Completadas máis dun cento de queimas prescritas para a prevención de incendios

A intención da Consellería do Medio Rural con estes incendios controlados é reducir a carga de combustible e crear descontinuidades de masa vexetal para mellorar as capacidades de extinción

Completadas máis dun cento de queimas prescritas para a prevención de incendios

Queima controlada realizada en marzo de 2021 para transformar o mato en pastizal / Fonte: Arquivo

No que vai de ano, a Consellería do Medio Rural actuou sobre máis de 500 hectáreas de terreo a través de máis dun centenar de queimas controladas coa finalidade de eliminar combustible vexetal e contribuír á extinción e defensa contra os lumes. Ata o momento, a Consellería interveu sobre unha superficie do 31% superior que a media dos últimos 10 exercicios completos. “Con estas actuacións perséguese crear descontinuidades en áreas, que, de producirse un lume, se deteña na zona tratada con queima prescrita”, sinalan desde a Consellería.

Deste xeito, “búscase mellorar as capacidades de actuación dos medios de extinción e reducir, polo tanto, o risco de incendios de alta severidade, ao tempo que se aposta pola conservación de certas formacións vexetais de interese”, avanzan desde a Consellería. Ademais da queima prescrita realizada hoxe no concello de Santiago de Compostela, “o Servizo de prevención e extinción tiña programadas outras catro queimas que suman 52 hectáreas”, afirma o conselleiro, José González.
Como se executan estas queimas?
“Previamente á súa execución procedeuse a labores de roza mecanizada con tractor para preparar os traballos que se están a realizar. Para que todo transcorra segundo o previsto, están pendentes un axente ambiental -xefe da queima-, 3 brigadas e 4 motobombas con condutor, equipo humano imprescindible para garantir o éxito desta técnica que vén mostrando a súa eficacia nos últimos anos”, explica o titular do Medio Rural.

Debido á esixencia do alto grao de tecnificación e coñecemento das condicións de execución que existe para non afectar ao chan ou xerar outros efectos indesexados, existe un procedemento pautado pola Consellería para levar a cabo queimas prescritas, que define unha serie de ventás de prescrición.

O marco de valores para as distintas variables que afectan ao comportamento do lume, ou o rango de lume estimable e aceptable para a consecución dos obxectivos marcados para a queima son cuestións que ten en conta este protocolo. “A información establecida nesas ventás de prescrición -número de días sen chuvia, temperatura, humidade relativa, humidade do combustible, velocidade do vento, etc.- serve de referencia para determinar as condicións adecuadas para a queima”, detallan desde a Consellería.

No aspecto temporal, as queimas prescritas tamén se ven limitadas polo estado fenolóxico da biota e de humidade do solo das áreas a queimar e pola incidencia de incendios forestais. “Cómpre engadir que as queimas prescritas só están permitidas fóra da época de perigo alto e con índice de risco diario de incendio forestal baixo ou moderado”, destacan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información