Un total de 175 viticultores da Denominación de Orixe Valdeorras enfróntanse a multas de ata 2.001 euros por entregar nas adegas máis uvas das declaradas na vendima de 2014. As cartas de sanción da Consellería de Medio Rural chegáronlles a finais de agosto e neste momento os viticultores están á espera de que a administración autonómica responda ás alegacións que presentaron en conxunto a través dos avogados das cooperativas vitivinícolas.
A situación afecta a 175 viticultores, sobre un total duns 1.500 viticultores da Denominación de Orixe Valdeorras. Os máis afectados son os membros das cooperativas do Barco de Valdeorras (que engloba tamén á de Larouco dende o ano pasado) e á da Rúa.
2001 euros de sanción por un exceso de 100 kilos
Tal e como se detalla na carta de sanción á que tivo acceso Campo Galego, a Consellería do Medio Rural e do Mar aplica sancións aos viticultores por unha infracción grave da Lei 24/2003 da Viña e o Viño. A multa económica vai neste caso dende os 2001 euros ata os 30.000.
No caso deste viticultor, a sanción foi por sobrepasarse na campaña 2014/2015 nuns 100 kilos de uva de Palomino. A produción máxima autorizada para esta parcela no Consello Regulador da DO Valdeorras era de 1.334 kilos e o viticultor entregou 1.580 kg, que unha vez aplicada a marxe de erro do 5%, dan arredor de 100 kilos de exceso.
“Unha situación inxusta para os pequenos viticultores”
Para Ángeles Rodríguez, portavoz do Sindicato Labrego Galego en Valdeorras, “o descontento entre os viticultores é grande porque non é normal que por pasarse 100 quilos lles chegue unha sanción de 2.000 euros”.
Lembra que “esa uva de Palomino pagouse a uns 30 céntimos, polo que valían 30 euros, pero a sanción é de 2.000 euros”. “Non se ten en contra o prezo da uva nin a cantidade entregada: é unha situación inxusta e causa un gran dano ao pequeno viticultor”, denuncia.
“Nesta vendima quedou uva nas viñas sen recoller por medo a sancións”
A portavoz do SLG en Valdeorras asegura que as cartas de sanción recibidas ao comezo da vendima deste ano estenderon o medo no sector “e moitos viticultores tiveron que deixar uva nas viñas por temor a pasarse uns quilos do tope”.
Ademais, Ángeles Rodríguez advirte de que isto ralentizou e encareceu a vendima, “xa que a xente foi vendimando e levando a uva aos poucos ás cooperativas para non excederse nos topes, pero isto supuxo un maior gasto de tempo e de transporte”.
Os avogados das cooperativas pídenlle á Xunta de Galicia que as infraccións se queden como leves e están á espera da resposta de Medio Rural ás alegacións que presentaron.
E digo eu…. O veedor ¿que andaba a facer? ¿rascando a barriga? por non dicir outra cousa, ¿ou é que nesta denominacion non teñen veedores?
e digo eu …..¿e os veedores que andaban a facer? rascando a barriga ¿ou é que esta denominación non contrata veedores?