Convocadas as axudas para tratamentos silvícolas en Galicia

Os apoios van dirixidos a podas, rozas e rareos en piñeirais, así como a accións puntuais de melloras en masas de frondosas

Publicidade
Convocadas as axudas para tratamentos silvícolas en Galicia

Administración convocante: Consellería de Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230127/AnuncioG0426-301222-0001_gl.html

Prazo: Ata 10/03/2023

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan as axudas para accións silvícolas nos montes galegos para o ano 2023. Estas achegas están dotadas dun orzamento bianualizado total de 9.487.999 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Como sinalan dende Medio Rural, a bianualización do orzamento asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal.

Estas subvencións están orientadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Para acadar estes obxectivos, establécense dúas liñas de axuda. Por un lado, achegas para a prevención, que contemplan rareos, rozas e podas en masas de coníferas, así como accións preventivas dos danos causados nestas mesmas masas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Tamén se inclúen rozas en masas de piñeiro que conten con instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

Por outra banda, as axudas son tamén para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas e outros), así como plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. Nesta liña contémplanse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, incluíndo a roza, a formación de guías e poda, así como a selección de abrochos e os rareos. Ademais apoian a rexeneración e a mellora de soutos de castiñeiros.

Beneficiarias

Poden ser beneficiarias destas achegas as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda. Estas son maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas ou Sociedades de fomento forestal (Sofor).

Tamén son beneficiarios das axudas propietarios particulares de xeito individual. No que respecta ás accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, tamén poderán ser beneficiarias as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contías e superficies

As axudas cubrirán o 100% das actuacións, agás no caso das accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, que será do 80%.

Para todos os solicitantes, con excepción das Sofor, as agrupacións legalmente constituídas e dos propietarios particulares de xeito individual, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas nun ou varios coutos redondos e sempre e cando a superficie mínima de cada couto sexa de 1 hectárea.

Os propietarios particulares de xeito individual deberán realizar accións nunha superficie mínima por solicitude de 1 hectárea por couto redondo. No caso das agrupacións legalmente constituídas e Sofor, a superficie mínima de actuación será de 1 hectárea, distribuída en non máis de 3 coutos redondos por solicitude de axuda.

Para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 12 hectáreas independentemente do tipo de solicitante.

A superficie máxima de actuación  por solicitude para todos os solicitantes será de 50 hectáreas nun ou varios coutos redondos, e sempre e cando a superficie mínima de cada couto sexa de 1 hectárea excepto no caso das Sofor e das agrupacións legalmente constituídas que poderán ter coutos redondos inferiores a 1 hectárea.

Prazos

As solicitudes deberán presentarse de xeito telemático a través do formulario dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia. Haberá un prazo de 30 días hábiles para presentalas contados a partir de mañá.

Ademais, os traballos incluídos nas solicitudes das axudas non poderán iniciarse antes de que se realice a inspección previa que se detalla na orde da convocatoria e estarán condicionados á aprobación da axuda.

-Consulta aquí a convocatoria da axuda. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información