A Xunta anuncia que traballa nun plan de choque no marco da loita contra a avespa velutina. A iniciativa recolle medidas coma o adianto da retirada dos niños, cunha campaña especial de actuación sobre os niños primarios, que son os primeiros en aparecer, e evitar así a súa expansión. Realizarase tamén un trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado, avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores.
O plan prevé tamén accións de formación, información e divulgación entre os efectivos que traballan na loita contra a especie, os profesionais afectados e o conxunto da poboación. A maiores, impulsarase a investigación científica para determinar o método de loita biolóxica máis axeitado para evitar a propagación.
O plan remitiráselles nas vindeiras semanas aos sectores implicados na loita contra esta especie, para que poidan realizar as súas achegas e buscar así o máximo consenso e unión de esforzos nas medidas aplicadas.
No encontro para a elaboración do plan, participaron o vicepresidente primeiro, Diego Calvo, o conselleiro do Medio Rural, José González, e os directores xerais de Administración Local, Natalia Prieto, de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o director xeral de Agricultura, José Balseiros, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro.
A Xunta conta desde 2020 cun plan centralizado de loita contra a vespa velutina, que avanza cada ano coa implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto coa cidadanía complementarias ás chamadas ó teléfono 012, que centraliza os avisos de niños. Por exemplo, a aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final.