Propostas dos apicultores galegos para os fondos Next Generation

Propostas dos apicultores galegos para os fondos Next Generation

Xesús Asorey, voceiro de AGA

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) e a Cooperativa Erica Mel veñen de presentar na Consellería do Medio Rural a súa proposta de manifestación de interese para desenvolver a apicultura en Galicia utilizando fondos da Unión Europea para recuperación trala crise da pandemia da Covid19, os denominados fondos Next Generation.

En concreto, a proposta presentada por AGA pretende sufragar cos fondos europeos as seguintes actuacións:

-Selección e reprodución de abellas:
Debido á alta mortaldade das colonias de abellas, 30-40% anual, e ao grande interese en incorporarse a este sector pola xente nova, hai  unha forte demanda de enxames que fai necesario satisfacer con criadeiros de abellas seleccionadas.

-Laboratorio:
Defenden que resulta imprescindible que Galicia conte cun laboratorio de referencia que certifique mediante análises laboratoriais a calidade dos meles galegos e descubrir as posibles fraudes sobre o mel e os outros produtos apícolas. Actualmente todas as mostras é preciso envialas a Granada, ao laboratorio de Apinevada.

-Envasadora, mel crema e derivados:
“A nosa aspiración é que todos os meles de Galicia con IXP vaian ao mercado europeo envasados con toda a súa plena calidade e non como acontece na actualidade, onde o valor engadido o levan outras factorías industriais meleiras. Galicia exporta unha porcentaxe de mel moi alta por xunto que vai para envasadoras europeas que o mesturan con mel chinés de moi baixa calidade.”, explican dende AGA.

Neste sentido, a proposta de AGA para Erica Mel, a cooperativa dos seus apicultores socios, é dotarse dunha planta de envasado de produtos derivados da innovación e diversificación, como son os meles crema e derivados. Deste xeito, con esta actuación que presentan aos fondos Next Generation pretenden pasar dun envasado anual de 100.000 quilos na súa planta de Arzúa a 250.000 quilos.

-Envase orgánico:
Ao igual que xa acontece noutros países á vangarda en apicultura, como Eslovenia, AGA e Erica Mel propoñen “contar cun envase exclusivo para o mel amparado pola IXP Mel de Galicia, elaborado a partir de produtos ecolóxicos, fuxindo de calquera envase derivado do petróleo”.

-Equipamento, transhumacia, melería móbil, recollida de mel:
Outra iniciativa que lle propoñen á Consellería do Medio Rural para financiar cos fondos europeos Next Generation é dotarse dun camión tractor equipado con dous remolques. “Un remolque sería unha melería móbil para dar o servizo de esmelga aos pequenos produtores in situ. Outro remolque estaría equipado para dar o servizo de traslado de colmeas (transhumancia), tanto para evitar a Vespa velutina mediante esta tecnoloxía coma para facer traslados de colmeas buscando nos nosos montes meles monoflorais e de paisaxe de máis alto valor engadido. Así mesmo, serviría tamén para a recollida de mel e levalo ao centro de envasado en Arzúa”, explican.

-Tenda online:
Por último, os apicultores de AGA tamén solicitan axudas para realizar fortes campañas de promoción e venda online en toda a Unión Europea dos produtos melíferos producidos e envasados en Galicia.

Máis información:

A Xunta amplía ata o 30 de abril o prazo para que as pemes do sector primario se presenten aos fondos Next Generation

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información