Cales son as trampas máis eficaces e selectivas para capturar vespa velutina?

Investigadores estudan en Pontevedra diferentes trampas comerciais para comparar a eficacia e selectividade na captura do avispón invasor e conclúen que o trampeo continúa sendo ambientalmente insustentable

Cales son as trampas máis eficaces e selectivas para capturar vespa velutina?

Sandra V. Rojas Nossa, Salustiano Mato, Pilar Feijóo, Aarón Lagoa e Josefina Garrido, investigadores do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, realizaron diferentes investigacións que recolleron no artigo ‘Comparación da eficacia e selectividade de trampas con cebo para a captura do avispón invasor Vespa velutina’. A finalidade do estudo céntrase en comparar a efectividade (taxa de captura de V. velutina) e selectividade (taxa de captura de V. velutina/taxa de captura de especies non obxectivo) de catro modelos de trampa.

As trampas con cebo utilízanse comunmente para tentar reducir a poboación invasora do avispón asiático Vespa velutina. Con todo, o método xera controversia porque a evidencia suxire que a captura primaveral non é eficaz para reducir a poboación e tamén polo elevado número de capturas doutras especies. No entanto, apareceron no mercado novos modelos que reivindican a súa selectividade.

Neste proxecto, que levaron a cabo na primavera de 2022 no suroeste de Pontevedra, dividiron o terreo nunha cuadrícula de 1 km2 nunha rexión costeira da provincia e eliximos cuadrículas con relativa abundancia de colonias de V. velutina- o ano anterior, entre 1 e 8 niños/km2. En cada cuadrícula asignouse aleatoriamente un modelo de trampa. En total, colocaron seis trampas de cada modelo para un total de 24 trampas.

Efectividade e selectividade de trampas con cebo destinadas a capturar a avispa asiática invasora Vespa velutina. (a) Efectividade e (b) Selectividade transformada logarítmicamente

Efectividade e selectividade de trampas con cebo destinadas a capturar a avispa asiática invasora Vespa velutina. (a) Efectividade e (b) selectividade transformada logarítmicamente

Durante o proxecto probaron catro tipos de trampas, tres comerciais e un prototipo. A trampa VespaCatch® (trampa V), Véto-pharma, ten tapa negra con dous orificios de entrada laterais e un recipiente de plástico amarelo que contén o líquido atraínte, onde os insectos morren afogados. A trampa Econex® (trampa X) ten teito verde, tapa amarela cun buraco central e un recipiente transparente cunha malla plástica que divide o colector en dúas partes; a base que contén o cebo líquido é unha cámara principal onde os insectos morren por esgotamento. A trampa Eva® (trampa E), consta dunha botella de plástico transparente con dúas pezas laterais amarelas. Estas teñen un buraco máis grande que funciona como entrada e catro buracos máis pequenos que se utilizan como saída de insectos. Ademais, a trampa está provista de bólas de arxila expandida, para evitar que os insectos morran por ahogamiento, e bridas de plástico que permiten aos insectos camiñar cara ás saídas. A cuarta trampa foi un prototipo en fase de desenvolvemento industrial (trampa R). Consta dunha tapa transparente en forma de cúpula provista de dúas entradas laterais e un recipiente amarelo que sostén o atrayente líquido. O colector está dividido por unha malla de plástico onde os insectos morren por esgotamento.

Probaron a efectividade e selectividad de catro modelos de trampa: (a) VespaCatch, (b) Econex, (c) Eva e (d) unha trampa en desenvolvemento. Todas se encheron co mesmo tipo e cantidade de cebo

Probaron a efectividade e selectividad de catro modelos de trampa: (a) VespaCatch, (b) Econex, (c) Eva e (d) unha trampa en desenvolvemento. Todas se encheron co mesmo tipo e cantidade de cebo

A trampa E tivo unha maior efectividade e unha maior selectividade, mentres que a R tivo a menor efectividade e selectividade. As trampas VespaCatch e Econex tiveron altas taxas de captura, pero tamén a selectividade máis baixa das trampas avaliadas, con capturas de especies nativas vulnerables. En conclusión, “o trampeo continúa sendo ambientalmente insustentable e non recomendado como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida”, destacan os investigadores.

Todas elas son trampas usadas en Galicia e en canto ao prezo, “probablemente o custo económico é menor en termos do que custa a compra dunha trampa, pero non se estimou o custo que implica a afección para as especies nativas e por tanto para os servizos ecosistémicos; é dicir, aqueles servizos que achegan os ecosistemas aos seres humanos”, indican.

Trampa ambientalmente sustentable

Nos resultados indícase que, coas trampas probadas, a captura con cebo segue sendo ambientalmente insustentable e non se recomenda como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida. Todo isto está motivado pola diversidade e abundancia das especies nativas. Así mesmo, indícase que as trampas son altamente contaminantes e para conseguir un trampeo ambientalmente sustentable deberíanse empregar aqueles aparellos que só capturen a Vespa Velutina.

Nas conclusións tamén se indica que a trampa E supón unha mellora en termos de selectividade ao comparar as taxas de captura doutras trampas. Isto vén motivado porque “todos os detalles do deseño dunha trampa inflúen sobre a súa funcionalidade. Probamos as trampas como un todo e non comparamos os diferentes detalles entre elas. Iso requiriría un deseño experimental diferente”. Por iso, non é recomendable utilizar a trampa E, porque “a captura con cebo é unha ameaza adicional para a biodiversidade nativa, o que se aplica a esta trampa”.
En Galicia úsanse moitas trampas. Até agora non hai estudos que demostren que hai unha trampa efectiva e completamente selectiva.

No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo seguen a traballar na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos

Adicionalmente, a evidencia científica demostra que o trampeo de primavera non reduce a cantidade de nidos nunha área. Moitas veces o argumento que se usa para xustificar as capturas de insectos nativos no trampeo de primavera, é que probablemente as colonias nas que as raíñas fundasen consumirían unha cantidade de insectos similar ou mesmo maior. Pero este argumento non é válido, xa que os insectos que caen nas trampas e os que consome V. velutina non son os mesmos, e por tanto o trampeo é unha presión engadida sobre as especies nativas.

Por estas razóns, a recomendación neste momento continúa sendo non usar trampas con atraínte polos danos ambientais que leva o trampeo. No entanto, prodúcense novas trampas e atraíntes que hai que probar. No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo continúan traballando na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos. “En base aos nosos estudos estamos a deseñar un novo modelo que pretende mellorar os resultados obtidos, para o que é clave un estudo enfocado en determinar se existen atrayentes realmente selectivos”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información