A Capela estrea novo centro de coworking orientado a apoiar ó sector primario

O centro ocupa o primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves. As obras, financiadas pola Deputación da Coruña e Concello supuxeron un investimento de 72.000 euros. O pleno provincial aprobará un convenio para desenvolver actividades dinamizadoras do novo espazo de traballo

A Capela estrea novo centro de coworking orientado a apoiar ó sector primario

O alcalde da Capela, Manuel Meizoso, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a visita ó centro.

A Capela (A Coruña) vén de inaugurar un centro de coworking que se enmarca na rede provincial de espazos de traballo apoiada pola Deputación da Coruña. Este é o sexto centro de similares características que se pon en marcha na provincia, e igual que outros xa en funcionamento, como o de Brión, enfócase principalmente a darlle apoio a empresas ligadas ó sector primario e ó rural. O presidente da Deputación da Coruña,Valentín González Formoso, visitou este xoves o novo coworking da Capela, onde destacou a importancia de poñer en marcha servizos para o rural.

O centro de coworking da Capela está instalado no primeiro andar do edificio do antigo centro de saúde das Neves. As obras de rehabilitación están valoradas en 72.000 euros e para as que a Deputación aportou, a través do Plan Único, 58.560.30 euros e o concello asumiu a contía restante de 13.439,97 euros.

O coworking da Capela conta cunha superficie de 178,75 metros cadrados útiles e ten capacidade para acoller 12 iniciativas empresariais. Dende a Deputación agardan que este espazo sirva de xerme de creación e atracción de novas empresas e xere sinerxías entre as mesmas. O centro conta con todo o equipamento necesario para a posta en marcha de proxectos empresariais. Así mesmo, a zona de traballo divídese en 4 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha.

Valentín González Formoso destacou a importancia “de que municipios como A Capela conten con este tipo de equipamentos que permiten reter á xuventude, atraer a novos talentos e fixar poboación, loitando contra o baleirado do rural, unha aposta estratéxica da Deputación da Coruña a través do Plan de Emprego Local”. O presidente apuntou que o coworking centrarase especialmente no sector primario nun municipio que conta con gran experiencia nese sector.

Ademais, incidiu en que “o apoio provincial non vai a quedar na rehabilitación do espazo se non que imos involucrarnos, con presenza diaria, para levar a cabo a parte máis importante, que é a da dinamización do coworking e a súa difusión para captar interesados, da Capela e de toda a comarca, que nos consta que xa hai”. No pleno provincial deste venres aprobarase un convenio co Concello para desenvolver actividades de dinamización do novo centro.

Pola súa parte, o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, agradeceu o apoio da Deputación e expresou o seu desexo de que sirva como un impulso económico e demográfico para A Capela. Dende a administración local e provincial reivindican este espazo de coworking como un eixo para a creación de novas iniciativas económicas que terán acceso a un abano de servizos de apoio, seguimento e asistencia técnica xeral para impulsalas e afianzalas no tempo.

Rede Provincial de Espazos de Traballo

O Coworking da Capela súmase á Rede Provincial que xa integran o Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Transformando en Brión, LabBarbanza de Boiro, A Proa en Ames e o coworking de Moeche, que tamén entrará proximamente en funcionamento.

Como apuntan dende a Deputación, a Rede provincial permite que os distintos centros adheridos presten un servizo eficaz e coordinado non só no concello no que se emprazan, senón tamén en concellos circundantes, ben atendendo aos límites administrativos da comarca, ben atendendo a outros criterios de eficiencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información