O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas cerra o exercicio 2021 cunhas cifras de ventas históricas, con referencia a 36.730.041 contraetiquetas expedidas polo Órgano de Control e Certificación. Esta cantidade representa un aumento do 14,63% con respecto ao exercicio anterior. Os datos récord tamén están en torno ao número de litros de viño verificados polo departamento, os cales ascenderon a 27.547.531.
Os viños desta D.O. mantiveron unha tendencia ascendente a pesar da crise sanitaria e da incerteza vivida no último ano. Segundo detallan desde a D.O., “esta mostra de fortaleza é posible grazas ao esforzo dun sector cohesionado, adegas e viticultores, que seguen apostando pola calidade e versatilidade dos seus viños, baseando a súa estratexia no potencial das súas variedades autóctonas e na estrutura do seu modelo produtivo”.
As cifras que manexan en termos de produción auguran un bo comportamento dos viños desta Denominación para o presente exercicio 2022. Da mesma maneira, queda patente a aposta deste Consello Regulador por un modelo de produción sostible que reforza o vínculo co medio rural co que se asenta a D.O. O avance cara o uso de técnicas ecolóxicas para a produción está sendo outro dos fitos que comeza a influír na viticultura das Rías Baixas.