Xornadas en Monforte sobre mellora da xestión das explotacións gandeiras

Entre os días 16 e 20 de maio abordaranse aspectos como os investimentos, o cálculo das amortizacións técnicas ou os préstamos orientados á gandaría en extensivo, ao vacún de leite, ás explotacións gandeiras sen terra ou á fruticultura, vitivinicultura e apicultura

Xornadas en Monforte sobre mellora  da xestión das explotacións gandeiras

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- ten previsto celebrar a semana que vén no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos ata cinco xornadas sobre xestión técnico-económica de distintos tipos de explotacións. As accións, de catro horas de duración cada unha, desenvolveranse de 10,00 a 14,15 h.

O obxectivo dos cursos é presentar a xestión técnico-económica como unha ferramenta para impulsar a rendibilidade da actividade agrogandeira, analizando o concepto e -de maneira pormenorizada- as fases que comprende, así como o produto final que se obtén. Tamén se abordarán aspectos como os investimentos, o cálculo das amortizacións técnicas ou os préstamos, para finalizar con exercicios prácticos que axuden aos alumnos a asimilar o aprendido.

Programa

Así, o 16 e o 18 de maio están programadas senllas sesións orientadas á gandaría en extensivo, o 19 haberá unha centrada nas granxas sen terra e o día 20 unha para os titulares de explotacións de cultivos, fruticultura, vitivinicultura ou apicultura. A quinta xornada -dirixida ao vacún de leite- será tamén o luns 16 e nela falarase da situación do sector, así como da aplicación Conta Láctea, impulsada pola Xunta para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción e profesionalizar a xestión das súas explotacións.

Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes.

A inscrición nos cursos pode facerse por internet a través desta ligazón: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas

As persoas interesadas en obter máis información poden enviar un email a cesar.crespo.vazquez@xunta.gal ou chamar ao teléfono 982 889 106.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información