Centos de gandeiros e agricultores galegos protestan en Madrid para esixir un cambio de rumbo na política agraria da Unión Europea

SLG_Ministerio_PReviaManiAlgo máis de 1000 gandeiros e agricultores de Galicia participaron esta mañá en Madrid na manifestación estatal para esixir un cambio de rumbo na política agraria da Unión Europea.

Á manifestación, que congrega a máis de 10000 produtores, asistiu unha nutrida representación galega a través das organizacións Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia ou Gandeiros Galegos da Suprema. Protestan antes do Consello de Ministros da Unión Europea celebrado durante esta mañá en Bruxelas no que se agarda que se dea unha reposta á vaga de mobilizacións dos produtores.

Na manifestación de Madrid, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, destacou que “con estas accións o agro galego demanda ás administracións públicas a nivel galego, estatal e europeo a activación urxente de medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a racionalización das cargas burocráticas ás explotacións, a paralización dos tratados de libre comercio, a potenciación dos circuítos curtos de comercialización e o cumprimento da Lei da Cadea, entre outras medidas”.

Pola súa parte, Félix Porto, secretario xeral de gandería de Unións Agrarias destacou “a unidade de acción de todo o sector produtor, que esiximos que o Goberno dea marcha atrás nos decretos que fan dano por exceso de burocracia así como a nosa esixencia dunha PAC adaptada á realidade de Galicia”. “Esperemos que os ministros de Agricultura da Unión Europea reunidos hoxe en Bruxelas modifiquen esas posicións dañinas para os agricultores e gandeiros”, subliñou.

mani ministerio madrid UUAA

A Xunta esixe unha “moratoria inmediata e temporal da normativa da UE que afoga aos agricultores e gandeiros”

Dende a Xunta de Galicia, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, valorou este sábado o feito de que a Unión Europea estea “tomando nota” das demandas dos agricultores e gandeiros e empece a actuar en consecuencia, propoñendo reformas para reducir a burocracia e aliviar requisitos ambientais.

“Non podemos permanecer pasivos diante do que está pasando en toda Europa”, advertiu, con manifestacións que poñen en riba da mesa a “fartura” que hai por unha lexislación europea que impón trabas burocráticas e esixencias medioamentais que poñen en perigo a viabilidade das explotacións.
Ademais, o conselleiro sinalou que “a rectificación das autoridades comunitarias vén dar a razón a Galicia e a

confirmar o que a nosa comunidade vén reclamando con insistencia”. “É dicir, que o Goberno central debe defender con contundencia en Europa -e en concreto no devandito Consello de ministros- unha moratoria inmediata e temporal da normativa que impón trabas burocráticas e esixencias medioambientais que -compartindo a súa pertinencia- non se deseñaron atendendo á tripla sustentabilidade económica, social e medioambiental das explotacións”, defendeu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información