Como xestionar o gando no monte nun sistema silvopastoral?

Resumo do relatorio “Xestión de sistemas silvopastorais con cabalos, cabras e ovellas” do doutor da USC Antonio Rigueiro Rodríguez durante a “Xornada técnica sobre sistemas silvopastorais nos montes atlánticos”, organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e celebrada en Porto do Son.

Como xestionar o gando no monte nun sistema silvopastoral?

Cabalos no monte de Couto Muíño (Zas). Foto: Antonio Rigueiro

O uso do gando no monte para consumir o pasto natural que medra baixo do arbolado ou nas matogueiras, cando se elixe adecuadamente e se manexa axeitadamente, non só pode supor un incremento da rendibilidade económica, senón que tamén pode significar unha redución importante do risco de incendios forestais.

Como punto de partida debemos facer un inventario das plantas coas que contamos na superficie a transformar nun sistema silvopastoral, para a partir de aí elixir ben o tipo de gando máis axeitada e a carga gandeira. Se acertamos na elección podemos transformar de xeito natural matogueiras de especies leñosas como toxo, xesta ou queiruga e substituílas por comunidades herbáceas naturais, sobre todo gramíneas, transformando o monte en pradeira.

Como primeiro paso, se a altura do mato é importante, debemos realizar un desbroce mecánico e logo meter os animais.

Cal é o mellor tipo de gando para pastar cada planta?

O cabalo e a cabra son bos ramoneadores de matogueira. En concreto, o cabalo controla moi ben o toxo, relativamente ben as queirugas e non controla ben as uces, as silvas e os fentos. É recomendable utilizar razas rústicas, sendo o cabalo galego unha das máis resistentes e adaptadas ao monte galego. Ademais de ser de doado manexo, o cabalo non come os piñeiros nin os eucaliptos, aínda que si as árbores frondosas.

A cabra é un bo ramoneador que controla moi ben o toxo e a silva. Controla ben as gramínea, ao igual que o cabalo, e tamén as queirugas e as uces pero non os fentos. É compatible co eucalipto pero non co piñeiro nin coas frondosas. Incluso cando non lles pode chegar á copa pode danalos seriamente ou matalos por mordisqueo da codia ou por roces cos cornos. A cabra ten un manexo máis difícil e presenta máis problemas sanitarios que o cabalo. Ademais, precisa dun cortello para recollelas pola noite e ter as femias coas crías as primeiras semanas.

A cabra anana de África Occidental é un bo ramoneador. Fíxose unha experiencia con ela para controlar o toxo con bos resultados. Outra vantaxe desta raza é que non dana o tronco das árbores.

En canto á ovella e a vaca, son animais máis herbívoros que lignívorso, aínda que as razas rústicas do país tamén controlan os gromos tenros dos arbustos.

Como calculamos a carga gandeira?

Comparación entre zona pastoreada e non pastoreada

Comparación entre zona pastoreada e non pastoreada. Autor: Antonio Rigueiro

En primeiro lugar temos que facer un inventario das especies do sotobosque e da súa abundancia. Partimos de dous casos. Un no que nunha hectárea de sotobosque o 80% sexa toxo e o 20% silva, e outro no que sexa á inversa.

En segundo lugar, temos que estimar a biomasa total do sotobosque para calcular as toneladas por hectárea de materia seca. Hai distintos modelos matemáticos para calculalo, en función da altura e da abundancia de cada especie (cobertura medida a través de transectos). Pero os animais non consumen toda esa materia seca, senón que só a parte máis tenra: no caso do toxo o 72% é folla e o 28% talo e no caso da silva o 41% é folla e o 59% talo. Isto fai que o total de materia seca consumible diminúa.

Tamén temos que ter en conta as necesidades nutricionais de cada animal: no caso do cabalo de raza galega podemos estimalas en 5 kg de materia seca por día, polo que ao ano consume 1,7 toneladas de MS. E tamén debemos lembrar que os animais non van consumir toda a materia seca dispoñible e aproveitable, senón que arredor do 50%.

Isto leva a que a carga gandeira recomendada para un sotobosque de piñeiral ou eucaliptal se sitúe entre 1 a 4 cabras/ovellas por ha é de 0,25 a 0,5 cabalos/vacas por ha. Nunha pradeira o normal poder ser unha carga gandeira de 16 e de 2 animais, respectivamente.

Variación da carga gandeira co tempo

Nunha primeira fase recoméndase meter animais lignívoros, como cabras e cabalos e, a medida que se vaia empradizando o solo, facer rabaños mixtos con herbívoros (ovella e vaca), para acabar nunha última fase na que no rabaño predominan as vacas e as ovellas, pero mantendo algún lignívoro para evitar que o mato volva a recuperarse.

Variación da carga gandeira por hectárea co tempo nunha experiencia nun piñeiral no Marco da Curra (Monfero-A Coruña):

Carga xeral por hectárea
Comezo da experiencia 2 cabras
Ao cabo dun ano 2 cabras e 1 ovella
Ao cabo de dous anos 1 cabra e 2 ovellas
A partir do terceiro ano 1 cabra e 3 ovellas.

Esta produción gandeira pode compatibilizarse co aproveitamento madeireirol, aforra en desbroces, reduce o risco de lumes forestais e proporciona un ingreso suplementario pola venda de carne que mesmo pode chegar a superar os rendementos da madeira.

En canto ao efecto do pastoreo sobre a altura e biomasa do sotobosque, no caso do piñeiral de Monfero, antes do pastoreo o sotobosque tiña unha altura de 2 metros, cunha biomasa de entre 40 e 50 toneladas de materia verde por hectárea. Despois de tres anos de pastoreo a altura media do sotobosque foi de entre 10 e 15 centímetros e entre 0,5 a 2 tn de MS/ha (1-4 tn de materia verde por ha).

Distintas experiencias de pastoreo en plantacións forestais

Experiencia no monte de San Breixo, en Parga (Guitiriz-Lugo)

Partiuse dun piñeiral de piñeiro insigne no que se estableceron catro parcelas de 6 hectáreas con toxo, silvas e fentos. Introduciuse cabalo de pura raza galega e comparouse un sistema de pastoreo continuo, cun rotacional. Dúas parcelas de 6 ha sometéronse a pastoreo continuo e outras dúas a pastoreo rotacional, dividíndose cada unha destas últimas en 4 subparcelas de 1,5 hectáreas. O tempo de ocupación de cada subparcela foi de 1 mes e o tempo de repouso de 3 meses. O gando ía rotando sucesivamente por tódalas parcelas. Partiuse dunha carga Bandeira xeral de unha besta cada 3 ha. A carga puntual ou instantánea no pastoreo rotacional foi de 1,3 animais por hectárea.

Partimos dunha biomasa inicial de toxo no sotobosque de 6 tn de materia seca por hectárea. O gráfico seguinte amosa como foi diminuíndo a biomasa de toxo co tempo nos dous tipos de pastoreo (cada rotación son 4 meses). Chamamos pasto residual á biomasa que queda en cada subparcela de pastoreo rotacional cando o gando sae dela, e no pastoreo continuo a biomasa media no mesmo momento para poder comparar o efecto dos dous tipos de pastoreo.

silvopastoral_pastoreo

Autor: Antonio Rigueiro

Tal e como se observa no gráfico, o pastoreo rotacional resultou ser máis efectivo inicialmente, cunha tonelada menos de MS que o contínuo na primeira rotación. Sen embargo, 20 meses despois, na quinta rotación, a cantidade de MS é só lixeiramente inferior no rotacional, o que non compensa a facilidade de manexo e os menores custos do pastoreo contínuo.

Experiencia con pastoreo de eucaliptal no monte Coto do Muíño. Zas (A Coruña):

Partiuse dun pastoreo mixto de cabras e cabalos nun eucaliptal. Tras unha tala fíxose unha queima controlada dos restos da corta e do mato e despois volveron agromar tanto os eucaliptos como o mato, e permitiuse a entrada do gando nunha zona pero non noutra. No caso da parte sobre a que non se fixo pastoreo, tres anos despois o sotobosque tiña unha altura media de 1,5 metros e había unha media de 45 toneladas de materia verde por hectárea.

Pola contra, na que se realizou pastoreo, a altura do sotobosque rebaixouse a 20 centímetros e había 10 toneladas de materia verde por hectárea. Ademais, os gromos dos eucaliptos saíron mellor dando lugar a árbores de maior grosor.

Antonio Rigueiro concluíu a súa ponencia facendo unha defensa do control biológico mediante pastoreo do sotobosque, máis rendible económica e ambientalmente e que contribúe a reducir notablemente o risco de lumes forestais, xa que, no caso de se produciren, acadan menos virulencia e afectación ás árbores ao haber moito menos combustible vexetal.

Dende a administración deberíase favorecer o pastoreo controlado nos montes, para mantelos limpos e sen risco de incendios, con acordos entre os propietarios dos montes e os gandeiros e promover as escolas de pastores”, concluíu o profesor da USC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información