“As claves da rendibilidade pasan por planificar os ingresos e os gastos”

Manuel Fernández, técnico de Consuvet, presentou este luns na Pastoriza a ferramenta de xestión cowsulting.com “É moi importante no vacún de leite facer un orzamento da gandería para o ano e controlar o seu cumprimento, como se fai no sector porcino e en calquera planteamento empresarial”, asegura.

“As claves da rendibilidade pasan por planificar os ingresos e os gastos”

Lograr forraxes de calidade e puntear o concentrado son as claves da rendibilidade

Puntear o concentrado que se lle proporciona ás vacas en función da súa produción e estado de lactación e lograr forraxes da boa calidade son algunhas das claves para mellorar a rendibilidade das ganderías de vacún de leite. Así o destaca Manuel Fernández, técnico de Consuvet, quen este luns ofreceu unha charla na Pastoriza (Lugo) sobre “A xestión económico técnica e a importancia do presuposto”.

“As explotacións máis competitivas conseguen producir moi boas forraxes, o que abarata moito a ración e permite baixar o custo por tonelada de materia seca, e tamén realizan un punteo dos animais, administrando máis concentrados en función do tipo de vaca e do momento da lactación, con alimentos máis concentrados que permiten un mellor estado das vacas recén paridas”, asegura.

Esta estratexia permite reducir os custos de produción do litro de leite, pero sen embargo en España e en Galicia son contadas excepcións as ganderías que a realizan. “En Holanda e en Dinamarca, máis do 70% das explotacións fan punteo do concentrado, e en Francia a porcentaxe rolda o 50%, pero en España, debido a varios factores, é algo minoritario”, explica Manuel Fernández.

Cowsulting: A importancia de realizar unha xestión proactiva e de elaborar un orzamento da granxa para o ano

Na charla da Pastoriza o técnico de Consuvet falou da importancia de realizar unha xestión económico e técnica da explotación, para o que presentou a ferramenta cowsulting, así como da necesidade de realizar un orzamento anual para a granxa.

“Cambiamos totalmente o concepto: no canto de realizar unha xestión con carácter retroactivo, nós facemos unha xestión proactiva, traballamos con vistas cara a adiante, e sempre co obxectivo de gañar diñeiro e que a explotación sexa viable”, explica.

Para iso, e partindo dos datos dos últimos 6 meses da explotación, cowsuling realiza un orzamento anual, coas previsións de ingresos e de gastos. “En vacún de leite os gandeiros teñen que empezar a traballar como o fan os de porcino desde hai 15 anos”, destaca Manuel Fernández.

“Realizamos unha xestión proactiva, traballamos cara a adiante”

Neste sentido, cada mes os resultados vanse comparando coas previsións orzamentarias, para verificar se se cumpren ou ver as desviacións que se producen (en gastos de alimentación, en produción e reprodución…etc) e así poder corrixilo. Ademais, cada 6 meses realízase unha comparación con granxas da mesma estrutura e modelo produtivo (número de muxidos, tamaño, con ou sen robot, base territorial e produción forraxeira…) para facer unha comparativa e ver a evolución na contorna. De momento, son unhas 60 as explotacións de vacún de leite que estarán nesta modelo de xestión para o 2017, pero a previsión é que o número de incremente.

“O programa de xestión cowsulting é máis visual e ofrece un tipo de xestión diferente, na que vemos os gastos cara a adiante, non cara atrás, e por tanto podemos ir corrixindo sobre a marcha para cumprir o orzamento anual”, destaca o técnico de Consuvet.

“É certo que resulta difícil cumprir un orzamento -recoñece- pero se o temos sabemos en que capítulo (recría, alimentación, reprodución e produción….etc) estamos a pasarnos e estamos a perder diñeiro”.

Por último, Manuel Fernández fixo un chamamento aos gandeiros a un cambio de mentalidade, “para o que é necesario realizar xestión económica e dotarse dun orzamento que, como en calquera empresa, permita gañar diñeiro ao final do ano”.

consuvet_grafica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información