Aprobado un decreto que lle esixe ás granxas avícolas un plan de xestión de estercos

O Ministerio sinala que a nova normativa busca mellorar o benestar animal e reducir o impacto ambiental da actividade

Aprobado un decreto que lle esixe ás granxas avícolas un plan de xestión de estercos

O Consello de Ministros aprobou un novo real decreto polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas avícolas. A normativa, segundo o Ministerio, suporá unha mellora nas condicións de sanidade animal e ambiental, pois actualízanse as anteriores normas, que databan do 2005, e incorpórase ao sector avícola de posta, que carecía de regras específicas.

As principais novidades que recolle a norma articúlanse ao redor de dúas grandes áreas: reforzar os requisitos en materia de sanidade animal e bioseguridade das granxas, co fin de manter un status sanitario adecuado nas mesmas, e adoptar compromisos en materia de medio ambiente, relacionados coa protección da auga, o aire, os solos e a loita contra o cambio climático.

Neste ámbito, a norma introduce a obrigatoriedade de que as granxas dispoñan dun plan de xestión en estercos, para evitar a contaminación do aire e dos solos, e que formará parte dun plan de xestión ambiental individualizado para cada granxa.

Cálculo de emisións por granxa
A nova norma introduce tamén medidas para a redución das emisións de gases contaminantes, en particular de amoníaco, e de efecto invernadoiro. Así, cada granxa deberá dispor, de maneira individualizada, dun rexistro de emisións, no que se precisarán as técnicas utilizadas para a súa redución (‘mellores técnicas dispoñibles’).

Plan de benestar animal en cada explotación
Cómpre destacar tamén a consolidación do marco normativo actual en materia de benestar animal, para o que se establecen requisitos horizontais en formación, incorpóranse recomendacións de benestar animal para aquelas especies que non contan con normativa específica da UE e esíxese un plan individual para cada granxa, que avalíe os potenciais riscos para o benestar dos animais.

Todo iso será posible pola introdución de maneira obrigatoria da figura do veterinario de explotación, que será o responsable de asesorar sobre os aspectos relacionados coa sanidade e o benestar dos animais.

Por outra banda, para mellorar e garantir o cumprimento dos requisitos que establece a norma, introdúcese a obrigación de contar cun sistema integral de xestión na granxa, onde queden recollidos os distintos plans e protocolos implantados na mesma en ámbitos sanitarios, de limpeza, mantemento das instalacións, benestar animal, xestión de estercos ou de distintos residuos, e formación e control de antibióticos, entre outros aspectos.

O Ministerio, por último, sinala que a publicación deste novo real decreto permitirá establecer as bases para o desenvolvemento ordenado da actividade nos próximos anos, integrando os principais retos aos que se enfronta o sector, e que definirán en gran medida a súa posición competitiva tanto nos mercados mundiais como ante a sociedade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información