Convocadas as axudas á valoración e a segunda transformación da industria da madeira e do contract

Convocadas as axudas á valoración e a segunda transformación da industria da madeira e do contract

A Xunta convoca este ano 2,6 millóns de euros para o período 2023-2024 -un 30% máis que nos últimos exercicios- en axudas á valoración e a segunda transformación da industria da madeira e do contract. Por primeira vez neste tipo de convocatorias, establécense ademais cinco liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural.

Así, a primeira abrangue a competitividade e valoración, vencellada á compra de nova maquinaria para procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabados da madeira. Mentres, a segunda refírese a todo o relativo á compra e venda de maquinaria vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción, co obxectivo neste caso de consolidar o segmento do contract en Galicia como punteiro a nivel internacional, competindo coas súas propostas de equipamento integral para uso colectivo por diversos proxectos en materia de retail, horeca (hoteis, restauración e cafeterías) e iates/superiates en diferentes países do mundo. Cabe apuntar que ambas as dúas liñas inclúen obras, instalacións ou bens de equipo necesarios para os proxectos en cuestión.

Por outra banda, a terceira liña abrangue o relativo á mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables ou solucións a través de servizos de deseño, desenvolvemento e implementación de estratexias mediante a avaliación e análise de retos empresariais encamiñados a mellorar a produtividade dos procesos industriais, o desenvolvemento de novos produtos/solucións ou á diversificación a través de novos modelos de negocio.

Mentres, a cuarta refírese a certificacións da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental; a informes, servizos, bens, equipos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e medioambientais, entre outros; e a ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado. Por último, a quinta liña abrangue as cuestións vencelladas coa seguridade e a saúde na contorna laboral, como a implantación e certificación de estándares de seguridade e a creación de servizos mancomunados.

Canto aos beneficiarios destas axudas, serán as pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract radicadas en Galicia que utilicen madeira e os seus derivados, como a resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para a liña referida á seguridade e saúde na contorna laboral, tamén poderán ser beneficiarias, entre outras, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e presten estes servizos ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

A convocatoria establece unha reserva mínima de importes para cada unha das liñas citadas. En calquera caso, se non houbese suficientes solicitudes para cubrilas, estes remanentes orzamentarios pasarían a outras liñas con maior demanda.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá, día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia

Ligazón á orde de axudas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información