318 proxectos contarán con axuda dos fondos Leader en Galicia para os anos 2023 e 2024

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolveu as axudas para a execución de proxectos ao abeiro da medida Leader que xestionan os 24 grupos de desenvolvemento rural da nosa comunidade para as anualidades de 2023 e 2024

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, resolveu as axudas para a execución de proxectos ao abeiro da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2023 e 2024.

Así, foron aprobados 318 proxectos encaixados nas estratexias de desenvolvemento local, que permitirán mobilizar investimentos por importe de 36.504.040,02 euros, cunha axuda pública de 14.891.938,47 euros. Os beneficiarios das axudas son as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, as entidades públicas de carácter local ou comarcal (concellos, mancomunidades ou consorcios ) e as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

Os tipos de proxectos agrúpanse en produtivos e non produtivos -solicitados por concellos ou ben por entidades privadas-. Dentro dos proxectos produtivos, lévanse a cabo tanto investimentos de produción agraria como de transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, diversificación das explotacións con actividades non agrarias ou mellora, ampliación e modernización de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias.

Proxectos non produtivos

No apartado de non produtivos englóbanse os proxectos que afecten, interesen ou beneficien dalgún xeito ao conxunto da poboación ou da sociedade en xeral, pero que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica, incluíndo actividades de animación e formación para incrementar a empregabilidade da poboación activa do territorio. A porcentaxe de axuda pública pode chegar como máximo a un 50% no caso dos proxectos produtivos, dependendo do tipo de proxecto, e ao 100 % nos non produtivos.

Neste caso, aprobáronse 318 proxectos, dos cales, 153 foron produtivos, que supoñen un investimento total de máis de 29 millóns de euros, para os que se concedeu unha axuda pública de preto de 11 millóns de euros. Pola súa banda, 118 foron proxectos non produtivos impulsados por concellos, para os que se investirán 5,3 millóns de euros e aos que foron concedidos preto de 3 millóns de euros en axudas. En canto aos proxectos non produtivos de natureza privada, aprobáronse un total de 47 por un importe de 1,8 millóns de euros, que recibirán unha achega de 1,1 millóns de euros. Todas estas entidades, tanto públicas como privadas, dispoñen de prazo ata finais do 2024 para a súa execución.

En canto á tipoloxía dos proxectos aprobados, no que atinxe aos produtivos, estes van desde os establecementos turísticos ou de restauración ata os dedicados á transformación e comercialización de produtos agrícolas ou forestais (nomeadamente as carpintarías). Dentro das iniciativas non produtivas privadas, subvenciónanse as actuacións de distintos tipos de asociacións culturais, deportivas ou sociais, así como de comunidades de montes veciñais en man común. No apartado de proxectos non produtivos públicos, as entidades beneficiarias (fundamentalmente concellos) recibirán axuda para o desenvolvemento de actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural, etnográfico e ambiental, así como de mellora de equipamentos e dotacións.

Distribución por provincias

No reparto por provincias, a da Coruña reúne 90 proxectos en total -cun investimento de preto de 12 millóns de euros e cunha axuda de máis de 4 millóns de euros-; Lugo, pola súa banda, conta con 89 proxectos -por un importe de máis de 10 millóns de euros e cunha achega de máis de 4,1 millóns de euros-. A provincia de Ourense suma 78 proxectos -para os que se investirán preto de 8 millóns de euros, cunha axuda de preto de 4 millóns de euros- e, por último, na provincia de Pontevedra aprobáronse 61 proxectos, que suporán un investimento total de preto de 7 millóns de euros, cunha axuda pública de 2,7 millóns de euros. Cómpre lembrar que o programa Leader se deseña e executa en colaboración cos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural existentes en Galicia, que son entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Existen 7 GDR na provincia de A Coruña, 6 en Lugo, 6 en Ourense e 5 en Pontevedra. A dotación económica da convocatoria de axudas distribúese por GDR conforme ás estratexias de desenvolvemento local.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información