Jaime Yartu San Millán, novo presidente de Provacuno

A Interprofesional da carne de vacún renova a súa xunta directiva. O apoio á investigación e a internacionalización son os retos de futuro do colectivo

Jaime Yartu San Millán, novo presidente de Provacuno

O vicepresidente, presidente, tesoureiro e secretario da nova xunta directiva de Provacuno durante a celebración da asemblea xeral.

A Organización Interprofesional da Carne de Vacún (Provacuno) acaba de renovar a súa xunta directiva durante a celebración en Madrid da súa asemblea xeral. Jaime Yartu San Millán foi nomeado novo presidente tras recibir o apoio unánime das diferentes asociacións que integran a Interprofesional.

O novo presidente amosaba o seu agradecemento por confiar e apoiar a súa candidatura, da que se sente “profundamente orgulloso e á que dedicará tempo e esforzo para representar a un sector tan importante para a sociedade como é o vacún de carne”. Jaime Yartu San Millán é licenciado en economía e dereito e leva toda a vida vinculado ao sector cárnico. O novo presidente é consciente do papel estratéxico do sector de vacún de carne, así como do difícil escenario que atravesa o sector onde “a carestía de produto, o aumento dos custos de produción e os sobrecustos lexislativos colócannos nunha situación complexa”, lembra.

Tras esta Asemblea Xeral a xunta directiva de Provacuno queda da seguinte maneira:

• Presidente: Jaime Yartu San Millán (ANICE)
• Vicepresidente: Raúl Sanz (COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS)
• Secretario: Joan Algueró (ASOPROVAC)
• Tesoureiro: Josep Friguls (ANAFRIC)
• Vogais:
◦ Manolo Vázquez (ASAJA)
◦ Román Santalla (UPA)
◦ Joaquín Gargallo (COAG)
◦ Pol Viñals (FECIC)
◦ Cecilio Folgado (AGEMCEX)
◦ María Sánchez (CEDECARNE)
◦ Octavio Gonzalo (COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS)

Pola súa banda, Eliseo Isla, antes de abandonar o seu cargo como presidente, puxo en valor o traballo realizado como representante de Provacuno nestes anos. Isla destacou os logros conseguidos: “fomos capaces de abrir importantes países para a exportación como Xapón, realizamos campañas de comunicación transcendentais para mellorar a percepción do noso sector e produto, e puxemos en marcha excelentes proxectos en favor da sustentabilidade e do benestar animal, e, todo isto, con situacións moi complexas froito da pandemia do Covid-19”.

JuntaDirectivaPROVACUNO_1

Participantes da asemblea xeral de Provacuno.

Retos e obxectivos do novo equipo

Entre os próximos retos da nova directiva para Provacuno, Yartu sinala a necesidade de seguir apostando pola investigación para afrontar o futuro con garantías, así como por mostrar a realidade do sector. O presidente electo tamén subliñou que este sector “é exemplo de competitividade, rastrexabilidade, sustentabilidade, benestar animal e calidade”.

O novo equipo afronta esta etapa co obxectivo de seguir traballando na internacionalización do sector, coa apertura de novos mercados e a consolidación dos xa abertos, de dar resposta ás novas tendencias do consumidor e de mellorar a competitividade da cadea a través da investigación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información