Inaugurada en Lugo a exposición ‘Crónica da pegada do porco celta en Galiza’

A mostra está organizada por Asoprocel e a vicepresidencia da Deputación.

Inaugurada en Lugo a exposición ‘Crónica da pegada do porco celta en Galiza’

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, inauguraron no Mercado Municipal de Lugo a exposición ‘Crónica da pegada do porco celta en Galiza’, organizada pola ASOPORCEL en colaboración coa vicepresidencia da Deputación. Cristina López afirmou que “con esta iniciativa seguimos a potenciar o atractivo da Praza de Abastos e do Mercado Municipal”, e agradeceu á ASOPORCEL que escolleran esta ubicación para a súa mostra itinerante.

A través desta mostra trátase de achegar ao público visitante e, en definitiva, aos consumidores, o labor desenvolvido polos gandeiros e produtores a prol da conservación e posta en valor desta raza porcina, ademais de informar das características e propiedades das súas viandas, chega ao Mercado Municipal do Concello de Lugo, despois de pasar polas instalacións da Biblioteca Intercentros e da Facultade de Veterinaria do Campus Lugo e na Feira ExpoLugo que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo os días 7 e 8 de Outubro.

A mostra, que permanecerá accesible para calquera persoa durante o horario de apertura do Mercado Municipal, complétase cunha pequena galería expositiva na que se amosa material gráfico e documental procedente do Arquivo persoal de Juan Rof Codina, que está depositado na citada biblioteca da sede universitaria luguesa.

A apertura desta mostra monográfica arredor da raza porcina celta e da súa evolución durante o último século espertou interese entre os membros dos postos do mercado e da praza de abastos, así como dos usauarios habituais das mesmas.

A exposición está estruturada en diversos paneis informativos, nos que se conxugan textos e imaxes representativas da época na que o veterinario Juan Rof Codina (1874-1967) fixo a primeira caracterización do porco celta, tal e como se coñece o manual ‘El cerdo céltico y sus derivados españoles’, publicado en 1947. Esta obra, cuxo orixinal tamén permanece exposto nas instalacións da Biblioteca Intercentros, recolle por vez primeira a identificación das distintas variantes da raza de porco celta, segundo a área xeográfica e a configuración do terreo no que se atopan.

Deste xeito, Asorpocel achega a través da mostra ‘Crónica da pegada do porco celta en Galicia’ unha ‘viaxe ilustrada’ sobre as distintas peripecias que acompañaron á raza porcina celta, que pasou de ser a raza dominante en Galicia a comezos do pasado século a pouco menos que desaparecer algunhas décadas despois por mor da incorporación doutras razas que ofrecían un maior rendemento e un crecemento máis rápido.

Esta etapa de esquecemento comezou a remontar na década dos anos 80, cando a raza porcina celta estaba en serio perigo de extinción, aínda que o inicio da súa recuperación non se produciría ata dúas décadas despois, cando en 1999 se puxeron en marcha os medios técnicos e infraestruturas apropiadas para a súa recuperación e para rescatar o seu patrimonio xenético.

Estas accións propiciaron o rexurdimento do Porco Celta, que hoxe, grazas ao empeño dos seus criadores e de Asoporcel, ve garantida a continuidade da raza e súa crecente valorización. A Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) conta coa axuda excepcional de 1815 euros por parte da área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, para os gastos asociados á montaxe desta exposición fotográfica itinerante

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información