Convocadas as axudas da Xunta para investimentos no rural en actividades non agrícolas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras desta liña de achegas, que busca apoiar a adquisición de maquinaria e de equipamento en empresas existentes no rural e promover novas actividades empresariais en aldeas modelo. As solicitudes de subvención poderán presentarse no prazo dun mes contando a partir de mañá

Convocadas as axudas da Xunta para investimentos no rural en actividades non agrícolas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cun orzamento deste ano de 3,4 millóns de euros. Este presuposto está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

O obxectivo desta convocatoria é dobre. Por unha banda, a Xunta reserva 2,65 millóns de euros do investimento a apoiar a adquisición de bens e equipamentos para empresas xa existentes que desenvolvan actividades non agrícolas no territorio rural galego co obxectivo de contribuír á súa mellora, ampliación e/ou modernización.

Mentres tanto, os 750.000 euros restantes destínanse á posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas en aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras, nunha decidida aposta por consolidar e impulsar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Deste xeito, poderán beneficiarse destas axudas as microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e construídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2022 e aquelas persoas físicas que residan nunha zona rural e estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomas, tamén con anterioridade ao 1 de setembro do ano pasado. Tamén poderán acceder ás achegas titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

O prazo para presentar as solicitudes para optar a estas axudas é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. É dicir, até o 28 de febreiro. 

Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230130/AnuncioO90-301222-0003_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información