Baixadas nos becerros de recría en Silleda

Cotizan á baixa as seccións de recría frisoa na Central Agropecuaria de Galicia. Rexístranse reducións dos prezos medios en boa parte das seccións dos becerros carniceiros. Mantense á alza o porcino e o mercado do ovo

Baixadas nos becerros de recría en Silleda

Recría nas instalacións da Central Agropecuaria. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha nova baixada xeral dos prezos da recría, en especial nos animais de raza frisoa. Nos becerros carniceiros a tendencia foi tamén á baixa con algunhas excepcións. No vacún maior, as seccións de maior calidade cotizaron á alza e no resto houbo unha redución dos prezos medios. As mesas de cotización do porcino mantéñense con subas, tanto nos porcos cebados coma nos leitóns. O mercado do ovo está tamén a ter subas nalgunhas das categorías.

Facemos un repaso detallado polos prezos medios das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 103 euros, o que amosa unha redución de 41 euros con respecto da semana pasada. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio caeu 32 euros e sitúase nos 141 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días amósase unha redución de 48 euros no valor medio con respecto da semana pasada. Así, nesta feira o prezo medio foi de 176 euros.

Nos becerros de cruzamentos industriais houbo tanto baixadas como subas dos prezos nas distintas seccións con respecto dos valores da semana anterior. Os machos máis novos, os de menos de 20 días descontaron 48 euros e o prezo medio sitúase agora nos 221 euros. As femias desta categoría reduciron o seu valor en 6 euros e cotízanse a 202 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando, produciuse unha suba de 6 euros e quedan nos 288 euros. As femias de dita sección descontaron 11 euros e o valor medio é de 214 euros. Os machos de máis de 50 días conseguiron unha suba de 51 euros, polo que se sitúan nos 492 euros. As femias desta categoría tamén rexistraron un incremento, de 15 euros, e o prezo medio é agora de 382 euros.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros, os animais frisóns tiveron un prezo medio de 748 euros, o que amosa unha baixada de 30 euros con respecto da semana anterior. Os tenreiros de cruces industriais cotizáronse a un prezo medio de 1.072 euros, cunha suba de 14 euros. Nas femias o incremento foi de 18 euros e agora o valor medio é de 938 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega, o prezo medio situouse nos 1.044 euros, logo de descontar 30 euros. Nas femias desta raza produciuse unha baixada de 81 euros e o valor medio é de 1.025 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema, o prezo medio acadou os 1.026 euros, logo dunha baixada de 100 euros.

No vacún maior os animais das categorías con maior calidade experimentaron subas mentres que no resto houbo unha baixada dos prezos. As vacas da extra lograron unha suba de 90 euros e o valor medio acada os 2.111 euros. Os animais de primeira tiveron un incremento de 8 euros e sitúanse nos 1.165 euros. As vacas de segunda teñen un valor medio de 769 euros, logo dunha baixada de 12 euros. Os animais de desfeito tamén tiveron unha redución do valor medio. Neste caso foi de 36 euros e pasan a cotizarse a 498 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio queda nos 2.138 euros, logo dunha suba de 423 euros.

Central Agropecuaria Vacuno 19_07_2022

Subas nos prezos do porcino

Este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou unha suba xeral dos prezos, tanto do porco cebado coma dos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,715 e 1,690 euros o quilo, respectivamente, logo dun incremento de 0,01 euros. Os porcos de Canal II están a 2,195 euros ó experimentar unha suba de 0,013 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios. Cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.

Nos leitóns a suba dun euro deixa os exemplares chegados dunha única granxa nos 53 euros (cun prezo de 2,65 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías a 48 euros e cun prezo por quilo de 2,4 euros.

O mercado do ovo rexistrou subas nalgunhas das seccións esta semana. Os ovos da XL tiveron un incremento de 0,05 euros e cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L conseguiron unha suba de 0,03 euros e acadan os 2,15 euros a ducia. O resto das categorías mantéñense sen cambios. Así, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Central agropecuaria porcino 19_07_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información