‘Benvidas as novas ferramentas de ordenación da terra, pero sen esquecer a concentración parcelaria’

O grupo de opinión 'O rural importa', integrado por enxeñeiros agrónomos, enxeñeiros técnicos agrícolas e outras entidades, valora a futura lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias que está a ultimar o goberno autonómico

‘Benvidas as novas ferramentas de ordenación da terra, pero sen esquecer a concentración parcelaria’

O minifundio de parcelas, tanto agrarias como forestais, está aínda presente en boa parte de Galicia. / Arquivo.

No anterior artigo publicado neste mesmo espazo polo grupo de opinión “O Rural Importa”, facíamos un breve repaso da evolución da concentración (ou reestruturación) parcelaria dende a lei estatal de 1952 ata a autonómica de mellora da estrutura territorial de Galicia de 2015. Como diciamos nel, cos seus defectos, ata a data ningún outro instrumento se amosou tan efectivo na ampliación do tamaño das parcelas de cultivo, e de recuperación da superficie agraria útil (SAU).

Mediante as leis 7/2007, de 21 de maio, do Banco de Terras de Galicia, e 6/2011, de 13 de outubro, de mobilidade de terras, buscáronse fórmulas para aumentar a base territorial das explotacións que non implicaran a modificación da propiedade e ademais, obrigaran aos propietarios absentistas a arrendar as parcelas en estado de abandono. O Banco de Terras pasou a xestionar a oferta e demanda das parcelas que os propietarios poñen voluntariamente á súa disposición, ademais das masas comúns resultantes dos procesos de concentración parcelaria. Constatándose a demanda real de superficie agraria, o Banco de Terras atópase de novo co problema do minifundismo, resultando de superficie insuficiente para as necesidades das explotacións actuais a maior parte das parcelas ofertadas.

O Banco de Terras atópase co problema do minifundio, pois a maior parte das parcelas ofertadas carecem de dimensión suficiente para as necesidades das explotacións actuais

De acordo co que se adianta dende a Consellería do Medio Rural, a futura lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias que está a ultimar o goberno autonómico, vén a reforzar o papel do Banco de Terras e engade dúas novas ferramentas de ordenación rural: os polígonos agroforestais e as aldeas modelo. Aínda que varios proxectos destas últimas estanse a desenvolver aplicando a Lei 6/2011, de mobilidade de terras, a nova lei pretende mellorar os mecanismos de declaración de abandono, xestión de parcelas de propietario descoñecido e incorporación de predios ao Banco de Terras, así como regular o procedemento.

Os proxectos de aldeas modelo están destinados á recuperación de terreos abandonados ou infrautilizados ao redor de núcleos de poboación, coa dobre finalidade de eliminar a acumulación de biomasa e o conseguinte risco de incendio, e favorecer unha actividade económica neses núcleos que evite o seu despoboamento. Polo tanto, os proxectos de aldeas modelo concíbense como actuacións destinadas a un problema concreto que en Galicia preséntase principalmente en varias zonas da provincia de Ourense e sur da de Lugo, podendo converterse nunha ferramenta moi útil para fixar poboación nesas zonas.

“Os polígonos forestais e as aldeas modelo son válidos para zonas de Galicia nas que existe abandono de terras agrarias, pero non para as zonas agrarias produtivas, nas que non hai abandono”

O outro instrumento que introduce a lei son os polígonos agroforestais. Trátase de poñer en produción superficies con potencial agrario ou forestal, que presenten un determinado grao de abandono. Iniciaranse sempre que exista un promotor, que presente un proxecto viable e que estea comprometido a realizar os investimentos necesarios en infraestruturas. Para desenvolverse, precisarán do acordo da maioría dos propietarios e contarán cos mesmos mecanismos que as aldeas modelo para a inclusión no proxecto de parcelas en estado de abandono e de propietario descoñecido. Incluso contempla a posibilidade de reestruturación parcelaria conforme á lei 4/2015, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, no interior do polígono. Esta ferramenta facilitará que agricultores ou inversores que precisen superficie para o desenvolvemento de proxectos de produción agraria poidan realizalos, conseguíndose así unha nova vía de investimentos no rural.

Os proxectos de aldeas modelo e polígonos forestais son dúas ferramentas que poden ser moi útiles nos casos concretos nos que son aplicables, é dicir, nas zonas nas que existe abandono de terras agrarias, e sempre que se priorice a recuperación de SAU. As zonas agrarias produtivas de Galicia seguen a necesitar incrementar a base territorial das explotacións para garantir a súa rendibilidade. Nestas zonas non existe mais abandono que o das parcelas que polas súas características non son rendibles coas técnicas actuais de cultivo. Para estas zonas, a reestruturación parcelaria segue a ser a ferramenta que, ademais de reunir a súa propiedade en fincas de maior tamaño, permite ás explotacións comprar ou arrendar fincas dun tamaño suficiente que faga viable o cultivo.

“É un feito contrastado que moitas explotacións están dispostas a percorrer quilómetros para sementar millo ou herba, pero sempre que se trate de parcelas de varias hectáreas”

É un feito contrastado que moitas explotacións gandeiras están dispostas a percorrer varios quilómetros para ir a outras parroquias ou concellos a sementar millo ou herba para forraxe, sempre que se trate de parcelas de varias hectáreas. Nas zonas gandeiras de Galicia, as concentracións parcelarias rematadas rexistran maior mobilidade de terras que as non concentradas ao aumentar a oferta de fincas de máis extensión e, consecuentemente, máis rendibles. Sería moi necesario rematar as zonas de concentración pendentes e, ao menos, decretar unha nova zona por cada unha que se peche.

En conclusión, aldeas modelo, polígonos forestais e reestruturación parcelaria son tres ferramentas complementarias destinadas a incrementar a rendibilidade do medio rural e, dese modo, mellorar as súas condicións de vida, frear o seu despoboamento e manter a biodiversidade.

*José Antonio González Ferreira

José Antonio González Ferreira é enxeñeiro agrónomo e escribe este artigo en nome do grupo de opinión 'O Rural importa', conformado por técnicos agrícolas e diversas entidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información