A cooperativa Clun bate récord de facturación, con máis de 240 millóns

A cooperativa Clun bate récord de facturación, con máis de 240 millóns

A cooperativa Clun aprobou hoxe por unanimidade as contas relativas ao ano 2022 no transcurso da súa Asemblea Xeral ordinaria, celebrada na súa sede en Ames.

Os resultados indican que a cooperativa bateu o seu récord de facturación consolidada e superou os 240 millóns de euros en vendas, un 27,4% máis que no exercicio anterior. Ademais as contas reflexan un aumento do EBDITA consolidado dun 42%, que se achega aos 5 millóns de euros.

O director xeral de Clun, Juan Gallástegui, foi o encargado de presentar o balance. Explicou que, “a pesar da inflación e das consecuencias provocadas polo ataque de Rusia a Ucraína, este crecemento débese á renovación e á capacidade de anticipación da cooperativa, que nos dous últimos anos investiu preto de 17 millóns de euros para aumentar a súa sostibilidade e capacidade de transformación”.

Gallástegui destacou así mesmo a aposta da cooperativa pola profesionalización na xestión e a captación de talento, a innovación tecnolóxica, o desenvolvemento de novos produtos e unha estratexia na adquisición de materias primas que permitiu conter a suba do seu custe aos socios e socias da cooperativa.

En relación a este aspecto salientou que “para CLUN son tan importantes unhas boas contas de resultados da cooperativa como as que presentamos, como as contas dos gandeiros”, sinalou Gallástegui, que destacou que esta cooperativa galega marca a diferenza cos seus competidores en que “non é unha empresa que se vale dun sector, senón un sector que se fai valer a través dunha empresa”.

“Somos a garantía de que en Galicia vai haber un sector lácteo propio e non nos convertemos simplemente nunha fonte de recursos a esquilmar”, engadiu o director xeral, que mostrou a súa confianza en que a Xunta de Galicia apoie decididamente ás empresas galegas do sector porque son as que repercuten os seus ingresos no propio rural galego, sen levalos fóra da Comunidade, e defendeu tamén que o Goberno de España debe incluílas no Perte Agroalimentario.

O valor dunha cooperativa que desenvolve todo o seu proceso de produción en Galicia

Gallástegui puxo en valor que unha cooperativa galega como CLUN, que tutela e desenvolve todo o proceso de produción integramente en Galicia, sexa capaz de competir en termos de calidade con calquera multinacional foránea, que operan dentro e fora da Comunidade, e que estea a chegar a máis consumidores e tamén de máis países. No 2022, os lácteos de CLUN vendéronse en 60 países de todos os continentes e as exportacións aumentaron un 50% con respecto ao exercicio anterior.

O director xeral mostrou a súa plena confianza no futuro das marcas da cooperativa e destacou que “seguiremos progresando en novos procesos, produtos, alianzas e mercados para seguir mellorando os resultados da cooperativa, “tanto en termos financeiros como en termos de economía social”.

Pola súa parte, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, puxo de relevo o papel decisivo que a cooperativa desenvolve no rural galego, coa súa presenza e actividade en máis de 80 concellos, e como a progresiva renovación na xestión está a traer resultados positivos para as socias e socios gandeiros, pese as dificultades do contexto actual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información