50 aniversario dos Centros de Promoción Rural– EFA de Galicia: Valoracións dende o sector agrogandeiro

50 aniversario dos Centros de Promoción Rural– EFA de Galicia: Valoracións dende o sector agrogandeiro

A formación en alternancia é un dos sinais de identidade das EFA. Na foto, o director da EFA Fonbeboa, Luis García, visitando a alumnos en prácticas nunha gandería de Italia

Os Centros de Promoción Rural EFA de Galicia celebran o seu 50 aniversario e para festexar esta efeméride organizarán un evento conmemorativo o vindeiro 22 de xuño no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.

Recollemos algunhas valoracións de ex-alumnos e de representantes do sector agrogandeiro e forestal:

Jesús Perfecto Fernández Pérez: Ex-alumno e hoxe propietario dunha das ganderías máis punteiras de Galicia

Jesús Perfecto Fernández Pérez é un antigo alumno da EFA Fonteboa de Coristanco, centro no que cursou 4º da ESO e o FP2 de Agraria alá polo ano 2000, o que equivale ao actual ciclo superior de formación profesional, para despois completar a súa formación coa Enxeñaría Agraria en 2008. Describe a súa experiencia no centro como moi boa e de gran valor para o seu futuro profesional, xa que actualmente dirixe unha explotación gandeira de leite, a Gandería de Pazos SCG, con granxas Dumbría e Mazaricos, onde realizan muxido automatizado con once robots.

Do seu período formativo na escola, Jesús destaca a importancia da metodoloxía da alternancia, a través da cal o alumnado combina quincenas de formación na aula e en empresas ao longo de todo o curso académico. Jesús lembrou os intercambios con outros países, a asistencia a un congreso en Bélxica, e as prácticas durante un mes nunha explotación de Francia. “O sistema de alternancia pode baixar un pouco o rendemento académico, pero a práctica no sector é fundamental para dedicarse a este traballo no futuro” –apunta–.

Xoán Camafreita Pastoriza: “A FP proporcionoume unha saída laboral e evitou que tivera que marchar fóra de Galicia”

Xoán Camafreita Pastoriza é un antigo alumno da EFA Fonteboa de Coristanco, onde cursou o FP1 da rama agraria entre 1980 e 1982. Do seu paso pola escola, Xoán destaca o nivel formativo do centro, co sistema de alternancia con formación na clase e prácticas en empresas, ademais da convivencia con todos os compañeiros e profesores. A súa formación agraria pesou moito no seu futuro laboral que, aínda que non especificamente relacionado co campo, si o está co medio rural. Actualmente Xoán traballa como axente forestal. “A FP proporcionoume unha saída laboral e evitou que tivera que marchar fóra de Galicia ou traballar na construción, moi habitual na época” –explica–.

O seu vínculo coa escola está máis vivo ca nunca, e Xoán é actualmente o presidente da Asociación EFA Fonteboa. A entidade, constituída en 1981, ten a finalidade promover a mellora e o desenvolvemento do medio rural, con especial atención á promoción profesional, cultural e social deste medio e das súas persoas mediante accións formativas. Xoán destaca que realizan xornadas formativas sobre gandería e fruticultura, actividade que ten moita aceptación e está destinada á poda e mantemento de froiteiras.

José Manuel Iglesias Vilas, presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia: “As EFAs desenvolven un traballo fundamental para formar a profesionais do sector forestal”·

O presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias Vilas, destaca que a relación coas EFAs sempre foi moi estreita posto que o Clúster está totalmente aliñado cos valores que promulgan estes centros de formación en canto a promover “o sentimento de pertenza ao mundo rural e de defender unha vida apegada á terra”. Ademais, Iglesias considera que os mozos e mozas que hoxe se forman nas EFAs xogarán un papel destacado no futuro do sector da madeira, representando ese cambio xeracional caracterizado pola formación e a vocación ruralista. “Cremos firmemente no traballo fundamental que desenvolven as EFAs Galicia, que garanten a supervivencia dalgúns sectores, como o da madeira, que comezaron a sufrir a falta de traballadores formados” –argumenta–.

Desde fai anos, o Clúster e as EFAs achéganse aos centros educativos e ás empresas para impulsar proxectos conxuntos. É o caso da EFA Fonteboa, coa que o Clúster ten configurado un Ciclo Formativo de Grado Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural, así como o desenvolvemento de certificados de profesionalidade de actividades auxiliares en aproveitamento forestal, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes que, agardan, se imparta o vindeiro curso. Iglesias engade que este ciclo será o primeiro que se imparta en Galicia conforme ao establecido na nova Lei de FP, asumindo as empresas o 50% da formación dos estudantes.

Roberto García, secretario Xeral de Unións Agrarias-UPA: “Colaboramos coas EFAs para afrontar o reto do relevo xeracional e garantir o futuro dun sector esencial”

O secretario Xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García González, sinala que desde a organización valoran moi positivamente o papel das EFAs, e aseguran estar convencidos de que “a formación é un aspecto clave para o desenvolvemento e o futuro do sector agrogandeiro”. Colaboran desde sempre na divulgación e promoción destes centros entre as asociadas e asociados da organización. Tamén teñen participado en xornadas, charlas e encontros, e manteñen a man tendida para colaborar, sempre que teñen a oportunidade, en actividades que permitan “achegar a realidade do sector á mocidade, poñer en valor a actividade agrogandeira e promover o relevo xeracional”.

Roberto García considera que tender pontes e manter un contacto directo entre os distintos elos do sector resulta fundamental para pór en valor unha actividade e un sector de futuro que ten moito que dicir no desenvolvemento socioeconómico do rural. Tamén destaca como fundamental achegar aos futuros profesionais unha visión máis apegada ao día a día. “Nos últimos anos, as explotacións agrogandeiras veñen dando bo exemplo da súa capacidade de adaptación e modernización para seren cada vez máis eficientes e rendibles e adaptarse ás esixencias normativas, e do mercado. Un proceso no que Unións Agrarias tenta ser ante todo unha ferramenta útil para os profesionais do campo” –indica o secretario xeral–. Nese senso, a colaboración coas EFAs permitiulles dar a coñecer o traballo da organización profesional agraria e transmitir información de primeira man relacionada con temas de actualidade de interese para o sector e visibilizar o papel de Unións Agrarias no asesoramento e na xestión do día a día, e tamén na defensa dos intereses do sector.

A modo de previsión futura, Unións Agrarias asegura que continuará á disposición das EFAs para colaborar en actividades de interese e contribuír á formación de agricultores e gandeiros, “acción que nos permitirá superar o reto do relevo xeracional e garantir o futuro dun sector esencial”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información