A Xunta prepara ‘A Estratexia da Horta’

Publicidade
A Xunta prepara ‘A Estratexia da Horta’

O conselleiro do Medio Rural anunciou que a Xunta ultima a Estratexia da Horta Galega, como folla de ruta para a terceira produción agrícola máis importante na nosa comunidade, tras viñedo e pataca. Fíxoo no Pleno do Parlamento, en resposta a unha interpelación sobre a seca na que lembrou que esta planificación súmase ás xa desenvolvidas para outros sectores claves do noso rural, coma o lácteo, o vitivinícola, o cárnico ou o forestal (este último a través do Plan Forestal de Galicia).

O conselleiro explicou que con esta estratexia para a horta preténdese posicionar este eido e, dentro deste obxectivo xeral, tamén afondar na rama da investigación, que xa está a permitir -salientou- dar con variedades resistentes ás consecuencias do cambio climático e doutras afeccións, como pragas e enfermidades.

En materia de investigación, o conselleiro trasladou que se traballa nun decreto de persoal investigador para consolidar e mellorar as súas condicións perfilando aínda máis as liñas de actuación e a captación de talento.

Grupo de traballo sobre a seca

Sobre a cuestión específica da seca, González puxo en valor o grupo de traballo creado pola Consellería para avaliar os seus efectos na nosa comunidade, “tanto directos como indirectos”, remarcou. Explicou, neste sentido, que dito grupo -no que están representadas as organizacións profesionais agrarias- xa celebrou a súa primeira reunión e comezou a analizar “sector por sector” cales son as consecuencias reais da seca en Galicia. Trátase, engadiu, de determinar os eidos máis prexudicados e de valorar, no seu caso, a posta en práctica de medidas económicas extraordinarias, no caso de darse a necesidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información