Ó igual que fixeron xa outros sectores produtivos como o lácteo ou o cunícola, os gandeiros de vacún de carne levan tempo procurando un marco legal que ampare e xestione as organizacións de produtores (OP), coas que conseguir unha maior capacidade de negociación para os gandeiros. A inestabilidade política dos últimos meses parece estar a condicionar a tramitación do borrador do real decreto polo que se rexirá a xestión destas OP, se ben desde o sector espérase que o decreto saia adiante en breve, unha vez constituído o novo Goberno.
Neste documento, tramitado xa hai meses, aséntanse as bases destas organizacións tanto para vacún como para caprino e ovino. En Galicia, comezaron xa a darse os primeiros pasos para se constituír organizacións de produtores de vacún, aínda que a falta dun marco legal aprobado ralentizou o proceso.
Requisitos mínimos das Organizacións de Produtores
O borrador do decreto detalla, entre outros temas, os requerimentos que deben cumprir as organizacións de produtores para ser consideradas como tal. Un dos principais requisitos é que estas organizacións só poden estar integradas por gandeiros de vacún de carne.
As agrupacións teñen que estar reguladas por estatutos e pensadas para concentrar a oferta e a comercialización da produción dos membros. De feito, tamén se estipula que o 100% da produción dos socios debe comercializarse a través da organización. Os gandeiros tampouco poderán figurar en varias Ops e deben pertencer á entidade por un período mínimo de 2 anos.
Os gandeiros teñen que comercializar toda a produción a través da organización
A maiores, tal e como recolle o documento, as organizacións teñen que procurar algunha das seguintes finalidades:
- Garantir que se planifique a produción e se axuste á demanda, sobre todo en canto a cantidade e a calidade.
- Optimizar os custes de produción e os beneficios das inversións relacionadas co medio ambiente e o benestar dos animais. Tamén deben de procurar estabilizar os prezos de produción.
- Promover unha produción sostible, prácticas innovadoras e o coñecemento da evolución do mercado e a competitividade económica.
- Fomentar o emprego de técnicas respectuosas co medio ambiente e o benestar animal.
- Procurar mellorar a calidade dos produtos, proporcionando asistencia técnica nas normas de produción, desenvolvendo carne ou derivados con denominación de orixe protexida ou cubertos por unha etiqueta de calidade.
- Preservar a calidade do solo, a auga e a biodiversidade da paisaxe mediante a xestión dos subprodutos e os residuos. Tamén se contempla que estas organizacións poidan contribuir a un uso sostible dos recursos naturais e a mitigación do cambio climático.
- Desenvolver iniciativas para a promoción e comercialización da carne.
- Proporcionar asistencia técnica para a utilización de novos mercados de futuro e sistemas de seguro.
Un dos obxectivos é que as organizacións de produtores fomenten o traballo conxunto en tarefas básicas para as ganderías
Traballar en conxunto
Para conseguir algúns destes obxectivos, o borrador sinala que as organizacións afrontarán de forma conxunta algunhas das tarefas básicas para os produtores na comercialización da carne, como a transformación, a distribución mediante plataformas de venda ou transporte conxunto, o envasado, etiquetado ou a promoción e o control de calidade dos produtos.
Tamén se baralla que as organizacións dispoñan de instalacións e equipos que poidan empregar os socios. A xestión dos residuos ou a compra das materias primas son outros aspectos que se poden abordar en conxunto para conseguir unha maior rendibilidade.
Tamaño mínimo
Ademais de traballar de xeito conxunto, é preciso que estas organizacións agrupen un mínimo de produción a comercializar ó longo do ano. En concreto, no caso das Ops de vacún de carne, os cebadeiros deben dispor de alomenos 15.000 becerros.
Esta cantidade redúcese a 1.500 animais no caso das denominacións de calidade, nas que se inclúen dende indicacións xeográficas protexidas, denominacións de orixe protexidas, especialidades tradicionais garantizadas, gandería ecolóxica e gandería integrada.
O volume mínino de produción no caso de ganderías de reprodución para produción de carne e mixtas sitúase en 15.000 unidades de gando maior (UGM) e no caso das categorías de calidade o número redúcese a 2.500 UGM presentes na gandería.
Os termos das negociacións
O decreto que regulará as organizacións de produtores tamén fixa os termos para que se leve a cabo unha negociación dos contratos para a comercialización da produción dos socios. Recoñécese que estas entidades terán a capacidade para negociar contratos para o suministro de animais vivos e produtos agrarios no nome dos socios. Isto levarase a cabo sempre que a OP concentre a oferta e comercialice os produtos dos seus membros, independentemente de que os produtores transfiran a propiedade dos produtos agrarios á organización.
A capacidade de negociación real que poidan acadar as OPs é unha das maiores preocupacións dos gandeiros
Tamén cabe a posibilidade de que as OPs non cheguen a realizar esta negociación da produción dun gandeiro socio, no caso de que este estea obrigado a entregar a produción a unha cooperativa que non pertenza á organización.
Precisamente a capacidade de negociación que poidan acadar as OPs é un dos principais aspectos que preocupa no sector gandeiro, xa que será clave para o éxito ou o fracaso destas organizacións. De feito, no sector agrogandeiro abondan os exemplos onde a pesar de contar con Organizacións de Produtores dende hai anos, a súa capacidade de negociación é nula pola negativa das industrias a chegar a acordos colectivos.
De cara a evitar esas situacións, o mandato de negociación será exclusivo, de xeito que a produción dunha gandería só poderá negociala unha única OP e tampouco o gandeiro poderá negociar individualmente as condicións de contratación dos seus animais ou produtos agrarios.
A OP encargarase da negociación dos contratos para comercializar a produción de xeito exclusivo alomenos durante 2 anos
Ó igual que a permanencia mínima á organización por parte dos gandeiros, o período de mandato no que a entidade se encargará da negociación conxunta da produción será de 2 anos. Pasado ese prazo prorrogarase de xeito indefinido ata que o gandeiro comunique a súa retirada, cunha antelación mínima de 2 meses.
Do mesmo xeito que se asentan as bases das organizacións de produtores para regulalas, o borrador tamén contempla unha serie de controis por parte do Ministerio de Agricultura para garantir estas condicións, así como sancións estipuladas polas normas que regulan a produción alimentaria e garanten a defensa do consumidor.