Galicia acollerá este vindeiro sábado, 17 de xuño, o primeiro foro que se celebra en Europa organizado por un sindicato agrario sobre a relación entre as persoas Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais (LGTBI) e o mundo rural.
A xuntanza, que leva por título “O rural galego entende. Faite ver!”, celebrarase na Casa da Curiscada, en Arzúa, e está organizado pola Asociación Punto Delas e o Sindicato Labrego Galego, co apoio da Deputación da Coruña.
Na presentación do foro este luns en Santiago de Compostela, María Ferreiro, membro da Executiva do SLG e responsábel da Secretaría das Mulleres, salientou que “o obxectivo é facer visible para o resto da sociedade a realidade das persoas Lgbti que residen no rural, un espazo que tamén é diverso no afectivo sexual”. Ademais, salientou que con esta iniciativa, que se suma a outras xa consolidadas como o Festival Agrogay da Ulla, “Galicia é pioneira na introdución da cuestión Lgbti e o rural”.
Pola súa parte, Ángel Amaro, sociólogo e activista LGTBI residente no rural galego, destacou que os obxectivos deste foro son “transladar que o rural é diverso e ten futuro, que no agro galego hai moito espazo para a creación colectiva, apostar por unha axenda agroecolóxica para o campo e tecer alianzas entre as asociacións Lgbti cos sindicatos agrarios e con activistas culturais”.
“O movemento Lgbti xira en torno a Chueca e as grandes cidades e esqueceuse do rural”
Ademais, subliñou que este evento tamén persegue “tratar de desurbanizar o movemento Lgbti”. “Todo xira en torno a Chueca, en torno as grandes cidades, onde a identidade como gay está moi condicionada pola túa capacidade de consumo. No rural hai uns lazos comunitarios máis fortes, menos anonimato, e mesmo diría que menos odio cara o colectivo Lgbti”, asegurou.
Neste sentido, Ángel Amaro animou ás demais organización agrarias “a que tamén se abran a este debate e a que a xente saia do armario no sindicalismo agrario”.
Para poder participar no foro “O rural galego entende. Faite ver!” é preciso inscribirse enviando un correo a rural.lgbti@gmail.com
Velaquí o programa da xornada: