A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega segue adiante co seu calendario de poxas e trasládase este sábado a Fonsagrada para celebrar a súa tradicional poxa de xovencas no mercado gandeiro. A partir das doce da mañá, poderanse á venda catro touras preñadas de entre 25 e 26 meses, preñadas duns 6 ou 7 meses, todas elas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo.
Os interesados en tomar parte nesta poxa, poderán retirar o seu cartón acreditativo, desde unha hora antes da poxa, e os que decidan poxar por un destes exemplares, contarán coa axuda á compra de 200 euros por animal, por parte da Caixa Rural Galega.
Como é habitual cos exemplares que levan ás distintas poxas organizadas por Acruga, os animais do centro de recría chegan aos distintos recintos gandeiros acreditados pola súa alta calidade xenética, que no caso dos animais que se poderán ver na Fonsagrada, presentan unha xenealoxía touros tan coñecidos polos criadores lucenses como Rufino, Vitolo ou Quijano. Estes animais, aínda que pasaron o tempo de recría na Granxa Gayoso castro, proceden de explotacións de Castro de Rei, Vilalba, Láncara e Pol.
Precisamente, un destes concellos, o de Láncara, será o escenario da próxima gran cita de Acruga, a da Festa da Tenreira Galega, o próximo 1 de maio, un dos eventos máis importantes en canto á exaltación da carne de calidade, na que Acruga estará presente cunha exposición dos mellores exemplares da Raza Rubia Galega. Este ano, por primeira vez, completará a súa participación coa poxa de exemplares, respondendo así á chamada do propio Concello de Láncara e á demanda de exemplares de Raza Rubia Galega por parte dos criadores.