Botes de fibra vexetal de caña de azucre, unha novidade para facilitar os envíos de mel

Arzúa volveu converterse esta fin de semana na referencia para os produtores de mel grazas á Mostra Galega de Apicultura, que retomou a súa celebración condicionada pola situación de pandemia sanitaria

Un momento da feira de material apícola, con distintas casas comerciais presentes

Un momento da feira de material apícola, con distintas tendas especializadas e casas comerciais presentes

O coronavirus cambiou hábitos de consumo e de compra. Cunha poboación máis concienciada coa saúde, a demanda de produtos naturais coma os que producen as abellas aumentou, igual que o fixeron as compras a distancia.

Pero os habituais tarros de cristal non se levan ben cos envíos e o transporte. Rachan, o produto derrámase e a experiencia de compra non é gratificante e non convida a repetila. Pero no mercado existen xa alternativas coma os botes de fibra vexetal de azucre, unha das principais novidades presentadas esta fin de semana en Arzúa dentro da Mostra Galega de Apicultura, unha cita de referencia que retomou a súa celebración logo dun ano sen facerse por mor do coronavirus.

A tendencia actual é envasar en plástico porque o cristal dá moitos problemas para os envíos

O presidente da Asociación Galega de Apicultura, Xosé Torres, foi o encargado de presentar os novos materiais dispoñibles para os envases de mel, un avance que vai facilitar as vendas por internet e os envíos a través de mensaxería con maior garantía e seguridade.

Estes novos botes, que fabrica a empresa francesa Lys Packaging, están feitos de fibra vexetal, polo que ademais de absorber posibles golpes ou impactos, son biodegradables.

Os novos tarros, fabricados a partir de caña de azucre, son biodegradables e non rompen

“A tendencia actual é envasar en plástico porque o cristal dá moitos problemas para os envíos. Pero agora con este novo material temos unha alternativa ao plástico. En apariencia estes novos envases de fibra de azucre semellan cristal e son igualmente transparentes pero non rompen. Nós xa os probamos e funcionan. Estamos pensando mesmo deseñar un envase propio personalizado”, explica Xesús Asorey, voceiro de AGA.

Este novo material non resiste altas temperaturas, polo que non é posible pasteurizar o mel, algo que xa non permite a IXP Mel de Galicia

Este tipo de material non resiste altas temperaturas, polo que non podería empregarse para outros produtos, como conservas ou marmaladas que precisen ir ao autoclave, mais no caso do mel, dado que a IXP Mel de Galicia non permite a pasteurización do mel, adaptaríanse ben para a súa utilización no canto dos tarros de cristal. “Se non se pasteuriza o envase non ten problema, non se pode quentar a 75 grados, pero 40 ou 45 resísteos perfectamente”, indican desde AGA tralas probas realizadas na envasadora da cooperativa Erica Mel.

Lugar de encontro e formación para os apicultores galegos

A pandemia obrigou a medidas extraordinarias como control de aforo e celebración de todas as actividades ao aire libre

A pandemia obrigou a medidas extraordinarias como control de aforo e celebración das actividades ao aire libre

A presentación deste tipo de novidades e innovacións referentes ao mundo das abellas compatiu protagonismo a fin de semana en Arzúa coa formación técnica en aspectos como a sanidade apícola, a reprodución e alimentación das colmeas ou a loita contra a vespa velutina, ademais doutras actividades como a feira de material apícola ou as catas e demostracións de elaboración de produtos a base de mel.

O Foro de Apicultura reuniu durante o sábado e o domingo a 200 produtores de toda Galicia

Coma sempre, un dos puntos fortes foi unha vez máis o Foro de Apicultura, que reúne a produtores de toda Galicia. Esta 36 edición da Mostra celebrada en Arzúa estivo condicionada polas medidas que impón a covid-19, como o control de aforo e a inscrición previa, que obrigou a unha menor afluencia e a celebrar actividades de pequeno formato baixo unha fórmula novidosa, a das ponencias e charlas ao aire libre nunha serie de pequenas carpas habilitadas ao efecto para que en ningún momento se xuntaran máis de 20 persoas.

Polas distintas carpas foron pasando especialistas nos distintos campos, coma Fina Gonell que falou da alimentación artificial das colmeas; Marcos Varela, especialista en reprodución e cría de raíñas; ou Antonio Pajuelo, experto en sanidade apícola, que centrou a súa ponencia na varroa.

O vindeiro 17 e 18 de xullo estréase a ruta de apiturismo do Courel

Outro dos puntos fortes foi o Foro de Apiturismo, onde foron presentadas as 7 rutas que amosan o patrimonio apícola galego. “Temos unha apicultura antiga que os que vivimos aquí non valoramos, pero á xente que vén de fóra parécelle algo extraordinario, e desde AGA pensamos que é algo que hai que potenciar e poñer en valor para que non se perda, porque senón en poucos anos esta cultura do mel podería estar desaparecida”, argumenta Xesús Asorey. Con este obxectivo este ano vaise estrear a ruta do Courel, cun primeiro roteiro a modo de ensaio a fin de semana do  17 e 18 xullo. Haberá un microbús gratuito para ir e os interesados poden anotarse a través da páxina web de AGA ou ben chamando ao teléfono 981508142.

Velutina: ningunha solución definitiva

Ponencia de Sandra Rojas sobre distintos métodos para a loita contra a vespa velutina

Ponencia de Sandra Rojas sobre distintos métodos para a loita contra a vespa velutina

A vespa velutina segue a ser na actualidade unha gran ameaza para as abellas e a apicultura. En Arzúa puideron verse distintos inventos e solucións para tratar de minimizar o problema, desde trampas e distintos tipos de atraíntes ás tradicionais arpas eléctricas, piqueiras e frontais antivelutina, etc. “Cada quen traballa coa súa fórmula e a súa teoría, o que quere dicir que hai parches e ideas pero que definitivo non hai aínda nada”, afirma Xesús Asorey.

A loita contra a praga é moi limitada porque non hai coordinación no trampeo primaveral e só se ven e se retiran un 20% dos niños que realmente hai

“A maioría de apicultores son favorables ao trampeo primaveral, pero os científicos xa non o son. E o problema é que non hai coordinación, o trampeo lévano os Concellos, polo que se un trampea pero o do lado non o fai, a loita é moi limitada”, recoñecen desde AGA, que considera que “non pode achacarse exclusivamente ao trampeo o feito de que haxa un descenso da presión de velutina nun lugar ou ano concreto, pois as condicións climáticas fan que varíe  a presenza dun ano para outro e mesmo hai microclimas locais que favorecen máis ou menos a presenza da praga”. A eliminación de niños por parte da Xunta tampouco resolve o problema, posto que só se ve o 20% dos niños que realmente hai, segundo un estudo francés.

Mortandade inasumible

Unha das charlas de formación sobre sanidade apícola con expertos como Antonio Pajuelo

Unha das charlas de formación sobre sanidade apícola con expertos como Antonio Pajuelo

O principal problema neste momento en materia de saúde das abellas segue a ser a varroa. O control deste ácaro que parasita tanto nas abellas adultas como na cria, resulta fundamental para a supervivencia das distintas colonias do apiario, dado o nivel de reinfectación que se produce habitualmente entre unhas colmeas e outras.

A varroa segue a ser a día de hoxe o principal problema en materia de sanidade apícola e dificulta a produción en ecolóxico

A fin de semana en Arzúa estivo presente Véto-Pharma, que é na actualidade a única empresa a nivel europeo que se adica a investigar só en abellas. Até agora tiñan produtos como Apivar e agora están centrados na desparasitación das abellas en base ao ácido exálico ou fórmico, dado que os tratamentos convencionais contra a varroa dificultan a produción en ecolóxico.

A grande mortandade que na actualidade se dá nas colmeas, con niveis que rondan entre o 30 e o 40% anual, está a obrigar aos apicultores a recurrir á reprodución para cubrir baixas. “A semana pasada os países da UE chegaron a un acordo que fixa que máis dun 10% de mortandade non é aceptable. Agora o que hai é que poñer medidas sobre a mesa para que iso sexa real e ese límite se cumpra”, reclaman desde AGA, que poñen o foco na redución dos praguicidas.

A alta mortandade, que se sitúa entre o 30 e o 40% anual, súplese con reprodución por parte dos apicultores

A aposta pola reprodución e multiplicación das colmeas está a permitir que no último ano o censo de colmeas en Galicia se incrementase de forma importante, pasando de 175.000 a 200.000. O número de apicultores tamén se incrementou, pasando de 3.700 a case 4.600 produtores, segundo os rexistros da Xunta, que inclúe á apicultura como o sector gandeiro máis rexuvenecido, cunha media de idade de 41 anos, fronte a outros como o vacún de leite, onde a idade media dos titulares das explotacións se aproxima aos 60 anos.

Cambio climático

Novas caixas e núcleos feitos con polispán de alta densidade que actúa como aillante para manter a temperatura da colmea

Novas colmeas e núcleos de polispán de alta densidade, que axuda a manter a temperatura da colmea

“Hai interese e relevo xeracional pero a produción por colmea está baixando de maneira alarmante”, matizan desde AGA, A media está na actualidade entre 12 e 15 quilos por colmea, a metade que hai 20 anos. “A produción está baixando, os tres últimos anos en picado. Está claro que o cambio climático e os plaguicidas está afectando á produción”, asegura Xesús Asorey.

A produción por colmea está baixando de maneira alarmante nos últimos tres anos

Este ano é un claro exemplo de climatoloxía adversa. No que vai de primavera e comezo de verán o frío e a chuvia reduciu ao mínimo as floracións e apenas deixou traballar ás abellas. “Con esta climatoloxía tan irregular hai uns picos de serra que fai que o que as abellas xuntan unha semana teñen que comelo na seguinte. A día de hoxe o panorama de mel deste ano é catastrófico, pero as abellas son incribles e as colmeas poden aínda ser capaces de recuperarse”, agardan.

Alimentar ou non alimentar?

Un momento da ponencia de Fina Gonell sobre alimentación suplementaria de colmeas

Un momento da ponencia de Fina Gonell sobre alimentación suplementaria de colmeas

Neste contexto de tempo cambiante e estacións meteorolóxicas irregulares, cobra importancia a alimentación suplementaria das colmeas. Con todo, é unha práctica pouco estandarizada e que se usa en moitos casos sen un criterio claro.

A climatoloxía irregular provoca picos de serra e o que as abellas producen unha semana teñen que comelo na seguinte. A día de hoxe o panorama de mel deste ano é catastrófico

“Hai moito desbaraxuste e descoñecemento do que hai que facer en cada momento. O mel ten que seguir sendo das flores porque senón non é mel, polo que de alimentar hai que facelo no outono, despois de sacar o mel, para que as abellas queden con reservas dabondo para pasar o inverno, pero na primavera debe ser a natureza a que dicte sentenza, moitas veces o apicultor o que pode facer é enganar á abella e é peor o remedio que a enfermidade”, aseguran os expertos que interviron a fin de semana en Arzúa.

Demandas dos apicultores: un laboratorio de análises en Galicia e promoción en Europa

Actividades infantís dentro da Mostra Galega de Apicultura

Actividades infantís dentro da Mostra Galega de Apicultura desta pasada fin de semana

Os novos envases de fibras vexetais permitirían a exportación de forma máis sinxela do mel galego envasado e etiquetado en orixe no canto de a granel, como acontece en moitos casos na actualidade. En Galicia prodúcense, nun ano normal, uns 2 millóns de quilos de mel. Do total da produción, máis ou menos a metade, en torno a un millón de quilos, destínase ao mercado local, tanto a través da venda directa por parte dos apicultores como a través de tendas de proximidade. O resto véndese en circuitos máis longos, tanto no mercado español como europeo, pero só unha parte del vai envasado.

É unha mágoa que cada ano medio millón de quilos de mel marchen a granel de Galicia cara a Alemaña para ser mesturar con outros meles

“Estímase que cada ano medio millón de quilos de mel producido en Galicia marcha a granel para Alemaña para ser mesturado con outros meles e iso é unha mágoa”, asegura Xesús Asorey. Por iso, desde AGA fixeron á Xunta de Galicia unha proposta para que unha parte dos novos fondos Next Generation que virán da Unión Europea para a recuperación económica trala pandemia da covid-19 se destinen a unha campaña de promoción forte do mel galego en Europa que lle permita abrir novas portas e chegar a novos mercados.

AGA propón facer unha promoción forte do mel galego en Europa durante tres anos con fondos Next Generation

“Contamos con unha IXP e os nosos meles están a ter unha moi boa valoración a nivel internacional en todos os concursos aos que se presentan. Todo iso é moi importante pero fáltanos promocionar ben o mel galego, que é un mel de moita calidade”, defende o voceiro de AGA.

Enviando as mostras a analizar a Granada

Para a venda en circuitos máis longos, é moi importante contar con distintivos de calidade como é a IXP Mel de Galicia, pero a falta dun laboratorio público de referencia en Galicia está a obrigar ás envasadoras existentes a enviar as súas mostras de mel fóra da comunidade para garantir os criterios de trazabilidade e seguridade alimentaria no envasado.

Nós temos que enviar as mostras a analizar a Granada cando é un servizo que se podía dar aquí no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal que a Xunta ten en Lugo

“Temos a necesidade de contar en Galicia cun laboratorio para analizar o mel que se produce na comunidade. No noso caso, temos que mandar as mostras a Granada e iso é moi caro e non é operativo nin viable, cando é un servizo que se debera dar aquí. En Lugo hai un Laboratorio público dependente da Xunta que conta coa tecnoloxía axeitada para facer estas análises, só falta dotalo de persoal”, reclama Xesús Asorey. Iso serviría para dar “tranquilidade ás envasadoras e trazabilidade ao consumidor”, di.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información