Baixada do gando vacún e suba do porcino e dos ovos en Silleda

Nas mesas de prezos acordouse subir as cotizacións do porco cebado e a dos ovos. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 28 de marzo

Baixada do gando vacún e suba do porcino e dos ovos en Silleda

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia Abanca caracterizáronse pola baixada nos prezos do gando vacún, tanto becerros de recría como vacún maior, e pola suba acordada para porco cebado, leitóns e ovos. O coello mantense sen cambios na Lonxa de Madrid.

En concreto, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes baixaron en todas as categorías. Así, na de menos de 20 días, a cotización media baixou ata os 113 euros, fronte aos 117 da pasada semana. Na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media tamén caeu ata os 133 euros por xato, doce menos que o pasado martes. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, os prezos baixaron ata unha media de 149 euros, fronte aos 170 da semana anterior.

En canto aos becerros de Cruzamento industrial, as oscilacións nos prezos esta semana foron tamén á baixa. Así, na categoría de menos de 20 días, as cotizacións medias caeron nos machos ata os 302 euros, fronte aos 319 da pasada semana. Nas femias, porén, houbo repunte: 219 euros fronte aos 187 do pasado martes.

Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou, quedando nos 311 euros de media, vinte e tres menos que o pasado martes. Nas femias o prezo medio tamén baixou: 221 euros, fronte aos 232 da anterior poxa. Nos xatos de máis de 51 días o prezo medio tamén caeu ata os 472 euros, fronte aos 504 euros de media da pasada semana.

No vacún maior a tendencia xeral foi a unha pequena caída dos prezos. Deste xeito, quedaron en 1.063 euros de media en categoría primeira, 714 en segunda -a máis numerosa- e 445 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.045, 743 e 4705 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

Silleda_vacun_5_3_17

Suba dos ovos e e sen cambios no coello

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha semana máis subir as cotizacións, agás na XL, que quedou nos 1,40 euros a ducia. A L e a M subiron un 0,03% ata os 1,29 euros e 1,22 euros a ducia, respectivamente. A S revalorizouse un 0,02% ata acadar os 1,01 euros.

Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter os prezos da pasada semana: 1,70 euros o quilo.

Suba do porco cebado e dos leitóns

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou esta semana subir de novo as cotizacións. Así, nas categorías Selecta e Normal as cotizacións subiron un 0,02%, acadando os 1,315 e 1,290 euros por quilo, respectivamente; a Canle II subiu un 0,026% ata os 1,675 euros por quilo. O desvelle tamén subiu un 0,02%, quedando nun intervalo de prezos de entre 0,86 e 0,92 euros o quilo.

En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións repuntaron esta semana un 0,04% ata os 1,610 euros o quilo, unha suba seguida nos principais países da Unión Europea.

En canto aos leitóns, e tras varias semanas con prezos estables, acordouse subir as cotizacións un 2% ata os 59 euros para os procedentes de varias explotacións e os 64 euros para os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

Silleda_porcino_5_3_17

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información