Piden no Parlamento maiores axudas para a gandería de carne

O grupo socialista considera que os apoios anunciados pola Xunta só chegan para cubrir un total de 3.400 granxas, de máis de 10.000 que terían dereito ás subvencións pola crise da Covid 19

Piden no Parlamento maiores axudas para a gandería de carne

Gandería de vacún de carne. / Arquivo.

Na última comisión de Agricultura do Parlamento galego, o grupo socialista pediu unha modificación das axudas previstas pola Xunta para as ganderías de vacún de carne. O deputado socialista, Martín Seco, considera que é preciso destinar 24 millóns de euros para paliar as perdas nas granxas derivadas da Covid. “Os apoios que anunciaron vostedes só son suficientes para cubrir as axudas para 3.400 granxas, das máis de 10.000 que terían dereito”, valorou.

A Xunta anunciou recentemente que destinará un total de 24 millóns de euros ó agro para paliar as perdas derivadas da Covid. Desa cantidade, 9 millóns serán axudas directas para as ganderías de vacún de carne, 3 millóns para as empresas de flor e planta ornamental e 12 millóns de euros en préstamos para as adegas, segundo detallou na comisión o deputado popular Daniel Vega.

Os apoios para as granxas de carne son considerados insuficientes polo grupo socialista, que pide ademais cambios na baremación, como que se primen máis as primeiras 20 vacas nodrizas de cada granxa.

Desde o Bloque apoiouse esa proposta e lamentouse a maiores que non haxa transparencia na formación de prezos da carne. O deputado nacionalista Xosé Luis Rivas ‘Mini’ reprochoulle ó PP que eliminara xa hai unha década as Mesas do Leite e de Carne, que servían de foro de interlocución entre produtores e industrias, coa mediación da Administración.

Pola súa banda, o deputado popular Daniel Vega defendeu os apoios programados pola Xunta para a gandería de carne. “O sector quere certezas, como os 9 millóns de euros que lle destinamos en axudas directas”, aseverou. Vega lembrou ademais os apoios a pequenos produtores a través da iniciativa ‘Mercaproximidade’, pola que 400 pequenos produtores (650 explotacións en total) puideron vender os seus produtos nas cadeas de supermercados nos últimos meses, detallou.

Sobre a situación de prezos da carne, o deputado popular considerou que estaban nunha “situación tranquila” antes da crise da Covid e culpou ó Goberno central de non ter avanzado máis na Ley de la Cadena Alimentaria, que establece normas en relación ós custos de produción e á contratación dos produtos agrarios.

Axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais
Outra cuestión abordada polo grupo socialista foi a incertidume que hai para os próximos dous anos sobre as axudas agroambientais, que benefician principalmente ás granxas de carne, e sobre os apoios para zonas con limitacións naturais. Hai temor a que durante o periodo de transición da PAC, ata o 2023, non haxa fondos para esta cuestión, polo que o PsdeG reprochoulle á Xunta que non reprogramara o actual Plan de Desenvolvemento Rural para reservar fondos para estas liñas.

Desde o grupo popular, o deputado Daniel Vega considerou que esa reserva de fondos non era precisa, pois “as explotacións si que van cobrar axudas agroambientais, axudas para a produción ecolóxica e axudas para zonas con limitacións naturais”, asegurou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información