Xornada de prezos de récord nos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia acada un prezo medio de récord nos becerros carniceiros. No vacún maior, unha parella de bois logran prezos por encima dos 8.500 euros e sitúanse entre os mellor pagados da historia da lonxa

Xornada de prezos de récord nos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

Parella de bois que acadaron os prezos récord este martes en Silleda, ó venderse por 8.729 e 8.679 euros. // Foto. Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca acadou este martes prezos de récord. Lográronse prezos máximos nos becerros carniceiros e no vacún maior. Na recría, os tenreiros de cruce cotizaron á baixa, mentres que os tenreiros pintos se mantiveron con prezos medios por encima da semana pasada. Nas mesas de cotizacións do porcino houbo baixadas nos porcos cebados e mantéñense sen cambios os leitóns. Os ovos experimentaron novas subas en tódalas categorías.

A deste martes foi unha xornada de récord en especial no vacún maior, cunha parella de bois que se sitúan entre os mellor pagados da historia de Central. En concreto, tiveron un prezo de 8.729 euros e 8.679 euros, polo que acadaron o terceiro e o cuarto maior prezo por un exemplar de vacún maior. Por encima destas cantidades na Central soamente se sitúan os prezos pagados por outros dous bois, os cales acadaron 10.469 euros o pasado 1 de marzo e 9.927 euros o pasado 15 de febreiro.

Neste caso trátase de dous bois mestizos de 5 anos e procedentes dunha gandería de Val do Dubra (A Coruña) e coa etiqueta suprema “Vaca e Boi de Galicia”. Ambos animais foron adquiridos por Frigoríficos Bandeira, situada en Silleda (Pontevedra).

En canto ós prezos medios do vacún maior, a tendencia foi á baixa a excepción das categorías de maior calidade. Así, as vacas da extra tiveron un prezo medio de 2.118 euros, o que supón unha suba de 147 euros con respecto da semana pasada. O prezo medio dos animais comercializados baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia experimentaron unha suba de 856 euros, en parte motivada polos prezos de récord acadados pola parella de bois. Así, esta xornada o prezo medio está nos 3.414 euros.

Mentres, as vacas de primeira descontaron 11 euros e a cotización media sitúase nos 1.149 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio está nos 745 euros, o que supón 17 euros menos. Na categoría de desfeito houbo unha baixada de 15 euros e o prezo de referencia atópase nos 431 euros.

central agropecuaria de Galicia_ becerros

Becerros carniceiros este martes en Silleda. // Foto. Central Agropecuaria de Galicia.

Os becerros carniceiros foi outra das seccións nas que se lograron prezos de récord, ó acadarse o maior prezo medio desta categoría, con 1.031,74 euros. Ata este momento, a cotización media máxima estaba nos 1.020,04 euros, que se rexistraran o pasado 12 de xullo. En boa parte das categorías houbo subas de prezos. Así, os tenreiros frisóns experimentaron unha suba no valor medio de 245 euros e sitúanse nos 855 euros. Nos machos de cruces industriais, o prezo medio incrementouse en 109 euros e acadan os 1.090 euros. As femias desta sección mantéñense nos 912 euros da semana anterior. O prezo de referencia dos becerros de Rubia Galega foi de 1.121 euros, é dicir 91 euros menos. Nas femias desta raza houbo unha suba de 13 euros e teñen un valor medio de 977 euros. Nos animais de IXP Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 1.147 euros, é dicir, 77 euros menos.

Cotizacións da recría

En canto á recría, nos becerros frisóns, os máis novos, os de menos de 20 días, foron das excepcións entre os pintos ó rexistrarse unha baixada do prezo medio de 4 euros. Deste xeito, cotízanse de media a 110 euros. Mentres, nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando do mercado; o prezo medio incrementouse minimamente 2 euros con respecto da semana pasada e atópase nos 122 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha suba de 6 euros e o prezo medio foi de 153 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia foi á baixa. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días o prezo medio situouse nos 305 euros, o que supón unha redución de 14 euros. Nos animais de máis de 50 días houbo unha baixada de 43 euros no prezo medio e sitúanse nos 399 euros. Os becerros máis novos, os de menos 20 días, foron a excepción cunha mínima suba dun euro, polo que o prezo medio de referencia se sitúa nos 261 euros.

Central Agropecuaria vacun 18_10_2022

 

Baixadas do porco cebado e subas no mercado do ovo

A mesa de cotizacións do porcino acordou esta semana baixadas nos prezos dos porcos cebados, mentres que os leitóns se manteñen unha semana máis sen cambios. O porco selecto e o normal experimentaron unha baixada de 0,01 euros e cotízanse a 1,740 e 1,715 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,227 euros logo de descontar 0,013 euros. A baixada máis significativa, de 0,03 euros, produciuse nos animais de descarte. Agora o prezo sitúanse entre os 0,7 e os 0,76 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 61 euros (cun prezo de 3,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 56 euros e cun prezo por quilo de 2,8 euros.

O mercado do ovo experimentou esta semana subas de 0,05 euros en tódalas categorías. Agora os ovos da XL cotízanse a 2,72 euros a ducia, os da L están nos 2,47 euros, os da M cotízanse a 2,08 euros e os da S a 1,85 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas atópanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Central agropecuaria porcino 18_10_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información