesa de negociación para frear a crise do sector.
A organización agraria tamén apelou á responsabilidade de matadoiros, intermediarios e distribución para pagar un mellor prezo aos produtores sen encarecer o produto aos consumidores. A organización agraria UPA lembrou ao líder da distribución en España, Mercadona, que non pode seguir vendendo o coello a un prezo moi inferior ao resto de cadeas. Isto forza as cotizacións á baixa, agravando a situación dos granxeiros.
Os produtores tamén reclaman que se eviten as vendas a perdas. “Necesitamos que a Aica actúe de oficio e controle o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria para evitar as vendas por baixo do custo. Os produtores non van denunciar ao seu cliente porque terían un problema para a súa produción, máis aínda como ocorre en Galicia onde só existen dous matadoiros”, valora Ramos.