A axuda europea ao lácteo será para as ganderías que non aumenten vacas en 2017

A axuda por vaca situarase nun máximo de 60 euros por vaca. O Ministerio remite a proposta ás Comunidades Autónomas e ao sector, antes da súa aprobación. A axuda abonarase coa PAC de 2017

A axuda europea ao lácteo será para as ganderías que non aumenten vacas en 2017

As ganderías non poderán incrementar as vacas en 2017

Finalmente o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (Magrama) optou por destinar os 14,6 millóns de axudas extraordinarias europeas ao sector lácteo para frear o aumento da produción.

En concreto, fontes participantes na negociación informan a Campo Galego que o Ministerio destinará esta axuda ás ganderías de vacún de leite que no ano 2017 teñan igual ou menor número de vacas en produción que en 2016. A axuda será para as primeiras 75 vacas cun importe máximo de 60 euros por animal. A axuda abonarase previsiblemente xunto coa PAC de 2017, co que os gandeiros non a percibirían, como moi pronto, ata novembro do próximo ano.

“A Comisión Europea esixiu que as axudas non podían ser para aquelas ganderías que aumentasen a produción de leite, polo que finalmente o Ministerio optou por estas condicións”, aseguran fontes participantes na negociación.

En canto ao tipo de ganderías ás que beneficiarían, fundamentalmente serán aquelas que non teñen vocación de continuidade e que non aumentan produción, aproximadamente o 50% das existentes en Galicia.

O Ministerio abre agora un período de consultas coas Comunidades Autónomas e cos representantes do sector con vistas a que o novo Goberno publique o decreto de axudas no BOE nas próximas semanas. Antes do 30 de novembro, o Goberno debe notificarlle á Comisión o programa nacional de medidas concretas adoptadas.

Francia duplica a axuda

A Comisión Europea permite que os Estados membros poidan complementar estas axudas europeas para os produtores -350 millóns, dos que 14,6 corresponden a España-. Con todo, o Ministerio xa anunciou que os recortes de máis de 5.000 millóns impostos pola Comisión Europea impedirán estas achegas nacionais.

Distinto caso é o de Francia, onde o Ministerio de Agricultura dobrou os 49,9 millóns de euros de axudas europeas que lle corresponderon, con outros 50 millóns máis de fondos estatais.

A axuda está a destinala a complementar a axuda europea para reducir a produción láctea. En concreto, o Ministerio francés axuda aos gandeiros que se acollen ao plan da Unión Europea con 24 céntimos por litro para o 5% da cantidade que gandeiro se comprometa a reducir, mentres que o 95% restante recibe unicamente a axuda europea de 14 céntimos por litro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información