Collido ‘in fraganti’ un suposto incendiario no concello lugués de Castroverde

Foi sorprendido grazas a un dispositivo de vixiancia na zona logo de térense producido máis conatos. Trátase da terceira persoa detida nos últimos dous meses por provocar lumes, tralas detencións efectuadas con anterioridade en Carnota e Chandrexa

Un membro dos equipos de investigación traballando en determinar as causas dun incendio forestal

Un membro dos equipos de investigación traballando en determinar as causas dun incendio forestal

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural esclareceu este xoves un incendio na parroquia de Serés, no concello lugués de Castroverde, no que se chegaron a localizar ata tres puntos de lume. Tras un operativo específico de vixiancia, tres axentes deste corpo localizaron in fraganti e identificaron ao suposto incendiario, que é tamén o suposto responsable de varios lumes rexistrados con anterioridade na mesma zona, segundo se desprende das investigacións realizadas por estes profesionais da Xunta.

Ademais, grazas á rápida actuación dos axentes da UIFO, o lume quedou reducido a un conato de apenas 6 metros de superficie e afectou só superficie agrícola, evitando que pasara ao monte. Para a súa extinción mobilizáronse 2 axentes, 1 brigada e 1 motobomba. O sinistro iniciouse ás 17:07 horas e quedou extinguido ás 17:30 horas.

O identificado é tamén o suposto responsable de varios lumes rexistrados con anterioridade na mesma zona, segundo as investigacións realizadas

A Consellería do Medio Rural reforzou estes días o despregamento da UIFO sobre o territorio galego diante das condicións meteorolóxicas que favorecen a actividade delituosa incendiaria e mantén, ata o novo aviso, a prohibición de realizar queimas de restos agrícolas ou forestais amoreados por parte de particulares.

A Xunta reforzou estes días o despregamento de axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais diante das condicións meteorolóxicas favorables para a propagación dos lumes e continúan tamén prohibidas as queimas agrícolas

A Xunta lembra ademais que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. A maiores, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Terceira persoa detida nos últimos 2 meses por provocar lumes

O detido en Castroverde é a terceira persoa arrestada nos últimos dous meses en Galicia en relación a incendios forestais, logo das detencións practicadas nos meses de decembro e xaneiro en Carnota e Chandrexa de Queixa a partir do traballo da Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta. 

Esta Unidade, creada no Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) do ano pasado, está formada por 15 membros da escala de axentes ambientais que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que se centran especificamente na investigación dos lumes.

O pasado mes de decembro, a UIFO puxo a disposición xudicial un home de 61 anos como suposto autor de dous lumes no concello ourensán de Chandrexa de Queixa. Os incendios tiveron lugar no pasado mes de outubro, afectando unha superficie de 0,8 e 0,32 hectáreas de monte raso nesta zona do Macizo Central ourensán, unha das zonas de Galicia que ten unha alta incidencia incendiaria.

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta foi creada no Pladiga do pasado ano e está formada por 15 axentes ambientais exhimidos das tarefas de extinción para centrárense en investigar a orixe dos lumes

Do mesmo xeito, a finais de xaneiro foi detida outra persoa en Carnota en relación a un incendio forestal sucedido o día 22 de xaneiro na parroquia de Pindo. A causa deste lume, que queimou 6.000 metros de superficie rasa, foi unha queima de restos forestais sen autorización. Esta neglixencia, agravada polo forte vento, fixo que o lume prendese na vexetación próxima. O veciño detido recoñeceu os feitos no xulgado de garda de Muros e admitiu que non foi capaz de sofocar as chamas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información