“Combinar o manexo de esterco e a biodiversidade do solo pode mitigar os riscos ambientais”

A investigadora Julia Köninger, da Universidade de Vigo, apunta algunhas das principais conclusións extraídas dunha investigación sobre o uso e potencial do esterco na conservación da biodiversidade do chan. A calidade do esterco é un dos aspectos determinantes para lograr un óptimo aproveitamento

“Combinar o manexo de esterco e a biodiversidade do solo pode mitigar os riscos ambientais”

O uso de esterco de calidade pode mellorar a biodiversidade do solo.

Na Unión Europea e o Reino Unido, a cría de animais xerou anualmente máis de 1.400 millóns de toneladas de esterco entre 2016 e 2019. Gran parte desa cantidade de esterco aplicouse directamente nas terras agrícolas. Con este volume, resulta o esterco unha bendición ou unha ruína?.

Esa foi unha das preguntas ás que buscou resposta un traballo realizado por un equipo de profesionais da Comisión Europea, a Universidade Técnica de Munich e a Universidade de Vigo. “Nesta revisión exploramos o impacto do esterco dos animais de granxa na biodiversidade do solo ao considerar os factores que determinan os efectos do esterco e viceversa”, explica Julia Köninger, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, unha das profesionais implicadas na investigación.

“Ata o de agora, a miúdo ignoráronse os efectos sobre a biodiversidade do solo que ten o esterco”

Aínda que é ben sabido que a achega do esterco proporciona beneficios directos no solo, este aporte tamén pode ter as súas contrapartidas. Así, entre as vantaxes que ofrece, o esterco promove o crecemento das plantas, proporciona alimentos nutritivos aos organismos do solo, agrega diversidade xenética e funcional aos solos e mellora as propiedades químicas e físicas do chan.

Con todo, o uso do esterco tamén pode causar contaminación ao introducir elementos tóxicos presentes nel como poden ser metais pesados, antibióticos ou patóxenos e contribuír á perda de nutrientes. Por este motivo, o traballo centrouse en analizar o potencial do esterco para mellorar a biodiversidade do solo, pero tamén os seus riscos ambientais á vez que avaliaron a política actual e futura da Unións Europea con respecto dos xurros e estercos.

“O manexo integrado do esterco pode reducir os perigos ambientais nun 65 % e duplicar a eficiencia dos nutrientes”

“Ata o de agora, a miúdo ignoráronse os efectos sobre a biodiversidade do chan que ten o esterco”, recoñece a investigadora. Con todo, unha das principais conclusións extraídas da investigación é a confirmación de que combinar o manexo do esterco coa biodiversidade do chan pode mitigar os riscos ambientais presentes e futuros. “O manexo integrado do esterco pode reducir os perigos ambientais nun 65 % e duplicar a eficiencia dos nutrientes pasando do 33 ao 70 %”, concreta a investigadora.

Producción anual de estiércol millones de toneladas en la Unión Europea y Reino Unido y distribución según principales tipos de animales (período 2016 2019)

Produción anual de esterco en millóns de toneladas na Unión Europea e Reino Unido durante o período do 2016 ó 2019 e distribución segundo os principais tipos de animais (porcino en rosa, vacún en verde e avícola en marrón).

Calidade versus cantidade

Á hora de considerar os efectos do esterco na biodiversidade do solo, os expertos sinalan que a calidade do esterco é máis importante que a cantidade. Isto débese principalmente ao feito de que a maioría dos métodos de procesamento do esterco non permiten filtrar adecuadamente os contaminantes. “Ata o de agora non é posible filtrar metais pesados e tamén se atoparon antibióticos nos dixestatos obtidos despois dun proceso de combustión anaeróbica para a produción de biogás e que son utilizados habitualmente como fertilizantes das terras”, explica Köninger.

Ademais, na análise que levaron a cabo sobre a normativa europea actual nesta materia permitiulles comprobar que hoxe en día as lexislacións da Unión Europea descoidan tanto a calidade do esterco como os efectos do esterco na biodiversidade do solo. Neste sentido, para abordar o problema do esterco na Unión Europea, os investigadores recomendan priorizar a calidade do esterco sobre a cantidade. “Antepoñer a cantidade á calidade dana a biodiversidade do solo e, por tanto, os sistemas alimentarios sostibles”, sinala Köninger.

“Antepoñer a cantidade á calidade do esterco dana a biodiversidade do solo e en consecuencia os sistemas alimentarios sostibles”

Os investigadores inciden en que se teña máis en conta a calidade do esterco en futuras lexislacións, cun marco xurídico que evite a aplicación de esterco que conteña contaminantes.

Lograr esterco de calidade

Dado que a calidade do esterco parece ser determinante á hora de lograr a conservación da biodiversidade do solo é fundamental concretar que se entende por esterco de calidade e como se logra. “Para a biodiversidade do solo, o esterco de boa calidade implica un esterco que non estea contaminado con metais pesados (como o caso da presenza de cobre no esterco de porco), antibióticos, patóxenos e hormonas”, apunta a investigadora.

O esterco de boa calidade pode mellorar a produtividade agrícola dos solos, xa que aumenta a actividade biolóxica. Os estercos proporcionan nutrientes para a vida do solo e aumentan a abundancia e diversidade de organismos. Máis aló destas achegas, o uso de xurro e esterco de calidade ofrece efectos ambientais positivos, como o aumento do carbono orgánico do solo. A maiores, mitiga os riscos de contaminación.

Ademais do impacto positivo que o esterco pode chegar a conseguir no solo, contar con xurros de calidade permite reducir custos. “A xestión sostible do esterco pode contribuír a substituír parcialmente os fertilizantes minerais ao aumentar a biodiversidade do solo e, en consecuencia, a eficiencia dos nutrientes”, concreta Köninger. Estes beneficios poden resultar de moito interese nun contexto de guerra en Europa como o actual, onde os fertilizantes químicos experimentaron importantes subas, como recorda a investigadora. 

“Os preparados de esterco ou bioestimulantes de alta calidade a base de esterco poderían acelerar o paso cara a sistemas de produción de alimentos máis sostibles”

Tal e como recolle o traballo de investigación, o impacto positivo de dispoñer de esterco e xurros de calidade pode repercutir e ofrecer unha vía para lograr unha produción de alimentos máis sostible. “A substitución por esterco de calidade podería diminuír as dependencias das importacións de minerais potasio, nitróxeno e fósforo; por tanto, requiriríanse menos fontes de enerxía fósil”, lembra a investigadora. Ademais, minerais como o fósforo só se atopan nuns poucos países do mundo, entre eles Rusia, que se sitúa como o segundo país produtor, polo que a guerra de Ucraína está afectando ó acceso ó fósforo, cuxo prezo xa é moi elevado. Neste sentido, os preparados de esterco ou bioestimulantes de alta calidade a base de esterco poderían acelerar o paso cara a sistemas de produción de alimentos máis sostibles.

Coidar a biodiversidade, un investimento rendible

Para protexer a biodiversidade do solo e o seu importante papel para os servizos ecosistémicos e a fertilidade dos solos, os expertos recomendan combinar a aplicación de esterco de alta calidade con prácticas agrícolas que protexan e melloren a biodiversidade do solo. En concreto, Köninger lembra que se debe evitar realizar prácticas como o arado despois das choivas ou a aplicación de praguicidas para así conseguir mellorar a biodiversidade do solo.

“A propia biodiversidade do solo debe terse en conta ao avaliar as emendas do esterco para proporcionar mellores pautas sobre o uso do esterco e reducir os custos e os riscos ambientais”

“As prácticas de manexo do esterco a miúdo descoidan a biodiversidade do solo, pese a que os organismos do solo xogan un papel esencial na transformación do esterco no chan e a degradación de calquera compoñente tóxico potencial”, reivindica a investigadora. Constatouse que os solos cunha maior biodiversidade reducen o risco de propagación de xenes de resistencia antibacteriana, a lixiviación de metais pesados e patóxenos que chegan aos chans. “A propia biodiversidade do solo debe terse en conta adecuadamente ao avaliar as emendas do esterco para proporcionar mellores pautas sobre o uso do esterco e reducir os custos e os riscos ambientais”, conclúe a experta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información